Domingo 28, Novembro 2021
HomeCulturaUN LIBRO PARA A MEMORIA

UN LIBRO PARA A MEMORIA

NARRATIVA
A Lavandeira de San Simón. Eva Mejuto. Ilustracións de Bea Gregores. Xerais. Vigo, 2021 (2ª ed.). 40 páxinas

 

por Camiño Noia

Coma noutros anos, este 18 de xullo estiven na illa de San Simón para homenaxear as vítimas do franquismo. Nese fermoso lugar, que os fascistas vencedores da guerra civil converteron nun campo de concentración, recordamos os tráxicos sucesos dos presos que o habitaron. Convidada pola Asociación «Iniciativa galega pola memoria», que organiza ano tras ano esta homenaxe, a xornalista Eva Mejuto fixo unha emotiva intervención na que falou do seu libro A lavandeira de San Simón publicado por Xerais. Un libro de estrutura moi simple que conta dúas historias reais de fondo dramatismo, representativas de moitas das que sucederon polas mesmas datas. A través da relación de amizade de dous rapaces deslexitimados por pertenceren á estirpe dos «roxos», a autora trata de transmitirlle á mocidade a memoria do ocorrido naquel lugar.

A narración está focalizada por Teresa, unha nena de Cesantes que vive coa nai, a lavandeira que lava a roupa dos presos no río e os mércores lévaa á illa; un lugar que a filla observa desde a ventá da casa e por onde ve andar homes fracos e cheos de frío. O seu pai disque está emigrado en América, pero o certo é que está en San Simón. Teresa coñece a Xulio no peirao, o fillo de Peregrina Outeda que acompañaba a nai no camión do peixe desde Portonovo para visitar a Rafael Lima, o pai preso na illa, acusado de militar no sindicato mariñeiro. Durante a viaxe, Xulio vía como a nai miraba con ansia as gabias da estrada por se descubría o corpo do seu home entre os mortos que cada mañá aparecían na beira das estradas. «Xulio nunca esqueceu as visitas de neno á illa, nin o medo, nin a vergoña, nin a fame, nin a impotencia de ver o seu pai tralas reixas e non poderlle nin dar unha aperta, e a súa nai, no camiño de volta, sen parar de chorar con pena e rabia», contou Eva en San Simón.

A lavandeira de San Simón está escrito coa paixón emocional de cumprir o desexo dun dos presos da illa que xa de vello lle pide á neta que conte o que alí pasou, «que non se esqueza para que non se repita». Desexo que foi para Eva o cerne da narración. Por se iso non abondase, o libro está ilustrado con fermosos deseños de Bea Gregores e fotos de presos e de familiares que o enriquecen. E con el, Xerais inicia a colección «Pequena memoria» sobre as atrocidades cometidas polo Réxime franquista e os seus seguidores, dirixida á rapazada; feitos que nos foron ocultados nos anos da Transición.

Para Eva Mejuto, «hoxe máis ca nunca cómpre lembrarlle á mocidade as vidas que custaron para chegar ás liberdades das que hoxe podemos gozar. O moito que custou conquistalas e o pouco que pode custar perdelas». Só coñecendo a verdade do que pasou poderán entender a Historia actual e os brotes de novo fascismo que está a xurdir na España actual. E ademais, dándolle protagonismo ás mulleres, a autora quere que a memoria da traxedia se focalice tamén nelas, nos fillos e nas fillas dos presos e dos mortos que foron «vítimas silenciosas e silenciadas» da guerra civil. Xa nos deu mostras de como facelo nos seus libros anteriores: Memoria do silencio, publicado tamén por Xerais, e Matilde, co que gañou o XI Premio Matilde Bares do concello de Bueu en 2020.

Parabéns a Xerais e a Eva Mejuto por iniciar unha colección de «álbums testemuño» con A Lavandeira de San Simón, que vai continuar cun libro de Manuel Rivas. Oxalá que a intención que leva implícita se cumpra e chegue á mocidade actual a memoria do acontecido nos terribles anos da guerra civil e da posguerra, para que nunca máis se repita.


 

Novidades