Sábado 8, Maio 2021
HomeCulturaUN CEO POBOADO DE PAXAROS NEGROS

UN CEO POBOADO DE PAXAROS NEGROS

BANDA DESEÑADA

Siempre tendremos 20 años. Jaime Martín. Norma Editorial, 2020. 156 páxinas.

 

por Manu Barreiro

Este é o terceiro tomo da triloxía familiar de Martín, que comenzou coa historia dos pais en Las guerras silenciosas (2014) e continuou en Jamás tendré 20 años (2017) coa dos avós. Agora completa o percorrido interxeracional e familiar polos últimos noventa anos da historia de España coa súa propia adolescencia. Unha obra magna non só polo percorrido temporal senón, sobre todo, polo emocional, pola catarse vicaria que pode (e debe) significar.

Despois de contarnos os anos da ditadura, o peso inmenso da dura posguerra e como a súa familia foi transitando aqueles anos de fame e represión, neste cóntanos a súa propia adolescencia e o que lle marcou nacer onde naceu, nesa familia e nese lugar, o extrarradio de Barcelona. Unha viaxe polo seu crecemento coma persoa e coma profesional, a importancia das revistas de BD como viveiro de autores e de personaxes de importancia capital no desenvolvemento desta arte –e da súa vida profesional– coma Beá e Marián.

O autor mestura con man de artesán o familiar, o crecemento persoal, o entorno social, o barrio e a historia viva deste estado con ínfulas de imperio e corpo de colonia. A década dos oitenta, terríbel en todos os aspectos posíbeis –pese á súa glorificación mercantilista presente– foi unha permanente oda ao mal gusto estético, musical, cinematográfico e cultural. Un caldo gordo de nostalxia patética que enxalza a pijos madrileños que escolleron ser yonkis de postal coma epítomes da rebeldía contra os seus papis ricos que como non tiveron a decencia dos verdadeiros deseherdados para rebentarse a chutes nun portal, remataron pedindo o voto para os máis fachas. Un noxo de década e un desastre de relato inventado chamado «a transición» e o seu fillo bastardo «a movida» –os eufemismos por excelencia deste estado mediocre–. Os anos finais do século vinte regados da violencia que detonaba a impotencia, a heroína, o problema social que significaba unha xeración –os babyboomers– que, como cantaban os Pistols, non tiña futuro. A caída do mundo dos dous grandes bloques, os anos do crecemento salvaxe do neoliberalismo e dun país que progresaba a base de cultura do pelotazo.

Martín fai un exercicio de espido persoal e familiar e tece unha historia na que, aínda sendo el mesmo a guía, o que conta é o percorrido vital de dúas xeracións, a súa, mais tamén indirectamente a dos seus pais.

No aspecto gráfico é unha obra sobresaínte, como as anteriores entregas. O dominio de Martín da narrativa, do debuxo e a cor fai desta unha obra imprescindíbel a todos os niveis. O manexo dos ritmos e das cadencias de narración, a capacidade de síntese de ideas e secuencias é absolutamente magnífica o manexo dos recursos coma introducir na narración a música que, en certo modo, pon os signos de puntuación e subliña momentos. Certamente Martín ten un estilo que poderiamos encadrar no clásico. Agradábel, detallista e herdeiro da tradición da liña clara da BD francobelga. Si, é certo que é clásico, mais non por antigo senón porque podería usarse como modelo a imitar nesta novena arte nosa.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]