CINEMA
PINOCCHIO (Italia, 2019)
Dirección: Matteo Garrone; Produción: Paolo del Brocco, Matteo Garrone, Anne-Laura Labadie, Jean Labadie, Jeremy Thomas; Guión: Matteo Garrone, Massimo Ceccherini; Música: Dario Marianelli; Fotografía: Nicolai Brüel; Montaxe: Marco Spoletini; Dirección artística: Francesco Sereni.
Intérpretes: Federico Ielapi, Roberto Benigni, Gigi Proletti, Rocco Papaleo, Massimo Ceccherini, Marine Vacht, Paolo Graziosi, Marcello Fonte, Teco Celio, Davide Marotta.
por Yolanda López
Dado a coñecer internacionalmente con Gomorra (2008), adaptación da novela de Saviano sobre os tentáculos da Camorra, e aplaudido máis tarde por títulos como Reality (2012) ou Dogman (2018), Matteo Garrone estreaba traballo na pasada Berlinale: unha nova adaptación de Pinnochio. Nominada a 15 premios Donatello dos que acadou 5 técnicos, chegaba logo de semanas de confinamento ás pantallas do noso país a finais de setembro. Se impensable era o seu director, o actor barallado para o papel de Geppetto levaba tamén á sorpresa: Toni Servillo. Finalmente Roberto Benigni (quen se achegara ao clásico hai un par de décadas sen recuperar nin parte dos 45 millóns de orzamento da loucura) collía o relevo como creador do burattino di legno; nunha interpretación tan melodramática como vén sendo habitual nel (concordaredes que quen sube a unha cadeira para recoller un premio tende á sobreactuación).
No guión xunto a Garrone traballa Ceccherini (quen tamén interpreta ao raposo do conto) apostando por unha fidelidade case total pola obra orixinaria. A estrutura do filme acusa logo o carácter episódico de cada unha das entregas de Carlo Collodi, publicadas semanalmente nun xornal a finais do XIX xunto ás ilustracións de Enrico Mazzanti. A visión é moito máis escura, sombría e sinistra que no clásico Disney; lembremos que o monicreque protagonista vai ser aforcado, roubado, golpeado, queimado e secuestrado, nunha viaxe estraña, fantástica e miserable, até chegar á “resurrección”.
Malia a encomiable dirección artística de Francesco Sereni, o deseño de personaxes renxe polas desafortunadas antropomorfizacións de Pepito Grilo ou a Muller caracol. O filme fracasa sobre todo no ton. Cumpriría que tivese escollido mellor o público destinatario: demasiado cruel para o infantil, demasiado guignolesco para o adulto. Por se fose pouco, pretende que aturemos dúas horas na butaca, pero desatende tanto o ritmo narrativo como a principal pulsión que movía ao protagonista, a de se converter nun ser de carne e óso.
Non vos aflixades, semella que para 2021, cando o noso nariz tamén teña mudado por mor das máscaras, Robert Zemeckis e Guillermo del Toro compartirán novas interpretacións da marioneta de Collodi. A segunda delas en stop motion e con música de Alexander Desplat. Se cadra daquela paga a pena a entrada.