ARTE
Artista: La Ribot
Comisario: Iñaki Martínez Antelo
Lugar: CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), Santiago de Compostela
Do 18 de setembro 2020 ao 10 de xaneiro 2021
por María Marco
Así respondeu a anarquista Emma Goldman aos que a increpaban por bailar nas reunións políticas e é que non hai nada máis libre que un corpo en movemento. La Ribot (Madrid, 1962) sabe empregar moi ben o seu coma un corpo intelixente que constrúe, desde a danza, un relato que dinamita as categorías. Armándose desde as marxes transgride os convencionalismos respecto ao público, o coleccionista, a improvisación, o espazo, o tempo ou o corpo, recodificando a ortodoxia da videoarte, a pintura ou a performance.
A revolución de La Ribot comeza nos anos noventa cando traballa como coreógrafa profesional até que nos dousmil grava o seu propio corpo en movemento cunha steadycam doméstica, iniciándose na linguaxe da videodanza. O plano secuencia e a obsesión polo testemuño do real pódense apreciar en varias pezas expostas no CGAC como Despliegue ou Mariachi 17, pezas que desafían as convencións videográficas e a integridade do punto de vista. Na primeira, a escena pictórica componse desde un plano cenital; na segunda, o plano secuencia e a toma única combínanse co tremor do ollo-cámara nunha busca do vital onde aparecen desde unha foto de Paul Newman a obxectos persoais ou unha man que acaricia diferentes texturas. Tamén estará a súa famosa instalación Walk the bastards (2017), unha colección de cadeiras de madeira encartables –un dos seus obxectos fetiche– con textos pirografados en diferentes zonas e que o espectador ten que manipular e voltear, implicando activamente o seu corpo para a súa lectura. Na peza videográfica Film Noir converte aos figurantes das grandes producións cinematográficas en protagonistas, desprazando o foco cara a esa figura invisible, nunha bela reflexión sobre o traballo e o proletariado. La Ribot fai zoom nas súas caras e dedícalles a totalidade do plano como homenaxe aos extras de películas como Espartaco, de Stanley Kubrick, ou a O Cid de Anthony Mann. Pero se queren ver a creadora en vivo, acudan o 18 de setembro ás 19 horas, o día da inauguración, á representación de Pièce distinguée nº 45, pertencente á súa coñecida serie de case cen Pezas distinguidas de duración breve e indeterminada; un dueto no que unha única acción invoca o eros e o tanathos a través da aplicación continua de pintura vermella que tingue a roupa e a pel.
La Ribot recibiu no ano 2000 o Premio Nacional de Danza, e este ano 2020 foi galardoada co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia. O 18 de setembro inaugura no CGAC unha das exposicións máis agardadas do ano, Manual de uso, con curadoría de Iñaki Martínez Antelo dentro do festival Performa, unha programación dedicada en exclusiva ás artes performáticas que se celebra do 10 ao 18 de setembro en diferentes escenarios de Santiago de Compostela.