Domingo 28, Maio 2023
HomeCulturaMÚSICA CELESTIAL

MÚSICA CELESTIAL

MÚSICA

A Girl Called Eddy – Been Around (Elefant. Xaneiro, 2020)

 

por Carlos Rego

A primeira sensación canda a edición do segundo disco de A Girl Called Eddy é de estrañeza. Como é posible que pasaran dezaseis anos dende o seu debut, tendo en conta a boa acollida que tivo este? Amosando unha saudable capacidade de rirse de si mesma, o primeiro que se escoita no disco, antes de comezar a primeira canción, é unha voz que pregunta: Onde estiveches, rapaza? “A vida”, seica dixo nunha entrevista, “que voa sen que ninguén se dea conta”. Pode que Erin Moran, a muller que se agocha tras o nome artístico, dea a clave nunha das súas letras, a que fala de cargar co peso de toda unha vida de soños. Moran, norteamericana de New Jersey, semella vivir musicalmente fóra do seu tempo, nun mundo de seu quizais pasado de moda, pero creando cancións imbatibles que cativarán os corazonciños dos bos afeccionados ao pop de cámara.

A impresión de anacronismo andante increméntase con esa súa afección a saír medio agochada nas fotos, e coa radical falta dese exhibicionismo que adoita ser a norma na meirande parte das cantantes actuais. Non hai necesidade aquí dunha presenza física rechamante, é a música a que fala e non a imaxe nin as pirotecnias vocais. Tampouco se pode dicir que sexa a alegría da horta. Hai excepcións, mais o seu terreo preferido é a melancolía, a tristura, o melodrama do desengano amoroso. Porén, e aí está a chave da súa proposta, o desconsolo chega envolto nunha amalgama sonora para a que se creou a expresión música celestial (é obrigado mencionar o traballo na produción de Daniel Tashian), e cantado cunha voz doce e segura de si mesma, moi traballada polos golpes da vida.

Hai ecos de Carole King e Dusty Springfield, tamén dunha Laura Nyro menos visceral. Ela menciona ao Todd Rundgren dos anos setenta e a súa admiración pola elegancia e inspiración de Burt Bacharach, quizais sobre todo naquelas marabillas que compuña para Dionne Warwick. Todo iso resoa nestas melodías complexas que non o semellan, como a de «Charity Shop Window», melodrama no que a visión da protagonista do abrigo da súa ex parella no escaparate dunha tenda de segunda man esperta unha viaxe mental polas oportunidades perdidas. Outras cancións amosan a resiliencia ante os reveses que traen os anos e a debilidade polas relacións problemáticas, ou cántanlle a amigos que o tempo esvaeceu, aínda que tamén á primeira faísca dun amor adolescente e fuxidío. Un, aos seus anos, non pode evitar derreterse ante cousas como «Someone’s Gonna Break Your Heart», monumental canción pop que lembra á Chryssie Hynde máis romántica e á idade dourada dos girl groups dos primeiros sesenta.

“Só quería escribir cancións inesquecibles”, contestou cando lle preguntaron pola súas aspiracións musicais, e abofé que inesquecibles son as que compoñen Been Around. Os dezaseis anos de espera pagaron a pena, vaia que si. Só cabe pregar que non teñamos que agardar outros tantos polas seguintes.