Qatar é unha monarquía absoluta, un emirato que conseguiu a independencia de Gran Bretaña en 1971. Do tamaño das provincias de Ourense e Pontevedra unidas, esta península costeira da península Arábiga só ten unha fronteira terrestre, Arabia Saudita. O resto do territorio rodéao o golfo Pérsico. A poboación non chega aos tres millóns, como a suma das catro provincias galegas. A principal diferenza entre Galicia e Qatar, en canto a número de habitantes, estriba en que un terzo do total dos da península de Qatar son homes.
A baixa cifra de mulleres débese a que só un 12% da poboación é qatarí. O resto son expatriados, homes que deixaron as familias en India, Paquistán e Bangladesh, sobre todo, e que traballan na construción, na limpeza e na agricultura, para manter incólume un país que florece no deserto. Unha nación que manexan e dirixen as elites locais, mais que conduce a xente de fóra, sempre estranxeira, xeración tras xeración.
As novas xeracións semellan máis interesadas no fútbol e en toda a pompa e boato que adorna o país este ano, e que xira ao redor deste deporte. Grazas a el, as estradas que unen a capital co resto do país convertéronse en oasis onde florecen estadios de fútbol e verxeis de cemento que dan a benvida ao Mundial.
As ondas de area que formaron esta illa de dunas permanecen intactas baixo o manto de cemento que alfombra a capital, Doha. Esta, fronteira artificial entre o deserto e a auga, entre pasado e futuro, acubilla nacións enteiras que silencia co benestar do pan e o fútbol, unha fe que une e separa, e que aperta o presente co mantra do gol e os hurras do 80% da xente que vive no país, a maioría turistas con visado para traballar e sen tempo para viaxar nin indagar como crece o céspede natural en estadios de fútbol artificiais.
As carreiras de cabalos e as de camelos, amais da cetraría, son os deportes tradicionais desta península arábiga. Con todo, as novas xeracións semellan máis interesadas no fútbol e en toda a pompa e boato que adorna o país este ano, e que xira ao redor deste deporte. Grazas a el, as estradas que unen a capital co resto do país convertéronse en oasis onde florecen estadios de fútbol e verxeis de cemento que dan a benvida ao Mundial. O espectáculo está servido, comeza unha nova era.
Por primeira vez nos case cen anos de historia do campionato, a sede é un país árabe. Por vez primeira, participa o equipo nacional de Qatar, un combinado que ansía exportar a imaxe dunha nación cálida e acolledora á vez que importa viaxes de negocio e pracer, pois a economía local precisa de novos incentivos. Aínda que os cálculos vaticinan que o petróleo dará vida a varias xeracións de qatarís, é necesario buscar substitutos, e o turismo, unha moda crecente nos últimos anos, semella topar unha boa pasarela, ata hai pouco descoñecida e exótica.
Aínda que os cálculos vaticinan que o petróleo dará vida a varias xeracións de qatarís, é necesario buscar substitutos, e o turismo, unha moda crecente nos últimos anos, semella topar unha boa pasarela, ata hai pouco descoñecida e exótica.
Coas temporadas de fútbol xa comezadas nos principais torneos, o campionato do mundo chega como receso á vez que disparo de saída para a tempada de cetraría. Os meses de outono e inverno son os do adestramento e competición dos falcóns, a mellor ocasión para observar estas aves compañeiras de nobreza e prestixio no mundo árabe. Emblema do país, serve para manter a nación ancorada a un pasado nómade que fuxía das altas temperaturas, como o fútbol. É por iso que o espectáculo do deporte rei muda de datas nesta ocasión, para escapar de temperaturas que poden alcanzar os 50ºC. E aínda que o aire acondicionado sexa común, mesmo ao aire libre, os últimos meses do ano aportan outras brisas máis agradables. Estas incluso permiten pensar nas praias non masificadas de Qatar.
Un lugar con árbores que dan perlas
Os areais do golfo Pérsico adoitan congregar familias e grelladas; noutras palabras, son un centro de reunión ao aire libre, onde o plástico domina sobre o coral. Así a todo, as praias privadas dos hoteis e as máis afastadas da urbe permiten explorar augas de cor turquesa e extensións de hamacas que facilitan achegarse a ese futuro enclave turístico que espera baixar da lista de lugares máis contaminantes do mundo. Porque non son as praias as que aumentan a polución, senón o consumo de produtos importados e envasados, e a extracción de petróleo e de gas natural.
Os combustibles fósiles son os que fan de Qatar o país máis rico por habitante. Un feito que contrasta cos datos de hai só un século, cando os beduínos só sobrevivían, malia xa seren famosos a un lado e outro das rutas comerciais. Porque a posición estratéxica da península valeulle que nela se acomodasen xentes de diferentes procedencias e que intercambiasen produtos. Entre estes destacan as perlas, un banquete prezado no pasado e no futuro.
Os portugueses asentáronse aquí no século xvi e testemuñaron as riquezas desta base comercial na que se podían adquirir cabalos, dátiles, téxtiles e, sobre todo, perlas. A presenza lusa incentivou a pesca de ostras e aumentou a exportación, xa estimada por Cleopatra, quen abraiou a Marco Antonio na máis suntuosa e frugal cea que xamais tivera. Foi nela na que a raíña bebeu dunha copa que contiña unha perla, como relata Plinio, quen recolleu a anécdota a comezos da nosa era. Nela detalla como as máis prezadas destas bólas de nácara poden atoparse nas augas do golfo Arábigo. Alén desta cita, no Corán descríbese o paraíso como un lugar con árbores que dan perlas e no que todo estará orlado por ditas xoias. Así pois, é evidente a súa importancia no mundo árabe e isto explica a sona da perla qatarí.
A día de hoxe, o nácar da ostra segue a ser un obxecto prezado. A principal diferenza con respecto a décadas pasadas son os métodos de obtención, que mudaron coa chegada do comercio masivo. Hoxe en día xa non é un deporte de risco, nin o traballo forzado dun grupo de escravos. Os mergulladores que quedan relatan a difícil fazaña de somerxerse para conseguir ostras. Afastados da terra e metidos no mar durante períodos longos do verán, respirar era unha gran dificultade e, sobre todo, baixo a auga. Nela metíanse en quendas dun máximo de dous minutos para lograr, paseniño, encher cestas coas que logo repartir beneficios.
A importancia da perla na historia deixou a súa pegada na Doha moderna. Por iso, unha das iconas da xungla de rañaceos qatarí é a illa artificial da Perla. Unha ponte une o centro da cidade co paraíso de tendas, edificios e chalés dispostos como un colar de nácar. En cada unha das contas da prezada gargantilla brilla a luz propia dunha ostra.
Dende a illa da Perla, en Doh, é posible contemplar a cidade enteira: o deserto, o mar e a Venecia enclaustrada do Villagio Mall, un centro comercial que permite ir de tendas en góndola, observar o ceo estrelado e perderse entre compras e outros pasatempos máis fríos, como patinar sobre xeo.
A illa da Perla é un centro comercial máis na industria local, que se expande con tentáculos de asfalto que rematan en malls e estadios de fútbol. Un destes recintos é o Jalifa, sede da selección nacional. Flanqueada pola torre máis alta do país, un hotel de 300 metros de altura con forma de facho, dende ela é posible contemplar a cidade enteira: o deserto, o mar e a Venecia enclaustrada do Villagio Mall, un centro comercial que permite ir de tendas en góndola, observar o ceo estrelado e perderse entre compras e outros pasatempos máis fríos, como patinar sobre xeo.
Os diferentes centros comerciais que gobernan os arredores de Doha están pensados como vilas alegres cun amplo menú de actividades para o gusto do consumismo. Con todo, a maxestade permite visitalos como un museo máis ou como unha peza máis dos elos que constrúen Qatar. Se ben os malls amosan o presente máis comercial, o pasado non deixa de estar ligado a esta actividade: o mercado. Así, o zoco conserva o cheiro deixado pola ruta do incenso e das especias, e alimenta as lendas e os contos que acubillaron mercadores por máis de mil e unha noites. Porque no zoco convive o mercado de falcóns coas cores máis diversas dos condimentos alimenticios ou os sons do pasado e as vistas da historia.
Souq Waqif representa o Qatar que foi, a cidade vella da que agromou o comercio e o turismo actual. É un labirinto de rúas construídas con adobe e revestidas de ouro e de miradas de camelos e cabalos. As alfombras que descansan nas canellas locen a xogo coas lámpadas e os cristais que escintilan silandeiros mentres a música se coa por entre as baldosas. O recendo a majbus, arroz con carne ou peixe, a ghuzi, cordeiro, a kusa, cabaciña rechea, a warak einab, follas de vide recheas, ou a doces como o luqaimul, flúe co ronronar do café a gurgullar, do té a mesturarse no azucre ou das shishas que convidan a bailar ao ritmo do seu fume.
No camiño entre as novas rutas comerciais, como os antigos caravansares, que servían de área de descanso, eríxense os museos. O museo nacional conserva o aroma do pasado ao imitar unha rosa do deserto por fóra. Deste xeito, o edificio aproxímase aos misterios do deserto, que se entrelazan nos pétalos en forma de coitela, segundo afirma o arquitecto que o deseñou, Jean Nouvel. No interior, o espazo conversa co pasado, o presente e o futuro e proxecta imaxes e propón actividades que logran que se viva cada momento con precisión, sen afastarse de ningunha época.
O misterio de Qatar, que estoupou de riqueza nas últimas décadas, florece malia a carencia de auga potable e o volátil apoio de amizades veciñas que deveñen en inimigas. O feito de ser un dos poucos países sen ríos e con pozos de auga potable secos, non impide que domine deportes que nunca reinou nin terreos que son alleos. De aí que entre 2017 e 2021 quedase illado, pois países da súa contorna, dos que se abastecía, pecharon relacións diplomáticas. Acusouse Qatar de influír nas revoltas da primavera árabe e de financiar o medio de comunicación Al-Jazeera como estandarte das protestas e defensor de grupos terroristas. As tensións provocaron que crecesen os lazos económicos e militares con Irán, mais no último ano suavizáronse os problemas e normalizouse o contacto diplomático na zona.
Entre zocos e mesquitas, parapetada polo deserto e mais o mar, Qatar navega nun areal comercial que museifica. Entre metais e alucinantes oasis de creación humana, o sol sempre se pon baixo unha alfombra mesta de nubes e luces, de salgadas travesías nómades asentadas entre cemento e asfalto e de migracións que sementan mudanzas veloces, como o valor das perlas no mercado.