Os festivais de cinema levan xa tempo convertidos nunha das apostas culturais máis atractivas de Galicia. Ata o cambio de século, practicamente sobraban os dedos dunha man para enumerar as citas máis selleiras, entre elas o compostelán Cineuropa (dende 1988) ou o Festival de Cine de Ourense (iniciado en 1996). Os ventos de cambio chegarían fará uns vinte anos, atopando dende entón unha diversidade de festivais e mostras cinematográficas que permiten testemuñar que Galicia é “terra de cinema”.
A tempada alta dos festivais de cinema galegos iníciase en setembro e esta esténdese ata o mes de novembro. Son moitas as citas celebradas dentro das nosas fronteiras, o que complica a asistencia a todas por parte dos máis apaixonados á sétima arte. Tan só no último mes tiveron lugar máis de media ducia de eventos destas características, moitos deles solapados nas mesmas datas. Sen dúbida, a planificación da axenda é unha das materias pendentes a resolver e coordinar entre os distintos organizadores.
Mais, alén diso e algunha que outra incompatibilidade a maiores, o panorama festivaleiro defínese por unha gran variedade de enfoques. Dificilmente existen dous eventos marcados por unha mesma esencia. Isto supón un enriquecemento da oferta que obriga a prestar a conseguinte atención a cada proposta. Por iso, deixaremos constancia aquí dos cinco festivais máis interesantes entre os celebrados no pasado mes de setembro: o “Rir” de Allariz, o “FicVerín”, o “FicBueu” e os vigueses “Primavera de cine” e “Galician Freaky Film Festival”.
Unha cita coa comedia: o RiR
A comedia atópase entre os xéneros cinematográficos máis prezados polo gran público. Pese a esta popularidade, son poucos os festivais que se atreven a acoller esta identidade como a súa auténtica marca da casa. Atrevemento ou non, faise evidente o profundo prexuízo da comunidade cinéfila sobre este xénero en concreto, velaí ese esquecemento tan estendido entre curadores e críticos de cinema de todo o mundo. Certamente, habería moito por facer para revertermos esta idea.
A aposta do RiR de Allariz é ben clara: achegar ao seu público a mellor competición de curtametraxes cómicas do mundo, cometido ao que tan só lle falta acadar unha maior internacionalización para a súa selección de traballos.
En canto ao panorama galego de festivais, a esperanza para a comedia e o humor afiánzase ano tras ano grazas ao programa proposto polo Festival RiЯ —Festival Internacional de Curtas de Comedia de Allariz— (VI edición, 4-9 de setembro de 2023). A aposta é ben clara: achegar ao seu público a mellor competición de curtametraxes cómicas do mundo, cometido ao que tan só lle falta acadar unha maior internacionalización para a súa selección de traballos.
Amais dos pases competitivos, a programación desta edición completábase con outras actividades paralelas. Entre elas, destacaron os espectáculos de teatro infantil, a homenaxe realizada ao cineasta e caricaturista Manuel Summers con motivo do seu trinta cabodano, ademais da charla titulada “A saúde da comedia en España”. Moitas foron as reflexións xurdidas nesta conversa totalmente recomendable para os máis devotos da comedia, moderada con gran profesionalidade por Carlos Gurpegi (asistente ao festival en representación do afamado Festival de Cine de Comedia de Tarazona y El Moncayo).
Xa na entrega de premios chegaba outro dos momentos icónicos na traxectoria do festival, a entrega do premio honorífico “Rir contigo” que foi dedicado nesta ocasión ao actor Manuel Manquiña. Como pode intuírse, o Rir deste ano estivo cargado de risas e bos momentos, demostrando así que a súa identidade logrou exceder os límites da pantalla de cinema.
Paixón pola curtametraxe: do “FICVERÍN” ao “FICBUEU”
As vilas de Verín e Bueu foron quen de demostrar que as localidades máis pequenas tamén poden converterse en importantes plataformas para a cultura, rompendo así co centralismo urbanita. Proba diso son os seus festivais de cinema, unidos por un mesmo acrónimo e unha preocupación pola curtametraxe no seu sentido máis xeral. Malia todo, ambas citas contan con suficientes trazos diferenzadores para afirmar que estamos ante eventos con identidades e enfoques diverxentes.
Unidos por un mesmo acrónimo e unha preocupación pola curtametraxe no seu sentido máis xeral, os festivais de Verín e Bueu contan con suficientes trazos diferenzadores para afirmar que estamos ante eventos con identidades e enfoques diverxentes.
Por unha banda, o concello de Verín deixa clara a súa aposta cinematográfica co FICVERÍN, tamén coñecido como Vía XIV ou FIC Vía XIV —Festival Internacional de Curtas de Verín— (VIII edición, 8-17 de setembro). Como estandarte, o festival transpira un profundo sentimento de orgullo local, ao que habería que engadir a necesidade de facer reflexionar ao público coa súa selección. Esa é a motivación que resgarda as tres seccións competitivas do festival: “Horizontes”, “Nova” e “A Raia”, cadansúa definida por unha identidade propia.
Todo apunta a que o Vía XIV vai rumbo de consolidarse. Non en balde, o seu programa non deixa de medrar en cada nova edición. Como consecuencia, o incremento dun público desexoso de cinema tamén se volve un feito indiscutible. Con todo, unha revisión dos bloques de curtas podería axudar aos asistentes máis despistados a deixarse atraer por esta cita.
Nese sentido, a sección máis clara posiblemente sexa “A Raia”, marco do festival no que se dá cabida ao cinema realizado en Galicia e Portugal. Funcionaría o concepto de “fronteira” como elemento unificador de todo o festival? É posible. En todo caso, a progresión é un feito, polo que veremos a Verín resoar cada vez máis.
Na outra beira, álzase a alternativa proposta polo FICBUEU —Festival Internacional de Cinema de Bueu— (XVI edición, 8-23 de setembro). Non só falamos do festival máis veterano entre os aquí citados, senón tamén o máis estendido no tempo cunha duración de dúas semanas. Isto débese á ampliación da grella de programación nos últimos tempos cara a outras actividades a maiores do que é o certame de curtametraxes propiamente dito (10-17 de setembro). Con este deseño o festival cobre á perfección todas as necesidades do público, deixando sempre as curtas como o auténtico prato forte.
Pouco máis se podería dicir sobre o FICBUEU, salvo resaltar a fineza da súa selección, concibida como un compendio das perlas mostradas nos principais festivais internacionais (Cannes, Venecia, Locarno, Berlín…). A pesar diso, a falta de personalidade ten sido unha das críticas repetidas por algúns profesionais do medio. Dende logo, non eran parte do público do festival. De ser así, decataríanse de que a verdadeira esencia da cita radica no gusto polo bo cinema e unha necesidade conxénita de empregalo como unha ferramenta para o cambio social.
En resumidas contas: cinema capaz de remover conciencias. Posto que isto ocorre dende fai tempo, é de esperar que este ingrediente secreto siga marcando a súa esencia como festival durante moitos anos máis.
Os festivais vigueses: o “PRIMAVERA” e o “GFFF”
Moitos concordarán en que Vigo é unha cidade cunha gran conta pendente coa cultura. Acaso esaxeramos! Está claro que non, xa que isto é o que sucede cando se confunde a “cultura” co ámbito do “ocio e entretemento”. Dende logo, ambas realidades son igual de necesarias e lícitas, sempre e cando non se produza un desequilibrio entre elas. Dito isto, en que punto se atopa a cultura viguesa? Pois son esas pequenas iniciativas as que logran manter a chama viva. Se levamos a situación ao marco dos festivais de cinema, as dúas citas de setembro marcan o camiño da resistencia.
O festival vigués Primavera de cine ten como ideario o achegamento á galeguidade e á lusofonía fílmica. Subliñemos que o descoñecemento do cinema en lingua portuguesa é unha conta pendente entre boa parte do público.
Nos primeiros compases do mes, chegaba, case por sorpresa, unha nova edición do Primavera do cine —Festival de Cine Galego e Lusófono de Vigo— (XII edición, 5-10 de setembro). Como ideario, o achegamento á galeguidade e á lusofonía fílmica supón un interesante marco de traballo. Subliñemos que o descoñecemento do cinema en lingua portuguesa é unha conta pendente entre boa parte do público.
Malia as boas intencións de base, o festival vese lastrado por importantes eivas organizativas, na súa maioría motivadas por unha urxente precariedade orzamentaria. Se a isto lle sumamos outros condicionantes como a absurda norma de traballar cunha directiva rotativa para o propio certame, toda posibilidade de mellora a curto prazo roza case o imposible. Mesmo así, esta proposta conta co potencial suficiente para situarse como o gran festival da cidade en canto saiba resolver as súas fraquezas.
Case nas antípodas do anterior, o mes dábase por pechado co Galician Freaky Film Festival —Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo— (VII edición, 22-23/27-30 de setembro), unha iniciativa a medio camiño entre a contracultura e o falcatrueiro.
Falamos dunha apoloxía do “frikismo” moitas veces lastrada como concepto polo prexuízo dunha parte importante da sociedade. Nada máis lonxe da realidade en canto atractivo, xa que o GFFF ofrece unha auténtica experiencia cinematográfica, tanto dentro como fóra das súas proxeccións. Non en van, a súa selección conta con títulos de primeiro nivel; avais como Oberhausen, Cannes ou Locarno certifican creacións vistas nas ligas maiores.
Mais estamos tamén ante un espazo pensado para crear comunidade. Rompamos dunha vez por todas os tabús: o “Freaky” de Vigo é un festival capaz de mostrar con seriedade o underground sen renunciar á diversión.
Este repaso apenas profundou nestes cinco modelos. Cada un deles ben merecería un monográfico, mais iso suporía decantarse por un só e excluír aos demais. Quede este achegamento como un pequeno apoio a todos por igual, agardando que sigan baixo a senda dun futuro prometedor.