Redefinición do Cosmos cinematográfico do Festival Curtocircuíto

O Curtocircuíto – Festival Internacional de Cinema leva tempo revolucionando a oferta cinematográfica e cultural de Santiago de Compostela. Este ano chegaba á súa vixésima edición (3-8 de outubro), unha efeméride capaz de xerar a maior das expectacións entre os seguidores da cita. Vivida a experiencia, pódese dicir que se cumpriu co esperado grazas a un programa tan completo como interdisciplinario. Mais, aí estiveron eses momentos máxicos que marcaron a diferenza, fundamentais para pórlle o ramo a todo ese traballo de meses necesario para levar adiante un evento destas características. 

Se botamos a vista atrás, faise patente que Curtocircuíto é un festival que nunca deixou de evolucionar e reinventarse. A proba está nesa capacidade para erguerse como un dos principais festivais españois dentro da cinefilia máis esixente, apartándose así das súas orixes un tanto conservadoras. A liña do cambio foi o gran reto impulsado polo seu actual director Pela del Álamo, quen asumíu ese papel a partir do ano 2013. Era a entrada do festival na súa terceira fase, xa plenamente consolidado grazas ao labor do seu predecesor Tim Redford (encargado do mesmo entre 2007 e 2012). No entanto, o responsable entrante non se limitaba a coller o relevo sen máis dun festival xa feito, senón que o facía para dotalo dunha nova identidade. 

Dez anos despois do cambio, Curtocircuíto encamiña o seu programa cara a un novo enfoque. Esta redefinición ten como base unha maior concisión do esquema trazado, non por iso menos relevante que antano. Isto explica o nacemento de Cosmos, a nova sección competitiva do festival capaz de concentrar as antigas Radar, Explora e Penínsulas. Deste xeito, o novo “Curto 4.0” gaña en coherencia na súa relación co cinema que máis lle gusta, liberado de barreiras e etiquetas a prol do diálogo entre as distintas formas de contemporaneidade no cinema actual. 

O CORNO, a historia dunha ovación  

A presenza no festival dunha grande estrea galega ven sendo corrente dun tempo a esta parte. Contra todo prognóstico, a última peza firmada por Lois Patiño non foi a escolla desta edición, como sería de esperar. A elixida final recaeu en O corno (Jaione Camborda, 2023), un título que no momento do seu anuncio como filme inaugural —finais de agosto— aínda se trataba dunha potencial promesa do noso cinema. En todo caso, a cousa pintaba moi ben, coñecidas as seleccións en festivais de primeira liña como Toronto, San Sebastián ou Londres. Tan só tres días antes de inaugurarse o Curtocircuíto deste ano, a película de Jaione alzábase coa Cuncha de Ouro en Donostia, o que redimensionaba o seu interese e, en consecuencia, a estrea en Compostela. 

A aura poética de O Corno podería lembrar o cinema de Terence Davis, sen esquecer a xestualidade de Pedro Costa, referentes que aínda que non estivesen na mente da cineasta Camborda, habitan no seu filme. 

Chegado o día, boa parte dos membros do audiovisual galego ateigaban o Auditorio de Galicia. A entrada ao acto facíase con lentitude e grande alborozo. O paso polo photocall atraía todas as miradas. E, por fin, tras media hora de atraso, a sala Ángel Brage aclamaba cunha longa ovación a aparición de Jaione e os membros próximos do equipo, a destacar a actriz principal Janet Novás e a produtora Andrea Vázquez. Aínda tocaba outra media hora de intervencións institucionais, mais a espera pagaba a pena, xa que todos os alí presentes estabamos a piques de vivir un dos filmes galegos máis coidadamente respectuoso co noso. 

Tralo visionado da película, confirmábanse todas as expectativas xeradas. En primeiro lugar, a elección temática do drama rural conectaba á perfección coa galeguidade. Mais este era só o punto de partida dunha historia marcada polo feminino e todo aquilo que supón ser muller, sobre todo poñendo o foco na maternidade. Aí radican boa parte dos achados do filme, mostrando a capacidade de elección e a entrega maternal como temas de análise. A isto habería que sumarlle a importancia concedida á terra, á paisaxe, concibidas como un personaxe máis do filme. Todo acaba collendo un aura poética que podería lembrar o cinema de Terence Davis sen esquecer a xestualidade de Pedro Costa, referentes que aínda que non estivesen na mente da cineasta, certamente habitan no seu filme. 

Como non podía ser doutro xeito, o entusiasmo volveu reinar na sala tanto ao remate do filme como ao peche do coloquio coas súas responsables. Dificilmente o festival podería augurar un mellor arranque. En canto ao público asistente, moitos coincidirán que o resumo máis certeiro para aquela velada sería “brava, Jaione Camborda”. 

Outros momentos dunha edición especial  

A esencia do Curtocircuíto non só se topa no cinema presentado nas distintas seccións do programa, senón tamén en todos aqueles actos que o complementan. En ambos casos, o xa trillado nunca se manifesta nas escollas propostas, establecendo espazos de coñecemento e descubrimento únicos para o espectador. 

Sen ir máis lonxe, a xornada que seguía ao acto inaugural presentaba unha homenaxe ao dramaturgo e actor Roberto Vidal Bolaño, un dos persoeiros máis ilustres da cidade dos peregrinos. Grazas a un labor case detectivesco desenvolvido polo Cineclube de Compostela, a recuperación para o público da creación audiovisual de Vidal Bolaño foi do máis estimable. No entanto, era tan só a primeira de moitas outras iniciativas de relevancia. Os días seguintes acolleron encontros (coa cineasta Elena Martín e co fotógrafo Antoine D’Agata), disertacións máis formais (co colectivo gráfico Rapapawn e co artista visual Pedro Maia) e mesmo concertos nos que música e imaxe dialogaban cunha naturalidade atípica. 

Cada un dos actos mencionados gozou da súa particular importancia, mais por riba de todo estiveron as mesas redondas ideadas para xuntar a dúas personalidades provenientes de campos dispares da cultura. A primeira delas arrimou á escritora María Sánchez e á cineasta Elena López Riera. Esta reunión mostrou dúas personalidades case complementarias nas que conceptos como o territorio ou os procesos creativos marcaron o rumbo da conversa. O outro encontro xuntou ao ensaísta e poeta Ramón Andrés co músico Francisco Contreras, máis coñecido como “Niño de Elche”. Se algo caracterizou esta charla foi a intensidade dos comentarios vertidos, deixando momentos dunha elocuencia imborrable na memoria. 

Coa súa proposta, o músico Francisco Contreras achegábase a dous títulos icónicos do cinema surrealista —La Coquille et le Clergyman  e Un chien andalou— a través dun espectáculo de vangarda que callou fondo en boa parte da audiencia. 

Ademais de xurado oficial, o propio “Niño” tamén protagonizaba un deses concertos programados para este ano. Facíao cunha proposta na que se achegaba a dous títulos icónicos do cinema surrealista —La Coquille et le Clergyman (Germaine Dulac, 1928) e Un chien andalou (Luis Buñuel, 1929)— a través dun espectáculo de vangarda que callou fondo en boa parte da audiencia. Unha vez máis, o impredicible marcaba o pulso nunha das actividades do festival. 

Unha fiestra cara un cinema diferente  

Existen varios factores para considerar a selección de títulos desta edición entre as mellores do festival. Grazas ao seu novo enfoque competitivo con Cosmos, o programa gañou en claridade, ao tempo que mostraba a diversidade do cinema mundial máis arriscado baixo unha mesma identidade. Tan só o ámbito galego mantivo a súa independencia, ora coa sección Planeta GZ, ora con Supernova, o apartado reservado aos nosos cineastas noveis. 

 Nazarbazi, da iraniana Maryam Tafakory, na que amosa a censura e a represión vivida polo cinema no seu país, levou o premio principal do certame, e An Asian Ghost Story, de Bo Wang, conseguiu o premio Cosmos á película máis innovadora. 

Dito o anterior, o acto de clausura do festival daba a coñecer o palmarés deste ano, en liñas xerais moi atinado á hora de recompensar algunhas das xoias programadas. O premio principal, con recendo feminino, foi parar a Nazarbazi (2022), a xeitosa fita da iraniana Maryam Tafakory. Partindo da reflexión artística e da crítica política, o filme apela á poética do seu collage para mostrar abertamente a censura e a represión vivida polo cinema do seu país. 

Igual de interesante foi o outro galardón destacado da noite, o Premio Cosmos á película máis innovadora que foi para An Asian Ghost Story (Bo Wang, 2023) —tamén contou co respaldo do Xurado Novo—. Neste caso, a modernización asiática de finais do século XX serve de punto de partida para falarnos sobre a importancia da industria das perrucas na heteroxénea Hong Kong. En canto ás historias de pantasmas do título, estas son só a pequena trampa do filme para darnos a coñecer a cultura, a economía e a situación sociopolítica deste contexto tan particular. 

No panorama local, o gran triunfador da noite foi Xacio Baño, obsequiado co Premio Crea ao mellor director galego por Non te vexo (2023), un ensaio visual sobre fotografías analóxicas con erros que tamén obtivo o Premio Galiza. 

Entre as premiadas nacionais non podía faltar a hipnótica Mamántula (Ion de Sosa, 2023). Falamos dun thriller de xénero que parte dunha premisa ben tola: unha araña extraterrestre e transhumana sementa o caos na escena queer e cruising de Berlín coas súas mortíferas felacións. Sen dúbida, a orixinalidade e a delicadeza visual fan desta creación un dos títulos máis valentes da nosa cinematografía actual. Un enfoque máis crítico despréndese de Aunque es de noche (Guillermo García López, 2023), merecedora do Premio do Público. A lamentable situación da Cañada Real, barriada madrileña sen subministro eléctrico dende 2020, inspira esta historia de amizade entre dous adolescentes conducidos por unha vida carente de oportunidades. No panorama local, o gran triunfador da noite foi Xacio Baño, obsequiado co Premio Crea ao mellor director galego por Non te vexo (2023), un ensaio visual sobre fotografías analóxicas con erros que tamén obtivo o Premio Galiza. 

Cada un dos títulos comentados define á perfección o que é Curtocircuíto. Mais tampouco esquezamos o contacto cos cineastas máis exclusivos do panorama internacional — basta con lembrar nomes presentes nesta edición tales coma Mandico, Stratman, Périot ou o colectivo Total Refusal. Por todo isto, existiría un mellor espazo en Galicia para o público desexoso dun cinema máis exploratorio e reflexivo? Sobran os dedos dunha man para contalos. Mesmo así, ninguén dubida desa capacidade do festival para renovarse constantemente, polo que seguiremos atentos ás novidades coas que nos seguirá asombrando no futuro.