Contra a escola sentada

O Grupo de Investigación SEPA-Interea da Facultade de Ciencias da Educación da USC é o responsable da organización da exposición A Escola Nova… tamén entre nós (1921-2021), que se poderá visitar ata o 27 de outubro no espazo do Claustro Alto do Colexio de Fonseca. Comisariado polo profesor Antón Costa Rico, coa colaboración na coordinación de Lucía Iglesias da Cunha e na catalogación de María Rocío Monteiras Plaza, ofrece un panorama do desenvolvemento histórico e da riqueza e pluralidade de experiencias que supuxo o chamado movemento da Escola Nova, desde a súa institución formal no Congreso celebrado en 1921 na cidade francesa de Calais.  

Con bo criterio, os organizadores da exposición consideran que o movemento permanece activo e vivo ata os nosos días, malia constatar que trala II Guerra Mundial a súa continuidade institucional vai quebrar. Porén, tal como se propón na exposición, non parece fóra de lugar ver nos movementos de renovación pedagóxica, que cobraron especial vitalidade a partir dos anos setenta en España, a prolongación do impulso transformador daquela vella “escola nova”.  

Como tamén se di na exposición e no completo catálogo editado para acompañala, é difícil definir mediante unhas notas precisas os puntos de unión entre as diversas concepcións pedagóxicas que acabaron agrupadas baixo aquela denominación, para alén dos sete principios que foron proclamados no congreso fundacional. Deses principios, o primeiro -que proclama que o “fin esencial de toda educación é preparar o neno para querer e realizar na súa vida a supremacía do espírito”- hoxe resoa envellecido, asociado a unha terminoloxía “espiritualista” que seguramente atopará poucas unanimidades en tempos críticos respecto do vello dualismo corpo – espírito. Esta dificultade de definición complícase aínda máis se, ás figuras comprometidas activamente no Congreso fundacional da Liga Internacional pola Educación Nova (Decroly, Bovet, Beatrice Ensor, Claperède, Geheeb, Ferrière) se suman outras figuras e correntes como Montessori, Dewey, Freinet ou a española Institución Libre de Enseñanza, como se fai na exposición.  

Que hai de común en todas elas? Se cadra, máis doado que andar na procura dunha definición asertiva pode ser adoptar a vía negativa: como se sinala nun dos paneis da exposición, o movemento da Escola Nova, que con Freinet adopta o cualificativo de Moderna, érguese “contra a Escola sentada”, é dicir, contra o inmobilismo do ensino tradicional que impón no alumnado unha pasividade “obediente e disciplinada”, atada a un “formalismo didáctico-instrutivo” baseado no “memorismo” e no “dogmatismo”. Ao que se podería engadir, aínda que a exposición elude poñer o foco sobre este aspecto, o recurso á violencia como método de imposición da autoridade do mestre. Escola esta que non ten desaparecido de todo, aínda que isto último (o uso autorizado do castigo físico) sexa afortunadamente hoxe xa máis residual.  

Por todo iso esta é unha exposición particularmente necesaria, porque en tempos de discursos “antipedagóxicos” se precisa lembrar que foi a pedagoxía renovadora a que contribuíu a remover os alicerces dun ensino, imposible de defender a partir das novas concepcións sobre a infancia, que se resistía a cambiar, e que ese proceso de cambio aínda está lonxe de ter concluído.  

Breve addenda final: o mesmo Grupo de Investigación SEPA-Interea está tamén detrás doutra interesante exposición aberta na MUPEGA ata o 31 de decembro, baixo o nome Educación, xénero e lectura. Conformar, reformar, transformar. Bo complemento para unha xornada de inmersión na historia viva da educación e a pedagoxía.