A programación desta trixésimo oitava edición tivo o mérito de poñer a dialogar o mellor dos filmes actuais cunha mostra daqueles outros que foron capaces de retratar o seu propio tempo, de achegar reflexións que seguen vixentes. O mesmo cando reflectía a realidade dun determinado momento histórico que cando amosaba o noso mundo, Cineuropa acolleu un bo feixe de miradas coas que interpelar ao espectador.
As recentes eleccións norteamericanas constituíron o eixo temático sobre o que artellar unha parte esencial da programación do festival compostelán. As tres horas de Henry Fonda for President (Alexander Horwarth), documental de ensaio que vai enfiando a voz de comentario coa do propio actor en varias entrevistas, traza un percorrido pola historia dos Estados Unidos dende a peripecia dos colonos recollida en Corazóns indomables e continúa logo polo século XX, cun Fonda que puxo rostro, xesto e palabras a presidentes, pero tamén a cidadáns de a pé daquel país con interpretacións en filmes como O mozo Lincoln, Fort Apache, Pasión dos fortes e As uvas da ira, todas elas de John Ford. Ao igual que en Doce homes sen piedade ou Punto límite, ambas de Sidney Lumet.
La parra, de Alberto Gracia, Prefiro condenarme, de Margarita Ledo e Pico sacro, de Alberto Lobelle, entre os filmes que conformaron a oferta do audiovisual galego nesta edición do festival.
Precisamente nesta última atopamos un bo exemplo dese cinema que soubo recoller o ambiente dunha época e que, dalgún xeito, resoa en certos acontecementos actuais. Constrúe, neste caso, un drama arredor das tensións da Guerra Fría e o medo certo a provocar unha guerra nuclear por un simple erro, dando así un ton de gravidade ao que en Teléfono vermello, voamos cara Moscú? era sátira e provocación. Completou esta visión sobre a Guerra Fría unha produción de 1977, Alerta misís, de Robert Aldrich, onde o perigo do desastre nuclear, co que se xoga para crear trepidantes momentos de acción e suspense, se conecta coa guerra de Vietnam, nun esforzo por especular sobre conceptos como “guerra limitada”. A interpretación como presidente dos Estados Unidos dun secundario habitual do Hollywood dos setenta e oitenta como Charles Durning non desmerece aquí do traballo feito para o mesmo papel de Henry Fonda na mencionada Punto límite.
Panorama audiovisual galego
Dentro do panorama audiovisual galego, cómpre salientar La parra, de Alberto Gracia, que sitúa a acción na cidade de Ferrol, cidade de múltiples feridas, como ben exemplifican aquí as imaxes documentais do accidente da ponte das Pías. Ferido está tamén o seu protagonista, Damián, quen coincide con outros náufragos acollidos á hospitalidade da pensión “La parra”. O mundo baleiro do personaxe principal vaise expresando a través de suxestivas metáforas: coches mal aparcados ou esquecidos en depósitos que máis parecen cemiterios de chatarra, cines abandonados, un grupo de cegos abandonados polo seu guía nunha excursión. Manténdose nunhas coordenadas de vangarda que esixen unha participación activa do espectador, Alberto Gracia evoluciona agora, porén, cara unha narrativa de máis doada lectura, nomeadamente en relación coa súa primeira longametraxe, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser.
A nova achega de Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme, mistura imaxes de arquivo, películas domésticas, entrevistas, recreacións ficcionalizadas de feitos certos, rotundas postas en escea de monólogos e intervencións músico-vocais… Unha ensamblaxe de materiais de moi diversa natureza e procedencia para falarmos da condición da muller nese pasado, aínda recente, do tardofranquismo. De cando o adulterio era delito e mulleres coma a protagonista, Sagrario, “non se engruñaron”, como ela mesma di, para termar do seu corpo e da súa vida, dos fillos e do traballo.
Alberto Lobelle retoma en Pico Sacro propostas súas anteriores, como Paisaxes da Capelada, coas que elaborar filmes que asumen, a un tempo, unha mirada contemplativa e unha reflexiva, aínda que ben pode considerarse que esta segunda deriva da primeira. As sucesivas vistas do monte sagrado, de preto e de lonxe, da cara norte ou da sur, sitúanse nos límites do descritivo. Alén disto, o contraste entre o efémero e o permanente vaise expresando naqueles elementos que inciden sobre a quietude da paisaxe: nubes e lóstregos no ceo, estelas de avións, a néboa que atrapa e filtra a luz do sol. E logo o movemento, o da actividade humana, como os traballos mineiros dos arredores que van porfiando na erosión da montaña. E sobre todo ese plano inicial co Pico ao fondo e un ir e vir constate de coches no primeiro termo da imaxe.
O cinema europeo estivo representado, entre outros, polo francés François Ozon (Cando cae o outono), a inglesa Andrea Arnold (Bird), o tamén francés Boris Loykine (A historia de Souleymane) e o portugués Miguel Gomes (Grand Tour).
Cinema europeo
Do cine europeo, o francés François Ozon é xa un habitual sempre ben acollido en Compostela cos seus filmes de factura elegante, co seu característico e calculado ritmo na maneira de despregar visualmente o relato a partir dun guión de elaboración milimétrica. En Cando cae o outono, a protagonista encamiña a última etapa da vida tentando enfrontar con serenidade a súa condición de nai e avoa, asumindo ademais as partes menos brillantes do seu existir. No transcorrer da trama, o filme vai deixando ocos que o espectador deberá encher a medida que procesa a información recibida, nun exemplo máis da sabia maneira de armar a historia, de retratar aos personaxes e de crear o ambiente e o ton acaídos a cada momento.
Índonos a outra etapa vital, mais tamén a partir das relacións familiares, Bird (Andrea Arnold) centra o foco na figura dunha adolescente que teima por conquerir o seu propio espazo nun mundo que se lle mostra hostil. A presenza da cámara faise notar por medio dun constante dinamismo, nerviosa e frenética por veces, acompañando en todo momento á rapaza, Bayley, e sendo así coherente co universo axitado que se amosa. Canto acontece nesta ficción conduce cara o seu propio título: os reiterados planos xerais do ceo con paxaros, aquel outro personaxe que se fai chamar Bird e que busca a súa propia familia (en contraste coa familia como lastre da protagonista) e, por suposto, a propia Bayley, que quixera voar e buscarse outro destino para si.
Fronte a eses lugares, coma os do título anterior, dos que se quixera escapar, hai outros nos que un desexaría sentirse acollido e dificilmente se consegue. Falamos da realidade dos inmigrantes que chegan a Europa dispostos ao que sexa con tal de atoparen aquí unha vida nova. Tal acontece con A historia de Souleymane (Boris Loykine), protagonizada por un repartidor de comida polas rúas de París, coa súa bicicleta como ferramenta de traballo, que debe coidar e non perder, nunha evocación case instantánea desa outra bicicleta do Neorrealismo italiano. O mesmo nos anos corenta do século pasado que nos vinte do actual, tamén cómpre buscarse o sustento, un lugar no mundo, un anaco de dignidade nesa xungla urbana na que hai que pedalear arreo para chegar a tempo a todas partes. Aquí, a historia de guineano Souleymane non é outra que aquela que debe crearse sobre si mesmo para que lle sexa recoñecido o dereito de asilo. A ficción tamén, xa que logo, como método de supervivencia, sen esquecer o mundo deixado atrás, que permanece por medio das chamadas co teléfono móbil (a outra ferramenta de traballo) á súa nai enferma ou á noiva á que debeu renunciar.
Do portugués Miguel Gomes presentouse en Compostela Grand Tour, con feitura de gran produción coa que recrear un drama de ambiente colonial, pero que finalmente pón en imaxes unha sorte de viaxe interior na que a anécdota de fuxir da muller coa que se prometeu remite, máis ben, a unha outra fuxida de carácter máis íntimo. Xa o propio título nos anticipa este percorrido por cidades de Birmania, Singapur, Vietnam ou China, na que tanto a voz de comentario como certos fragmentos musicais contribúen a crear un dispositivo distanciador co que convencer ao espectador da inutilidade de facer unha lectura lineal e transparente da trama.
Outras propostas internacionais
O filme arxentino Reas (Lola Arias), en contraposición cos espazos múltiples da película de Gómes, desenvólvese por completo nunha cárcere de mulleres, nun microcosmos conformado polos xestos propios da supervivencia na precariedade: a música, o baile, a solidariedade ou as confesións compartidas. Cando semella que estamos diante dun drama carceeiro, sorpréndenos virando en redondo cara o musical. E aquilo que era sórdido, hostil e desesperanzado, acaba, sen abandonar por completo esta condición, tinguíndose dun ambiente de amable convivencia.
Inserida no cinema fantástico, Una ballena, dirixida por Pablo Hernando, participa do thriler e dese outro subxénero dos asasinos a soldo. Ingrid García-Johnson, premiada no festival, interpreta aquí a unha killer implacable e indetectable.
Inserida no cinema fantástico, Una ballena (Pablo Hernando) participa tamén do thriler e dese outro subxénero dos asasinos a soldo. Ingrid García-Johnson interpreta aquí a unha killer implacable e indetectable, alomenos para todo o mundo agás para o contrabandista Melville (Ramón Barea). O suxestivo deste nome acolle, probablemente, as claves deste filme: o Herman Melville de Mobydick, pola balea, varada na praia e fonte de poder e misterio, e o Pierre Melville de O silencio dun home, a película que inspira aquí a xestualidade da protagonista, o rostro inmutable, a mirada fixada nun punto do horizonte, os movementos calculados e esa frialdade no comportamento que, malia todo, acabarán por romperse ao descubrirmos que as emocións humanas tamén conforman a súa existencia.