No Hyde Park de London hai un curso de auga, o Serpentine, que divide ou xunta as dúas partes do parque inglés. Na parte norte, perto da ribeira, está a North Serpentine Gallery. A programación da exposición de Refik Anadol Echoes of the Earth: Living Archive (patente até o 7 de Abril de 2024) foi a que inspirou esta breve viaxe. Imos visitar a vangarda onde se están a xuntar arte, mundo natural e tecnoloxía- intelixencia artificial (AI)-.
Refik Anadol (Istambul 1985-) e o seu equipo levan anos traballando dende o seu estudo en Los Angeles, California, preparando mapeos proxectados en edificios icónicos de arquitectos de relevancia mundial (Living Arquitecture), como na Casa Batló de Gaudí en Barcelona. No ano 2016 participou na residencia artística Google’s Artist and Machin Intelligence Program, onde potenciou o desenvolvemento da súa relación coas AI.

Foto de Xacobe Meléndrez Fassbender
Quizais a obra máis coñecida é a das súas megapantallas de imaxe en movemento, onde transcende o píxel como unidade básica da imaxe dixital en dúas dimensións e crea unha terceira. Trátase de pequenas esferas de pigmentos que se moven nun espazo que representa tres dimensións. Arredor desas ideas foi onde acuñou os conceptos de AI Data Painting e AI Data Sculpture. Son vídeos proxectados en pantallas que semellan movementos dinámicos de fluídos desprazándose en grupo mentres interactúan con outros grupos. Son como ondas de pintura que se superpoñen, chocan e, por momentos, parecen saír da pantalla avanzando contra quen observa.
Nos pasillos duns 25 metros de longo da Serpentine Gallery, proxéctanse en bucle Living Archive e The Large Nature Model, do artista Refik Anadol. Son aproximadamente dezaoito proxectores con potentes lentes angulares os que mapean tres destes catro corredores.
Da man do seu mentor e director Artístico da Serpentine Gallery, Hans Ulrich Obrist, e da curadora Claude Adjil, esta exposición preséntase nun universo inmersivo. Nos pasillos duns 25 metros de longo e algo máis de 4 metros de alto, proxéctanse en bucle Living Archive e The Large Nature Model. Son aproximadamente dezaoito proxectores con potentes lentes angulares os que mapean tres destes catro corredores. Cada un deles está dividido en dúas proxeccións, case sempre especulares, estes corredores presentan vídeos semellantes. Mentres, no primeiro dos catro, téntase explicar o proceso de creación, a orixe dos datos e as achegas éticas dos mesmos. Un alarde técnico posible grazas á colaboración con 1 OF 1, dirixido polo mecenas Ryan Zurrer, clube de coleccionistas centrado na colaboración para o desenvolmento da arte web 3.0.
Noutra das dúas salas interiores podemos observar a proxección no teito de certa evolución do modelo. Intúese aquí o chanzo no que pasa do figurativo nativo dixital á abstracción, coas ondas de cores en movemento sobre un simulado espazo tridimensional. Aínda nun último espazo da North Serpentine Gallery podemos situarnos diante de pantallas de aproximadamente 1 x 2 metros. Nelas transfórmanse especies de flores e paxaros segundo os cálculos da AI, adestrada con multitude de imaxes reais, e que deixan aparecer artefactos estraños que non parecen querer corrixirse para amosar o incipiente deste universo das AI e as súas imperfeccións.
The Large Nature Model é un modelo de AI Xenerativo de Código Aberto adicado á natureza, que foi adestrado nun amplo conxunto de datos do medio natural (fotografías, vídeos, sons…) de dezaseis selvas tropicais distribuídas por todo o planeta.
The Large Nature Model é un modelo de AI Generativo de Código Aberto adicado á natureza, que foi adestrado nun amplo conxunto de datos do medio natural (fotografías, vídeos, sons…) -con algunhas fotos e vídeos propios e o resto cedidos por distintas institucións- de dezaseis selvas tropicais distribuídas por todo o planeta.
En Living Archive preséntanse as abstraccións de paisaxes submarinas a partir de 135 millóns de imaxes de corais, accesibles abertamente en liña. A AI constrúe novas visuais e combinacións de cores, baseadas nos datos, e elabora un modelo de crecemento tridimensional que está sendo utilizado en centros de investigación para estudar as posibilidades de restauración destes fráxiles ecosistemas.

Foto de Xacobe Meléndrez Fassbender
Refik Anadol fala dos “datos como material primario de AI, un pincel de pensamento, empoderando as súas visualizacións radicais para expandir as posibilidades da arte e explorar as capacidades creativas da AI”. A curiosidade lévanos da man do artista a interrogarnos: dado que unha máquina pode aprender, podería tamén soñar? Podería alucinar transcendendo incluso a arte coñecida? Anadol e o seu equipo, utilizando inxentes cantidades de datos e algoritmos de AI, busca visualizar os soños da Máquina creando paisaxes, flores, animais de realidades que desdebuxan a fronteira entre o dixital e o físico. Tal e como formula Anadol, a AI Data Painting representa non só unha nova técnica, senón unha reflexión filosófica sobre a evolución das relacións entre a creatividade humana e a AI, convidando ao espectador a contemplar o potencial da AI para non só imitar a realidade, tamén para imaxinar alén dela.
Para achegarnos ao discurso agochado debaixo das múltiples capas técnicas e dunha abraiante estética, fixarémonos na súa colaboración coa comunidade Yawanawá da Amazonia, presentada no verán de 2023 en Mikonos-Grecia. Crearon unha obra dixital cun gran vídeo central e unha colección de 1000 pinturas de datos NFT únicas. Creacións que evolucionan dende a obra analóxica elaborada por dúas artistas desta aldea, nunha dinámica modificada por algoritmos creados en tempo real, basándose nos datos meteorolóxicos recollidos sobre o terreo amazónico. Dan como resultado imaxes fascinantes que buscan amosar a foresta, poñendo en valor a necesidade de protexela. Os beneficios íntegros da venda destináronse á comunidade yawanawá para axudar na protección do patrimonio cultural e natural.
Echoes of the Earth: Living Archive explora o significado da humanidade na era da AI, investiga o xeito no que esta altera a nosa percepción e experiencia do tempo e do espazo.
Arte Gráfica (e política)
Coa cabeza a piques de estoupar, saio á dómita e previsible natureza do Hide Park londinense. Cruzando a ponte sobre o Serpentine, cal balanza na procura dun equilibrio mental e emocional, atopo a South Serpentine Gallery cunha proposta extremadamente distinta. A de Bárbara Kruger: Thinking of you, I Mean Me. I Mean You (aberta até o 17 de marzo).
A artista estadounidense Bárbara Kruger presenta unha retrospectiva na que subliña a súa esencia marcada pola arte conceptual con fondas reflexións filosóficas, políticas, sobre a realidade social, traballando dende propostas as máis das veces irónicas.
A artista estadounidense de New Jersey (1945-) presenta unha retrospectiva na que subliña a súa esencia marcada pola arte conceptual con fondas reflexións filosóficas, políticas, sobre a realidade social, traballando dende propostas as máis das veces irónicas.

Foto de Xacobe Meléndrez Fassbender
Ideas soportadas por fotografías, vídeos, instalacións, carteis, intervencións in situ, sons… que abarcan todo o espazo e onde a palabra é protagonista, sendo a gráfica a súa máxima representante.
É unha outra xeración que recorre tamén a formatos inmersivos e nos inquire directamente. Faino abordando o seu sistema de vida social, os seus valores cotiás, poñendo en maiúsculas temas de actualidade: o sentido de pertenza e exclusión, a clase social, a guerra, as consecuencias do consumo, o individualismo, o poder, a sexualidade e o xénero, a representación, o sistema capitalista…
Actualidade antiga e permanente tal como expresa ela:“Sería estupendo que o meu traballo tornara arcaico, que os temas que tento presentar, os comentarios que tento suxerir, non foran xa pertinentes. Desgrazadamente non é así”.
Adoita Kruger intervir tamén en espazos públicos e, nesta ocasión, nalgúns dos clásicos taxis e proxectando Silent Writings nas enormes pantallas led (videowall 360º, pantallas de 16k definición), que está In the Immersive Outernet, Tottenham Court Road . Todos os luns até o 22 de abril.
Até o 6 de Maio pódese visitar na Saatchi Gallery a exposición do fotógrafo canadiano Edward Burtynsky (1955-) Extraccion/Abstraccio. Inclúe fotografías, vídeos, instalacións e realidade aumentada. Dúas plantas adicadas á súa mirada centrada no impacto da actividade humana sobre o medio.
Achégome xa con noite pecha, despois dunha visita ao clásico Pub The Fitzroy Tavern, perto do Soho. Nas pantallas do Now Building hai sorpresa, tamén se proxecta In the Wake of Progress, unha obra de Burtynsky que me remite inmediatamente á exposición da Saatchi Gallery.
Abstraccións (ecoloxistas)
Até o 6 de Maio de 2024 pódese visitar nesta gran galería privada a exposición do fotógrafo canadiano Edward Burtynsky (1955-) EXTRACCION/ABSTRACCIO. Inclúe fotografías, vídeos, instalacións e realidade aumentada.

Foto de Xacobe Meléndrez Fassbender
Dúas plantas adicadas á súa mirada centrada no impacto da actividade humana sobre o medio. Visión crítica do antropoceno na que adopta puntos de vista extraordinarios que trastocan a paisaxe fotografada, transportándonos a coñecidas pinturas abstractas. Unha calidade estética que non distrae, xera sinerxias coas paisaxes feridas para imbuírnos na reflexión. Hai fotografías aéreas feitas dende helicópteros, con drons, mesmo alguna foto satelital. A distancia e a escala mudan a percepción e fan precisa a participación activa para reinterpretar a beleza que se ofrece.
Amósanse moitas das súas series que versan sobre a xestión da auga, as salinas, a minería, o petróleo, a agricultura, os vertedoiros, a construción de infraestruturas, os sistemas de produción…, e preséntanse dende posicionamentos conservacionistas implicados socialmente, aínda que as imaxes só amosen unha realidade neutra da que debe partir a interpretación de quen as observa.
Mención final precisan dúas pezas. A xa citada ao principio, na proxección do Immmersive Outernet, In the Wake of Progress, nesta ocasión readaptada para unha proxección inmersiva nun espazo da galería. Destaca tamén a sá adicada a achegarnos aos procesos e ferramentas de traballo de Burtynsky e o seu equipo humano.
Tate Modern (of course)
Poderíamos seguir falando de exposicións estupendas, pero sempre resulta inabarcable a actualidade cultural londinense en tres, catro días. Merecedoras doutro artigo, hei mencionar na Tate Modern a Instalación Behind the Red Moon de El Anatsui (Ghana 1944-) e a retrospectiva de Yoko Ono (Tokio, 1933-) Music of the mind.