20ª MICE. Humor, memoria e perspectiva de xénero 

A MICE clausurou con grande éxito a súa vixésima edición (12-16 de marzo), sorprendendo ao público cunha programación que ofrecía diversidade sen renunciar ao risco. Unha vez máis, houbo espazo para o debate e para a reflexión, sempre co cinema como principal pano de fondo. Mais esta edición introduciu unha compoñente emocional adicional ao entrelazar o pasado, o presente e o futuro do festival. Sen dúbida, este non foi un aniversario calquera, foi a culminación dunha traxectoria repleta de logros e acertos que se traduciron nesta celebración tan especial. 

 

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico cumpriu vinte anos de historia e fíxoo coa súa mellor cara, a do sorriso. A ocasión ben o merecía. Por iso, o cinema abordado dende o sentido do humor figurou entre as claves esenciais desta edición, aspecto que se percibiu igualmente tanto dentro como fóra da pantalla. Ana Estévez, directora e alma mater da mostra, demostraba así que o cinema de alcance etnográfico pode ofrecernos un amplo e variado abano de posibilidades, tal como nos foi avezando nestas dúas décadas de festival. 

Pasado 

Facendo gala desta ledicia, o sentimento estivo presente dende a sesión inaugural. Nela proxectouse o clásico O carro e o home (Antonio Román, 1940), filme vencellado coma ningún ao Museo do Pobo Galego, institución organizadora da MICE. O lazo entre o filme e o museo tería a súa explicación nun dos seus fundadores, o etnógrafo Xaquín Lorenzo “Xocas”, quen colaborou na elaboración do guión xunto a Román. Co patrocinio do museo, o propio Xocas e o cineasta Eloy Lozano realizaron unha nova montaxe do documental en 1980, versión que puido verse na súa recente dixitalización dentro desta apertura. Mais isto non sería todo. Esta produción xa servira de fonte de inspiración para a creación da primeira mostra, celebrada en novembro de 2006. Así, a escolla deste título non podía ser máis atinada, a par que simbólica e emocionante. O impacto desta obra nesta edición aínda habería de estenderse á conversa No verán de 1940. Crónica da película «O carro e o home», impartida por Pepe Coira, quen tamén participou no acto inaugural; así como á imaxe gráfica do festival, elaborada pola artista visual Miriam Opazo. Todo un canto de amor pola antropoloxía audiovisual. 

Continuando na senda do humor, este manifestouse tamén noutras seccións paralelas do festival. É o caso de Trazas, un espazo creado en colaboración co Cineclube Compostela que rebusca no pasado certas miradas ocultas do cinema etnográfico. Neste caso, o foco principal dirixiuse, a nivel antropolóxico, cara ao fecundo modelo colonial da segunda metade do século XX, presentando propostas que confrontaban os conceptos de “civilización” e de “barbarie”. 

Conversa con Laila Pakalnina na sala NUMAX (Foto: Coral Piñeiro)

Pola súa banda, a sección Impropias, centrada no cinema etnográfico realizado por mulleres, ofrecía unha retrospectiva sobre a cineasta letoa Laila Pakalnina, auténtica mestra do humor absurdo nos seus últimos anos. Así o testemuñan títulos como Pa Rubika Celu (On Rubik’s Road, 2010), Sniegs (Snow Crazy, 2012) ou Čau, Rasma! (Hey, Rasma!, 2015), fundamentados nunha ironía observacional que invita a unha reflexión profunda sobre o seu país e os cambios experimentados coa entrada na Unión Europea a principios deste século. Estes e outros títulos formaron parte do debate aberto en Compostela, especialmente na xornada do venres, momento no que a propia Pakalnina dialogou co público nunha charla conducida polo cineasta galego Eloy Domínguez Serén, un habitual do festival. 

Pepe Coira durante a presentación de 𝑶 𝒄𝒂𝒓𝒓𝒐 𝒆 𝒐 𝒉𝒐𝒎𝒆 (A. Román, 1940) na sesión inaugural (foto: Coral Piñeiro)

Esta última sección entroncaba o espírito humorístico desta edición coa mirada de xénero, aspecto imprescindible no festival practicamente dende as súas orixes. Por iso, alén desta sección específica, a presenza da muller e do seu papel no cinema etnográfico teñen un peso destacable en cada un dos apartados nos que se articula o programa do festival. Todos sabemos que o traballo creativo das mulleres estivo relegada a un segundo plano no pasado, mais o presente é seu. Isto fai que atopemos ata sete creadoras como responsables dos trece filmes á competición deste ano. É nesta diversidade onde a MICE brilla, ofrecendo propostas e enfoques dunha pluralidade que só é posible grazas á paridade de xénero. 

Se o ano pasado a sección oficial tivo a política como eixo común, a aposta desta edición centrou a súa atención na idea de comunidade, como as curtas Kongo e Cuerpos en tránsito, e as longas Togoland – Projections e A s’orgolesa. 

Presente 

Coma cada ano, a Sección Oficial configura ese espazo necesario para a creación máis actual, deseñado na medida do posible arredor dunha liña temática unificadora. Se o ano pasado tivo a política como eixo común, a aposta desta edición centrou a súa atención na idea de comunidade. Como grande excepción, estaría o filme Le boxeur chancelant (Lo Thivolle, 2024), o encontro entre dúas personalidades antagónicas que atopan na súa amizade un piar sólido co que soportar as súas limitacións particulares, xa sexa a inseguridade afectiva dun, ben a discapacidade física do outro. Hai moito de comicidade neste relato, mais o primordial desta atípica buddy movie reside na sensibilidade coa que se nos presentan estas dúas almas errantes. 

Afondando no tema deste ano en cuestión, hai un grupo de filmes que indaga sobre o papel das tradicións dentro dunha comunidade. Referímonos ás curtametraxes Kongo (Daiana Araujo, 2024) e Cuerpos en tránsito (Mario Moreno Iglesias, 2024), ambas fundamentadas na solemnidade do rito; así como ás longas Togoland – Projections (Jürgen Ellinghaus, 2023) e A s’orgolesa (Davide Melis, 2024). Novamente, o pasado colonial reaparece en Togoland, centrado aquí na antiga colonia alemá de Togo. Neste caso, trátase dunha road movie que segue a expedición realizada polo aventureiro e cineasta silente Hans Schomburgk xusto antes da I Guerra Mundial. Ellinghaus aproveita as actualidades e os “etnodramas” que filmou o explorador, mostradas en distintas localidades togolesas, para reflexionar sobre os efectos do colonialismo e para cuestionar a nosa posición actual ante estas imaxes. 

Fotograma de A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro

O achegamento a comunidades rurais definiu o argumento da mencionada A s’orgolesa, sobre as tradicións do municipio sardo de Orgosolo, ademais da fita portuguesa A savana e a montanha (Paulo Carneiro, 2024). Esta última reivindica a loita de Covas de Barroso, localidade do norte de Portugal, contra a empresa británica Savannah Resources que chega ao país coa pretensión de construír unha das minas de litio a ceo aberto máis grandes de Europa. A medio camiño entre a ficción e a recreación documental, o filme exhala unha militancia moi agitprop que escenifica con humor e con teatralidade a resistencia deste pobo. 

A competición internacional completouse con dous filmes que entrelazaban o feminismo e a memoria histórica no seu discurso: a curta portuguesa Tão Pequeninas, Tinham o Ar de Serem Já Crescidas e a produción bosníaca Silence of Reason

Pola contra, o lado máis metropolitano da selección ofreceuno Eros (Rachel Daisy Ellis, 2024), que profunda na actividade social dos moteis de amor brasileiros. A idea preconcibida destes espazos, normalmente asociados á infidelidade, aparece subvertida nas historias do filme. Mostra pois as vivencias afectivas de distintas parellas ―ademais dalgún caso en solitario― como parte dunha investigación sobre a intimidade e o sexo. É na seguridade que ofrecen estes moteis onde xorde a superación do tabú, convertendo aos seus usuarios nun novo modelo invisible de tribo urbana. Dado o seu valor humano, non é de estrañar que recaese neste filme o principal galardón do festival: o Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica. 

Emilio Fonseca e Xiana do Teixeiro presentando 𝑺𝒂𝒍𝒗𝒂𝒙𝒆, 𝒔𝒂𝒍𝒗𝒂𝒙𝒆 (2024) na MICE (Foto: Coral Piñeiro).JPG

A competición internacional completouse con dous filmes que entrelazaban o feminismo e a memoria histórica no seu discurso. Era o caso da curta Tão Pequeninas, Tinham o Ar de Serem Já Crescidas (Tânia Dinis, 2024), que aborda a dura realidade das empregadas domésticas no Porto durante os anos do réxime salazarista. A pesar da dureza do tema, a mirada delicada de Dinis permitiulle lograr o recoñecemento do público. Por outra banda, a produción bosníaca Silence of Reason (Kumjana Novakova, 2023) adopta un enfoque máis ensaístico na súa aproximación aos abusos sexuais sufridos por innumerables mulleres no contexto da Guerra dos Balcáns. A dureza dos testemuños presentados combínase cunha arriscada linguaxe audiovisual, convertendo esta obra na proposta máis desafiante do festival para o espectador. Deste xeito, elimínase calquera forma de sensacionalismo, ou mesmo de sentimentalismo, para crear unha visión case fantasmal deste pesadelo. 

A aportación galega: ademais da homenaxe ao clásico O carro e o home, a mirada do oriúndo en Memoria de Soutelo, o retornado intermitente en Corre o vento, a perspectiva rural do foráneo en Resonancias e a multipremiada Aurora.

Finalmente, a selección galega achou o seu denominador común no rural, un tema tan de noso. Dos catro títulos a concurso, tres eran curtas nas que, ademais, prevalecía o localismo. Cada unha delas exploraba esta visión dende ópticas diferentes: a mirada do oriúndo en Memoria de Soutelo (Xoán Bregua, 2024), un retrato íntimo e profundo de Soutelo de Montes; a do retornado intermitente en Corre o vento (Paula Fuentes – Guillermo Cabrera, 2024), que nos transporta ao soñador lendario das agrestes terras de O Courel; e a perspectiva do foráneo en Resonancias (Diana Gonçalves, 2024), que explora o vínculo entre o familiar e o alleo no recóndito San Sadurniño. Cerrando a competición, estaba a multipremiada Aurora (Area Erina, 2024), afrontando xa o final do seu percorrido por festivais. 

Futuro 

Coma de costume, os gañadores déronse a coñecer na tradicional entrega de premios do domingo, un acto que este ano foi conducido pola artista María Lado, cuxa retranca achegou unha nova chisca de humor ao festival. Esta despedida non foi senón un até pronto, xa que as vindeiras edicións do festival teñen garantido un abraiante futuro creativo grazas ás novas promesas do noso cinema. Nesta ocasión, a proba palpable deste porvir ilusionante manifestouse en pezas como Memoria de Soutelo e Corre o vento, convertido este último título no mellor filme etnográfico galego desta edición. 

Equipo do MICE, autoridades e premiadas.

É precisamente nesta preocupación polo talento local emerxente onde o festival marca a diferenza con respecto a outras citas. Así o evidencian outros contidos do programa como a mesa redonda Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero, ou a proxección de peche Cineastas emerxentes, realizada en colaboración co festival pontevedrés Novos Cinemas. Dende logo, hai futuro e, o que é máis importante, velaí está a MICE para dalo a coñecer.