Domingo 1, Outubro 2023
HomeComunicaciónTempos Novos dalle un repaso ao goberno Feijóo

Tempos Novos dalle un repaso ao goberno Feijóo

Este mes, a revista Tempos Novos dedica un amplo dossier a facer repaso do goberno Feijóo, baixo o título “O gobernante chega espido”. Unhas 50 páxinas, divididas en tres seccións sobre a Calidade Democrática e o Autogoberno, a Deconstrución e A Economía e o Mercado Laboral, dan conta da chegada de Feijóo “con fama de bo xestor” e con promesas de rexeneración democrática e que acabaron cun suspenso rotundo dun goberno que contribuíu ao deterioro da economía, o benestar, a sanidade e a cultura. Intelectuais, politólogos, economistas e xornalistas, como Xurxo Borrazás, Antón Baamonde, Manuel M. Barreiro, Xaime Subiela, Manoel Barbeitos, Serafín González, Iago Martínez, Alba Nogueira, Manuel Lago, Enrique Negueruela, Ramón Yáñez, Xavier Vence e Xoán R. Doldán, analizan os tres anos e medio de Núñez Feijóo como Presidente da Xunta de Galicia desde diferentes perspectivas.

O dossier introduce os artigos coa afirmación: “Feijóo afronta o 21-O sen nada que vender. A segunda recesión cólleo en coiros, con tódolos indicadores do país en negativo, coa sobrecarga dos recortes sociais e territoriais de Rajoy que el mesmo coreou, cómplice na desfeita do Estado de Benestar e na deconstrución do autogoberno”.