por Miguel A. Martínez Quintanar
Comprender a novidade da actual política require un exercicio de arqueoloxía do presente. Catro textos da filósofa Hannah Arendt contribúen a esta tarefa: “Verdad y política” (1968), “La mentira en política. Reflexiones sobre los Documentos do Pentágono” (1971) en Verdad y mentira en la política (Página Indómita, Barcelona, 2017); “Las secuelas de régimen nazi: un reportaje desde Alemania” (1950), “La cosecha de tempestades” (1975) en En el presente. Ensayos políticos (Página Indómita, Barcelona, 2017). Cal é a relación entre embustes e acción política? En que tipos de mentira se patentiza? En quen depositar a esperanza?
O primeiro tipo de mentira é producido polos profesionais das relacións públicas ao servizo dos gobernos. Incapaces de captar o real, que fixa límites ao poder e fai aterrar a imaxinación, manexan a premisa psicosocial da ilimitada maleabilidade humana (que venden como principio explicativo do comportamento social nas democracias avanzadas). Fan da política creación de imaxes, técnica de facer crer nesas imaxes. O resultado é que cando se encontran cunha situación seria recuperan, de modo espontáneo, a concepción política do pau e a cenoria (premios e castigos).
O segundo relaciónase co traballo dos laboratorios de ideas e axencias de análise. Conciben a política como unha variante das relacións públicas e aceptan as premisas psicolóxicas subxacentes a esta crenza. Devecen por descubrir leis que predín feitos histórico-políticos como se fosen necesarios. Porén, a súa lóxica da acción é falaz. Enumeran tres opcións A, B, C, onde A e C representan extremos e B a súa “lóxica” solución. A falacia comeza cando se forza a elixir entre dilemas que se exclúen. Mais a realidade nunca se presenta en premisas que conducen a conclusións extraídas por dedución. Para Arendt, estes profesionais queren desembarazarse dos feitos baseándose na súa continxencia, aínda que sexan públicos e coñecidos. Forma parte do seu oficio reescribir a historia ante os que foron testemuñas, inventar imaxes públicas do pasado ante os que o viviron en primeira persoa (ou aqueles que, vivíndoo, non articulan a súa voz no foro público).
Dado que todo o sucedido no terreo dos asuntos humanos podería ter sido doutra maneira, as posibilidades de mentir son ilimitadas. Construír políticas sobre feitos que non aconteceron, en relatos masivos, é unha novidade histórica.
Substituír verdades de feito por mentiras ten dúas consecuencias: aceptar mentiras como verdades, destruír o sentido que serve para orientarse no mundo (as categorías verdade/falsidade, por exemplo). É o reverso do carácter fortuíto de calquera realidade humana. Dado que todo o sucedido no terreo dos asuntos humanos podería ter sido doutra maneira, as posibilidades de mentir son ilimitadas. Construír políticas sobre feitos que non aconteceron, en relatos masivos, é unha novidade histórica.
Estas mentiras non pretenden o poder (institucional) nin o beneficio (económico), polo menos prioritariamente. Segundo Arendt, buscan dar unha imaxe: presentar algo como o que non é, ou se cre que é. Os prexuízos gañan eficacia e infíltrase o imaxinario na toma decisións políticas reais.
Os prexuízos que provocan a crise das democracias
Os prexuízos funcionan porque fondean nun estrato da experiencia do pasado. Non obstante, anteceden a capacidade de discernimento político de tal modo que o impiden. Obstaculizan a verdadeira experiencia do presente converténdoa en imposible. Os prexuízos que provocan a crise das democracias avanzadas son nocións empregadas acotío: a categoría medios-fins, que entende o político segundo un fin último extrínseco ao político; a idea de que o contido do político é a violencia (aínda que sexa en forma de lei); o convencemento de que a dominación é o eixo da teoría política; a crenza na manipulación masiva da opinión pública; a intuición de novas formas de guerra civil; a instrumentalización da violencia estatal. Nesta trama de prexuízos medra unha dupla suposición: a hiper-politización de esferas sociais que non son políticas en si mesmas (“sempre e en todas partes onde haxa persoas hai política”); a hipo-politización como esperanza (“a cidadanía será razoable e eliminará a política antes que a política acabe con ela”).
Un estadista non é un xogador. A confianza en que todo o real é calculable supón eliminar trazos cualitativos dos feitos. Realidades que non encaixan na urda previa néganse ou ignóranse.
A infiltración da mentira na toma de decisións arranxa novos significados: “acción política” é toma de decisións desde a perspectiva da seguinte campaña electoral; “relacións públicas”, imaxe do país; “gobernar”, empregar técnicas para minimizar o impacto dos malos resultados. Distanciarse da realidade, ignorar os feitos, conforman o motivo (psicolóxico) da acción. Enmascarar a realidade, desvincular feitos e decisións, o resultado (político) da mesma.
Para Arendt, hai dous grupos para os cales a verdade é a fonte da súa enunciación: os responsables directos de obter informacións (non necesitan exhibir resultados positivos e boas noticias ante os seus superiores); os técnicos (non desprezan a realidade e o carácter accidental dos feitos). Ora ben, os informes técnicos non inflúen nas decisións políticas reais. Adoita producirse unha diverxencia entre feitos e premisas (teorías, hipóteses) empregadas para tomar decisións. A diverxencia perdura porque se lles nega ás persoas e representantes electos o acceso ao que deben saber para formar un xuízo e tomar decisións. E porque por circunstancias, formación, hábitos mentais, estas persoas poden carecer de tempo e competencia para procurar os feitos pertinentes. Ademais, a diverxencia axuda a decidir prescindindo de contextos históricos, xeográficos.
Que explica a eficacia pública deste embuste? En primeiro lugar, a conexión entre engano e autoengano. Segundo Arendt, o embusteiro está tan convencido do éxito no campo das relacións públicas, tan seguro das premisas psicolóxicas sobre as posibilidades de manipulación das persoas, que anticipa as crenzas xeneralizadas. Non distingue entre unha hipótese plausible e o feito que debe confirmala. Usa hipóteses e teorías como feitos establecidos. Premisas que cando encaixan en urdas ideolóxicas e crenzas previas, non precisan ser confirmadas ou refutadas: adquiren rango de feito.
En segundo lugar, o embusteiro autoenganado basea a súa confianza nunha concepción da historia, certezas psicolóxicas e premisas de aprobación electoral. Porén, para Arendt, isto é irrelevante para o problema político que en cada caso ten que resolver. Pode calcular, por exemplo, se as probabilidades de que unha acción desencadee unha guerra son reducidas. Mais de aí non debe inferir que poida optar por esta acción, nin sequera se a proporción é 80-20. A calidade do risco é incalculable. Un estadista non é un xogador. A confianza en que todo o real é calculable supón eliminar trazos cualitativos dos feitos. Realidades que non encaixan na urda previa néganse ou ignóranse.
Para Arendt hai esperanza. O xornalismo libre, non corrupto, pode informar e crear opinión. Onde moitos menten sobre o importante, as persoas e medios de comunicación veraces principian novos cursos de acción. O compromiso coa verdade convérteos en axentes políticos emancipadores en tempos de escuridade.
_________________