Domingo 24, Setembro 2023
HomeComunicaciónOUTRA RTVE É POSIBLE

OUTRA RTVE É POSIBLE

A toma de RTVE polo PP abortou a primavera que os medios públicos estatais viviron entre o 2006 -coa lei que os liberaba da tutela gobernamental- e o 2011. O premio Media Tenor Global TV Awards ao mellor informativo do mundo, por diante da BBC e da TF1 francesa, supuxo o recoñecemento internacional a unha forma de facer xornalismo desde unha televisión de servizo público. Coa derrogación desa lei por Rajoy, aqueles cinco anos de viño e rosas mutaron en anos de manipulación, censura e purgas de profesionais. Co descrédito social medido nas peores audiencias. Pero outra RTVE é posible. Non só recuperando aquela primavera informativa. Tamén afrontando a reforma integral da radiotelevisión pública en España. Incluído un modelo de financiamento que a capacite para competir cos operadores privados nun tempo de grandes cambios no mercado do audiovisual. Con consecuencias para a de estrutura autonómica, por caso a RTVG, que segue atada a Feijóo e ao PP. É un dos compromisos de Pedro Sánchez. Desenvolver a lei aprobada no mes de setembro de 2017 por iniciativa dos grupos da oposición. Empezando por levar a cabo o concurso público que decida, por méritos e non a dedo, quen se vai responsabilizar de dirixir a Corporación, reconquistando para os seus medios a pluralidade e a calidade perdidas. Sempre ao servizo da cidadanía.

por Carlos Montenegro

Está tocando fondo. RTVE vive as súas horas máis baixas en credibilidade e audiencia. E coa Corporación, o servizo público no que Ten a súa razón de ser. A súa dependencia orgánica do Goberno mantena pexada, sometida a todo tipo de manipulacións e censuras. Unha centrifugadora ao servizo do PP. De fondos públicos e de canto evidencia, no día a día, o estado de podremia no que sobrevive ese partido. O que explica o boicot do grupo conservador contra o desenvolvemento da lei de reforma do sistema de nomeamentos do ente, que foi aprobada (coa única abstención de Bildu) no mes de setembro do 2017. Que a oposición chegase finalmente a consensuar que tanto o Presidente como os membros do Consello de Administración sexan elixidos, como sucede coa BBC inglesa, mediante concurso público, puxo dos nervios os conservadores, que xa se valeran no 2012 da súa maioría absoluta para liquidar dun plumazo o que estaba en vigor desde o 2006: que fose o Parlamento o que seleccionase os directivos do ente por maioría reforzada de dous terzos.

Daqueles pos veñen estas lamas. Tan pronto entra na Moncloa, Rajoy bota man do Consello de Ministros para tombar o que quedaba da primavera a que dera lugar seis anos antes a lei que, por iniciativa do presidente Rodríguez Zapatero, lle acabaría dando á nova Corporación Radiotelevisión Española o seu estatuto de independencia. Fracasa co seu primeiro home de confianza, Leopoldo González Echenique, que dimite dous anos despois alegando non dispoñer dos recursos suficientes para o grupo. E aos poucos días acabou nomeando, sen consenso ningún previo, como novo presidente da CRTVE a José Antonio Sánchez, un militante do PP que sae nos papeis de Bárcenas e que chega desde o avesporeiro no que Esperanza Aguirre e a troupe corrupta do partido converteran Telemadrid. Contra el e o seu equipo de control, con fichaxes procedentes tanto da televisión madrileña como dos medios de dereita extrema –La Razón e ABC, Intereconomía, Cope ou Periodista Digital– van as ducias de denuncias que veñen facendo en foros de todo tipo, e no mesmo Parlamento europeo, os portavoces dos consellos informativos, organizacións como #MujeresRTVE, colexios de xornalistas, organismos internacionais de comunicación e prensa, sindicatos e, aínda que tarde, a Asociación da Prensa de Madrid, á parte dos grupos políticos da oposición, que se ven maltratados ou ninguneados a diario. Os profesionais estano facendo visible cada venres poñéndose ante as cámaras vestidos de loito, expresión de protexta que xa recibe a solidariedade de numerosos colegas noutras canles públicas, como os da TVG.

Estando pexados, os medios públicos estatais en maneira algunha poden responder ao pluralismo ideolóxico que dimensiona o seu ADN, nin garantir o dereito de acceso e participación social que iso comporta.

De nada serviu que, cinco anos despois de que Rajoy cambiase a lei en vigor pola que se desgobernamentalizaban e democratizaban os medios públicos de estrutura e difusión estatal, o Tribunal Constitucional anulase boa parte do decreto do que se valera o Goberno conservador para recuperar o control do Ente e poñelo ao servizo dos seus intereses e aos do partido que o sostén. Á parte de argumentar que o decreto-lei non é un instrumento normativo constitucionalmente admisible para regular a televisión e a radio públicas, o máis alto tribunal precisa tamén que ao suprimir a necesidade de que o presidente de RTVE fose elixido por unha maioría reforzada, “privouse ás minorías parlamentarias da capacidade de utilizar a negociación política para asegurar a elección plural dos seus órganos de dirección”.

A obriga da radiotelevisión pública: ao servizo da democracia e a cidadanía

Os medios de comunicación públicos forman parte da arquitectura democrática. Son un instrumento imprescindible, con maior razón nun mundo rexido polos actores que fan do mercado o regulador de todas as cousas. De entrada, para facer que se cumpran algúns dos dereitos fundamentais nos que se materializa a nosa condición de cidadáns. Velaí polo que o signo máis claro da degradación democrática que, como acaba de evidenciar a sentenza da Gürtel e se vén constatando na progresiva deconstrución do aparello de dereitos e liberdades, desborda en España todas as barreiras de contención. Porque, estando pexados, en maneira ningunha poden responder ao pluralismo ideolóxico que dimensiona o seu ADN, nin garantir o dereito de acceso e a participación social que iso comporta. Cando se superan todas as liñas vermellas, saltan as alarmas. Neste caso, en RTVE.

O que sucede nos medios públicos estatais é especialmente pernicioso neste momento, cando o Estado e con el a democracia se ven cercados por unha gravísima crise institucional, política, social e moral que atrofia a musculatura do réxime do 78. E cando, ademais, non hai do outro lado do que é público outra mecánica que xogue esa baza democratizadora e liberadora dos estados de propaganda e negocio, porque é algo que nunca poden garantir os medios privados. Ningunha outra alternativa mellor que a da supervivencia e afortalamento das canles públicas para que os cidadáns non se vexan sometidos, no complexo e cada vez máis sofisticado sistema de comunicación, aos estándares mediáticos que os converten en simples consumidores. Aválano as declaracións institucionais da UE que veñen lexitimando o servizo público de radiodifusión. Empezando polo Protocolo de Amsterdam en 1997, que foi máis tarde incorporado ao Tratado de Lisboa con valor constitucional, e que concorda coa Carta de Dereitos Fundamentais da Unión no 2007.

Tanto os gobernos de Zapatero como os de Rajoy non dubitaron en engordar o duopolio formado por Mediaset e Atresmedia, a costa de semiasfixiar os medios que configuran a columna vertebral do sistema público no Estado.

A citada Carta consagra os dereitos de liberdade de expresión e pluralismo (artigo 11), o que segundo o Grupo de Alto Nivel creado a eses efectos significa a esixencia de reguladores audiovisuais independentes, e medios públicos con “estritas regras que prohiban a interferencia política e garantan o pluralismo”. E son moitas, ademais, as resolucións do Parlamento Europeo nesa mesma dirección. Unha das últimas, a que proclama o papel fundamental dun “sistema dual europeo realmente equilibrado en radio e televisión”, esixindo para os medios públicos un financiamento estable e suficiente, e demandando dos Estados membros que “rematen coas inxerencias políticas no tocante aos contidos ofrecidos polas corporacións de servizo público”.

A pluralidade lingüística e cultural do Estado español ten tamén noutras declaracións e noutros protocolos institucionais un bloque de esixencias ligadas ao sistema de radiotelevisión público. O Estado comprometeuse en concreto a cumprir coas obrigas que ao respecto establece o Convenio sobre protección da diversidade cultural, promovido pola Unesco, rubricado pola propia UE no 2005, e ratificado polo Congreso dos deputados no 2006. Igual que está concernido como estado polas prioridades comunicativas que o Consello de Europa estableceu en relación cos servizos públicos rexionais. Entre elas, desenvolver a dimensión cultural dos contidos dixitais, reforzar a capacidade de produción de contidos locais e autóctonos e do multilingüismo en Internet, e incentivar a produción de servizos culturais e educativos na maior diversidade de linguas.

E foi no documento final da Conferencia de Saraievo, que organizaron no 2010 a UER e o Consello de rexións europeas, no que se recalca que na era dixital as radiotelevisións públicas de ámbito rexional “son actores fundamentais para a evolución da sociedade do coñecemento, para prover información obxectiva e programación educativa, cultural e de entretemento de calidade, como motores de desenvolvemento rexional e do investimento nas industrias creativas”. O que vale tanto para a RTVE en tanto que servizo público ao servizo dunha sociedade cultural, lingüística, social e politicamente plural –o seu centro de San Marcos, perfectamente equipado para canalizar cara dentro e cara fóra esas esixencias, está infrautilizado– como por caso para a RTVG.

 O desarme regulatorio asentou o duopolio en prexuízo de RTVE

Como subliñan os expertos, o sucedido en España nos últimos vinte anos demostra que a evolución do sistema mediático e televisivo produciuse non só polo impulso dos cambios tecnolóxicos ou por mor do que o condicionou a crise económica, senón tamén como consecuencia das decisións políticas e regulatorias, que se aproveitaron deses factores para mellor moldear de forma partidista o espazo público español.

A cadea de mando, con profesionais cooptados en base a un perfil marcadamente conservador, manexa os fíos coincidindo as máis das veces os temas e os enfoques das informacións coa axenda e co argumentario do PP.

Velaí, xa que logo, a urxencia en rescatar os entes públicos do control gobernamental. Tanto o da CRTVE como os que teñen vida propia en diversas comunidades autónomas –en Galicia, a Radio Galega e a TVG, cuxa última e timidísima reforma acordada no 2011 entre PP e PSdeG mantena Feijóo no conxelador.  Para facer deles un instrumento estratéxico do que botar man nos procesos de transformación e cambio aos que está permanentemente abocada hoxe en día unha sociedade moderna. Todos eses procesos teñen na comunicación, e nos avances tecnolóxicos que a anabolizan, a corrente que os move, transversaliza, socializa… e democratiza. No tempo absolutamente revolucionario da dixitalización, con moitísima máis rapidez e intensidade, porque multiplica o potencial de participación (o das moitas e diversas minorías sociais). E non son precisamente as grandes corporacións privadas, nas que asentan tantos e tan estranos intereses creados, as que decidan conectar con esa corrente. Máis ben todo o contrario: poñen todos os seus recursos en crear e manter curtocircuítos.

Ese control gobernamental é quen condena os medios públicos ao servilismo máis indigno, como veñen poñendo en evidencia os profesionais da RTVE nas ducias e ducias de denuncias, todas perfectamente documentadas, contra a manipulación e a censura que se practican a diario nos servizos informativos da Corporación. Pero aínda hai máis. Porque os gobernos, e moi especialmente aqueles que non teñen querenzas polo público, utilizan as máis sorprendentes estratexias para fidelizar o apoio dos grandes grupos de poder mediático. Pregándose a eles, tanto os gobernos de Zapatero como os de Rajoy non dubidaron en engordar o duopolio formado por Mediaset e Atresmedia, á custa de semiasfixiar os medios que configuran a columna vertebral do sistema público no Estado. Sen que a sombra alongada de Berlusconi nese acelerado proceso de concentración os alarmase o máis mínimo.

A crecente concentración mediática neses dous enormes transatlánticos audiovisuais –máis do 60% da audiencia televisiva–, e o control do 90% do mercado publicitario acadado a partir do 2009, ano no que Zapatero decide por lei que RTVE prescinda da publicidade, son canda o da dependencia gobernamental e partidaria dos últimos seis anos os factores que maior incidencia teñen na redución do pluralismo do sistema audiovisual e no progresivo debilitamento da liberdade de información en España.

No ámbito dos medios audiovisuais, axiña se chafou o entusiasmo dos tecnoutópicos que soñaban no poder de diversificación e pluralismo que segundo eles comportaría a aparición das televisións privadas. O duopolio de licenzas que se mantivo durante quince anos –entre 1990 e 2005– viuse reforzado grazas ao chamado decreto pro concentración, que permitiu as fusións entre empresas ao elevar o listón permitido ata o 27% do share medio. No medio daqueles anos de viño e rosas aos que dera pé a lei do 2006, acadando os medios públicos estatais os niveis de calidade e credibilidade máis altos, o goberno socialista de ZP deu unha viraxe copernicana na súa política audiovisual. As presións do sector privado impactaron na diana. Será quen se beneficie das novas normativas en prexuízo da CRTVE, que queda relegada a un segundo plano.

A lei 8/2009 de financiamento dos medios públicos estatais elimina a publicidade como fonte de ingresos, e son as corporacións privadas as que se reparten o que as públicas deixan de percibir desde entón: uns 500 millóns de euros por ano. O primeiro presidente elixido polo Parlamento de acordo coa norma da maioría reforzada, Luís Fernández, renunciou ao cargo precisamente por estar en contra da eliminación publicitaria. E sucedeu o mesmo co seu sucesor, Alberto Oliart, que tampouco soubo afrontar os dous problemas que lastraban (e lastran aínda hoxe) a resistencia de RTVE: a inestabilidade económica derivada das ambigüidades da dei de financiamento, e o incumprimento por parte do propio Parlamento á hora de aprobar o mandato marco que esixe a lei e que comporta á súa vez o desenvolvemento dos contratos programa trienais.

Pola súa parte, a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010 protexe os operadores privados, consolidándose o duopolio Mediaset/Atresmedia, que amplían o seu dominio grazas á drástica rebaixa das esixencias desa lei no seu beneficio. En concreto: alongamento e prórroga automática das concesións, desregulación da publicidade comercial ata límites insólitos na regulamentación europea, e diminución das súas obrigas respecto do cinema e da produción audiovisual. O rol da CRTVE sofre en cambio unha importante redución ao prohibirlle a comunicación comercial e impoñerlle a emisión de acceso condicionado. Cinco anos máis tarde, acusaría un novo golpe, restrinxindo aínda máis a súa capacidade operativa: o múltiple en TDT RGE2 que tiña asignado para facerlle fronte á etapa da dixitalización televisiva reducíronllo ao 50%.

Todo un desarme regulatorio. O que veu despois foi de libro: a fusión entre Tele 5 e a Cuatro no tempo dos socialistas tivo a réplica dous anos despois, xa co PP no poder, na unión de Antena3 e La Sexta. Os gobernos socialista e popular conseguiron derrubar a maior parte das salvagardas impostas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, que en ausencia dunha autoridade independente como a que actúa na práctica totalidade dos países da UE, é o organismo encargado de controlar os movementos das empresas audiovisuais. Por certo, a creación desa autoridade independente do audiovisual -o Consello Estatal de Medios Audiovisuais– está prevista na lei do 2010, pero nunca chegou a constituírse debido ao boicot tanto do PP como dos operadores privados. Unha das súas competencias é a da concesión de frecuencias, que segue por iso nas mans do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Razón pola que moitas das outorgadas nos últimos anos, especialmente a partir do desenvolvemento da TDT, son escuras e non facilmente explicables agás por motivos da proximidade política dos beneficios.

Certo é que Pedro Sánchez fixo da democratización de RTVE un dos milladoiros do seu discurso de investidura.

E os restantes competidores? Son completamente marxinais no mercado. E por iso se sucederon entre os anos 2012 e 2016, coa crise económica facendo tamén mella nos seus resultados, os peches por quebra económica de diversas canles TDT. A día de hoxe, os beneficios económicos do duopolio televisivo español case duplican os cálculos que prognosticaban os estudos de mercado. Todo á custa do sistema público de radiotelevisión, e da RTVE en primeiro lugar, que se ve atada de pés e mans por un financiamento a todas luces insuficiente para converterse, á marxe de se consegue reconquistar ou non a súa independencia política ou gobernamental, no fiel equilibrador do sistema audiovisual español.

A Comisión da Competencia debería auditar as desorbitadas contas de resultados das dúas grandes operadoras privadas, e valorar as desmesuras oligopólicas incentivadas polos gobernos socialista e popular co seu entreguismo político. Para recoñecer desa maneira a relación causa/efecto en prexuízo dos entes públicos. E para retomar, como consecuencia, o que a lei 17/2006, de 5 de xuño, se atrevese a remarcar para asentar as bases dunha nova CRTVE, independente e plural. Cun sistema de financiamento mixto (orzamentos e publicidade), criterios de produción e programación orientados á calidade, a innovación e o interese xeral, e cos dereitos de acceso e participación plenamente garantidos. Un modelo a seguir polas demais corporacións públicas de ámbito autonómico que, como é o caso da RTVG, non deron saído tampouco dese cerco de dependencia, desprestixio e escasa audiencia –non pasa do 20% a suma de espectadores que segue as dúas canles estatais e as autonómicas que conforman a FORTA.

Os profesionais, contra o bloqueo da reforma e as manipulacións

Son os propios profesionais da CRTVE os que manteñen activadas a protesta e a denuncia contra os abusos que se cometen a diario no tratamento informativo das novas que integran a escaleta de cada telexornal. Os consellos de informativos da radio e televisión pública levan documentados centos de manipulacións e actos de censura, sen que o presidente e os do Consello de Administración do ente, e moito menos o Goberno, se desen por sabidos. A cadea de mando, con profesionais cooptados en base a un perfil marcadamente conservador e partidario, manexa os fíos as máis das veces coincidindo os temas e os enfoques das informacións coa axenda e co argumentario propagandístico ou defensivo do PP. Con incentivos opacos cos que asegurar a súa xa de por si ben demostrada fidelidade á causa. De costas ao Consello de Administración, os principais responsables de informativos recibiron importantes sobresoldos durante o ano 2017. Dous dos receptores desas gratificacións extraodinarias son Carmen Sastre, directora de contidos de TVE e man dereita do polémico Alfredo Urdaci, e José Gilgado, director de informativos diarios. Mentres os salarios do cadro seguen practicamente conxelados pola lei orzamentaria, os directivos afíns ao PP ven incrementados de maneira escura os seus xa avultados emolumentos (case 100.000 euros). Sastre foi a directiva que en xullo dese mesmo ano lle pasou a unha redactora o argumentario do PP para que con el elaborara a información sobre a declaración de Rajoy no xuízo da Gürtel.

A purga de xornalistas de recoñecido perfil profesional, e por iso dificilmente domesticables, dera paso a contratacións a dedo de xornalistas procedentes non só de Telemadrid senón tamén dos medios madrileños da dereita extrema. Con eles montou o director de Informativos José Antonio García Gundín –un xornalista procedente do diario La Razón– unha redacción paralela, na que os seus xornalistas se encargan de controlar a elaboración e emisión de informacións especialmente sensibles ou potencialmente daniñas para os conservadores. Viñérono denunciando publicamente os consellos informativos, e tamén os 2.225 traballadores que en 2017 asinaron o informe no que demandaban do Congreso medidas urxentes para que a radio-televisión pública do Estado sexa un reflexo fidel da sociedade, e non un instrumento de propaganda partidista e gobernamental. Nel esixían “un sistema que garanta a independencia dos seus profesionais, moitos deles relegados por criterios ideolóxicos a pesar da súa experiencia e saber facer”. E achegan datos: desde o 2012, foron removidos ou depurados 45 dos 47 responsables editoriais; dous de cada tres xornalistas de telexornais non seguen nos seus postos.

Eses centos de casos de manipulación e censura denunciados nos últimos anos polos profesionais da radio e televisión pública do Estado chegaron non só ao Parlamento español, senón tamén ao Parlamento Europeo. Deron conta deles ante a Comisión de Peticións, que acordou darlles trámite a través da comisión de Liberdades, Xustiza e Interior, que é a que agora está avaliando se os medios da Corporación cumpren “cos principios de obxectividade, pluralidade e imparcialidade aos que está obrigada a televisión pública, tanto pola lexislación española como pola Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a directiva europea 2010/13”. E en canto souberon no pasado mes de maio do enésimo bloqueo do PP á tramitación da lei de reforma do sistema de nomeamento dos directivos da CRTVE, urdiron unha dobre estratexia reivindicativa, que está tendo numerosos apoios de solidariedade.

Internacionalizaron o conflito a través dos máis significados rotativos de Europa e Norteamérica, e socializárono no interior do Estado, valéndose para iso da campaña #ViernesNegroRTVE. A metáfora do loito en familia rompeu co medo diante e detrás das cámaras: denuncian a manipulación e esixen a tramitación da lei de reforma que os libere dos seus actuais directivos. Fano tamén nas redes sociais coa etiqueta #asisemanipula, impulsada por un grupo de mulleres de RTVE.

En efecto, é o boicot continuado do PP o que mantén atascada a lei que permite rescatar do Consello de Ministros a competencia para elixir o presidente e os membros do Consello de Administración da CRTVE. Fora aprobada cos votos maioritarios da oposición –213 dos 350 deputados– o mes de setembro de 2017. Tras varios meses de dificultosas negociacións, o PSOE aceptou finalmente que a renovación dos cargos se faga por concurso público, tal e como Podemos e Ciudadanos propuxeron desde un principio, coincidindo con eles outros grupos parlamentarios. Porén, a estratexia dos conservadores pasa por dilatar con argucias legais o regulamento que vai guiar o concurso. O pasado 26 de abril ía ser en teoría a data de saída. Pero non foi así: os representantes do PP nas Mesas de ambas as dúas cámaras secundaron a Ana Pastor, a presidenta do Congreso, que en liña coas pautas marcadas desde Xénova e a Moncloa, urdiu un enésimo atraso en base ás dúbidas legalistas que lle suxire o documento propositivo da oposición.

Veñen de gañar esa batalla entorpecedora. Os letrados da Cámara optan por cuestionar a fórmula do concurso público, que é a habitual na modélica BBC británica, para renovar os directivos do ente. Interpretan que lle resta esa competencia ao Parlamento. Así pois, agás que se resolvan esas dúbidas técnicas no corpo da lei de reforma aprobada polos grupos da oposición en setembro do 2017, todo leva a pensar na volta á fórmula da elección polos dous terzos da Cámara ordenada por lei no 2006.

Cando? A sentenza que describe ao PP como unha organización criminal que fixo da corrupción o seu alimento sistemático, e da caixa B o seu laboratorio mafioso desde os tempos de Fraga e Aznar, e a moción de censura que provocou, move todos os marcos do calendario político. Certo é que Pedro Sánchez fixo da democratización de RTVE un dos milladoiros do seu discurso de investidura. Xa que logo, son as mesas do Congreso e do Senado as que teñen a última palabra aprobando a normativa que permita a convocatoria pública que marca a lei de setembro do 2017 para elixir as novos responsables dos medios públicos estatais. E, tendo como teñen maioría nelas PP e Ciudadanos, o lóxico é pensar que van faciliar o proceso. Porque é como aseguran que non se beneficie deles o Goberno de Pedro Sánchez. Era hora.

___________________________