Domingo 4, Xuño 2023
HomeComunicaciónMARTIN BARON, director do The Washington Post

MARTIN BARON, director do The Washington Post

“Spotligth” non é sobre min, é sobre o poder do xornalismo de investigación para esixir responsabilidades.

Spotlight” narra a investigación do xornal Boston Globe —dirixido daquela por Baron— que destapou os abusos sexuais a menores na igrexa católica de Boston, algo que se produciu coa conivencia da xerarquía eclesiástica e de toda unha comunidade. Liev Schreiber é o actor que retrata a Baron no filme. E si, Baron pode emanar certa distancia de introvertida intelectualidade. Pero non, non é  Schreiber. Baron sábese rir do seu nunca buscado estrelato e avalialo na súa xusta medida. Por iso enfatiza a lección de “Spotlight”.

Baron díxome de entrada: “Debemos pedir responsabilidades ás institucións  e aos individuos con poder. Iso foi o que fixemos en Boston. A igrexa católica argallara unha estratexia de encubrimento por décadas. Aos cregos que abusaran sexualmente dos menores permitíuselles seguir no sacerdocio asignándolles outras parroquias, sen informar os fegreses de quen lles chegaba. Era importante que o xornal da cidade investigase que estaba pasando e quen era responsable do que pasaba”.

Pero a prensa é parte dunha comunidade e iso pode crear certos niveis de compracencia que amortecen a realidade. Por iso, a chegada de Baron a Boston trouxo a ollada fresca do ‘outsider’. “En Boston cubrírase o tema dos abusos sexuais anos antes, nos 90. Fixérono e sufriron duras críticas da igrexa. Logo deixaron de cubrir o tema. Iso si, mantiveron certo nivel de cobertura xornalística, pero nunca fixeron traballo de investigación. Por iso cando eu cheguei ao xornal vin que había unha historia que precisaba máis traballo”.

A cuestión, explica, era como chegar á verdade. Por unha banda, estaban os avogados das vítimas e os sobreviventes dicindo que o Cardeal sabía o que estaba pasando. Pola outra, estaban os avogados da igrexa argumentando que eran acusacións sen fundamento. Como saber cal era a verdade?, preguntouse Baron, e propuxo solicitar por vía legal o acceso a documentos internos da igrexa que se encontraban clasificados nos tribunais.  O resto é historia do xornalismo  —Pulitzer incluído— e agora tamén parte da historia de Hollywood.

(Pode ler o artigo completo en TEMPOS NOVOS 226 (marzo 2016), aínda á venda)