Domingo 4, Xuño 2023
HomeComunicaciónManifesto do Día Mundial da Liberdade de Prensa

Manifesto do Día Mundial da Liberdade de Prensa

Asumindo os principios da proclamación polas Nacións Unidas do “Día Mundial da Liberdade de Prensa”, o 3 de maio de 1993, polo que se recoñece unha prensa libre, pluralista e independente, a Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), na que está integrada a Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela, fai hoxe un chamamento aos poderes e institucións públicas e á sociedade para que defendan e promovan a liberdade de prensa, como garantía imprescindible da democracia.

En España coincide este momento cunha grave crise no sector xornalístico, que se traduciu nos últimos catro anos na perda duns 6.000 empregos, o peche de decenas de medios, o aumento do intrusismo, a precariedade laboral xeneralizada e o acoso dos poderes ao noso traballo.

Hoxe denunciamos a existencia de contratos de traballo leoninos e as ofertas de emprego indignas, a negativa dos gobernantes a asumir públicamente as explicacións ante os cidadáns, practicada reiteradamente coas convocatorias de prensa sen dereito a preguntas ou o uso político de concesións de publicidade institucional ou de licenzas de radio e televisión.

Non é menos grave a merma das redaccións, as rebaixas salariais e a substitución de xornalistas experimentados por bolseiros e contratados aos que se lles pagan salarios indignos e que difícilmente poderán resistir as presións dos poderes se o seu posto de traballo pende dun fío, ou a aprobación por parte de institucións de instrucións e normas que cercenan a súa liberdade de expresión e o dereito de información.

Subliñamos o noso compromiso máis firme coa defensa da liberdade de prensa e entendemos que a mellor forma de fortalecela é o exercicio responsable do xornalismo polos xornalistas e editores, baseado no estrito cumprimento das normas éticas e deontolóxicas e en valores como a integridade e o rigor profesional.