Domingo 1, Outubro 2023
HomeComunicaciónFacebook: o soño universitario de máis de 100.000 millóns de dólares

Facebook: o soño universitario de máis de 100.000 millóns de dólares

Xa estamos afeitos a pensar nos Estados Unidos como berce dos casos de maior éxito na Internet, ou polo menos dos máis sonados. A historia, moitas veces levada ao mito obviando os detalles máis mediocres que estropean un bo relato, parece ser sempre a mesma: estudantes novos, reservados, que crean algo novidoso e fanse millonarios en cousa de poucos anos. Pensemos, por poñer algún exemplo, nos Steve’s fundadores de Apple, en Bill Gates (Microsoft) ou na parella Page – Brin con Google.

A historia de Facebook é unha desas historias de éxito, de como un proxecto que nun principio se fai para dar solución a unha inquedanza persoal resulta útil para moita outra xente. De seguro que cando Mark Zuckerberg comezou a escribir as liñas de código que darían forma á que hoxe é a rede social máis extendida non se lle pasou pola cabeza pensar que o seu proxecto acabaría sendo o que hoxe é, nin que o seu nome chegaría ao posto 35 da lista Forbes.

Facebook (The Facebook, no seu nome orixinal), nacía para ser unha rede na que coñecer os datos básicos do estudantado de Harvard, onde Mark estudaba. Cousas como nome, foto de perfil e información sobre gustos ou hobbies. Porén, a gran acollida que tivo levou a que se plantexase unha expansión a outros campus universitarios para posteriormente ser lanzada globalmente en setembro de 2006.

Mark Zuckerberg, fundador da rede social

Mais toda esta expansión non sería posíbel sen a aposta de inversores privados, visionarios como Peter Thiel, cofundador de Paypal, que achegou os primeiros 500.000 dólares en xuño de 2004 ou o fondo de capital de risco Accel Partners, que a comezos de 2006 investiu algo máis de 13 millóns. Desde aqueles comezos, as cifras da compañía non deixaron de medrar: se en xuño de 2010 Facebook estaba valorado en 11.000 millóns de dólares, en xaneiro de 2011 xa se falaba de 50.000 millóns, que serían 104.000 á hora de saír á bolsa neste mesmo mes de maio.

Pero, que é o que fai tan valiosa a esta empresa? De onde saca Facebook os seus beneficios?

A resposta é obvia: Facebook sábeo todo de nós. É, xunto con Google, unha das empresas que ten un maior coñecemento dos seus usuarios (lembremos, máis de 900 millóns). Confesámoslle onde vivimos, onde estudamos e traballamos, se nos gustan os Rolling Stones ou o sushi e se practicamos escalada nas fins de semana.

[quote style=”boxed” float=”right”]É, xunto con Google, unha das empresas que ten un maior coñecemento dos seus usuarios[/quote]

Xa que logo, semella que Facebook é o lugar perfecto para anunciarse, algo que casa coa realidade. De feito, o 85% dos ingresos totais de Facebook no 2011 (3711 millóns de dólares) viñeron da publicidade. Pensemos que, como empresa anunciante, saber que os teus anuncios van chegar a un público potencialmente interesado no teu produto é un punto de valor engadido.

O 15% restante dos ingresos de Facebook provén da plataforma de aplicacións, que con este nome pode non dicir nada, mais é o conxunto de aplicacións nos que se inclúen os sonados xogos, como FarmVille, nos que a xente merca cartos virtuais para as súas granxas e cuxos beneficios se reparten entre a rede social e a empresa desarrolladora da aplicación.

Saída a bolsa

A recén estreada presenza de Facebook en Bolsa supuxo un punto de inflexión na historia da compañía. É un paso que se agarda de todas as empresas que acadan certo tamaño e grao de notoriedade, porque permite ampliar capital coa entrada de novos socios, imprescindíbel para trazar unha boa estratexia de expansión.

[quote style=”boxed” float=”left”]No primeiro día foi quen de recadar 16 millóns[/quote]

Durante o primeiro día, no que se puxeron á venda 421,2 millóns de dólares en accións, foi quen de recadar 16 millóns, converténdose no terceiro maior éxito na primeira xornada de saída á Bolsa de Wall Street, tras Visa e General Motors. Porén, o segundo día sufriu caídas, que levaron a moitos a falar dunha posíbel sobrevaloración da empresa.

Pode ser unha boa idea agardar a ver cal vai sendo a evolución de Facebook en Bolsa, posto que a historia amósanos que o éxito ou fracaso non se pode medir en base ao que acontece nun par de días, nen sequera semanas. Malia todo, Facebook ten tres retos por diante aos que debe prestar atención:

  • Revisar o peso da publicidade no modelo de negocio: é necesario repensar un modelo no que os ingresos proveñen basicamente da publicidade. Hai unhas semanas General Motors anunciaba a eliminación total da súa publicidade na rede social (uns 10 millóns de dólares no 2011) ao descubrir que o 83% dos usuarios nunca fai clic nos anuncios. Que pasaría se outros grandes investidores seguisen os pasos do fabricante de coches?
  • Explotar e diversificar a plataforma de aplicacións: a plataforma de aplicacións, que supuxo un 15% de ingresos o ano pasado, está pouco diversificada. A maioría desas ganancias (o 86%) proveñen dunha única empresa, Zynga, a compañía desarrolladora dos xogos máis exitosos e cuxo acordo de colaboración remata en maio de 2015.
  • Pensar na plataforma móbil: máis da metade dos usuarios activos (uns 488 millóns) acceden a Facebook a través da plataforma móbil, ben versión web, ben algunha das aplicacións para os diferentes sistemas operativos, con regularidade. Porén, Facebook non recibe ningún tipo de beneficio, pois están exentas de publicidade e non contan con aplicacións de terceiros.

En definitiva, se Facebook é capaz de resolver estas tres debilidades, que probabelmente sexan as que precisan dunha atención máis inmediata, será capaz de seguir sendo unha fábrica de cartos, polo menos até que apareza the next big thing.