Luns 4, Decembro 2023
HomeComunicaciónEstado de excepción e de emerxencia política

Estado de excepción e de emerxencia política

Visto en panorámica todo o que está sucedendo, a conclusión non pode ser outra: vivimos social, política e democraticamente sometidos aos condicionamentos que son propios dun estado de excepción. Non é formalmente equiparable a unha ocupación militar, nin ten detrás un decreto de confinamento cidadá e suspensión de garantías, pero si tódolos condimentos que as converten, na práctica, en papel mollado. E xa resulta difícil respirar. Co achicamento do Estado e a redefinición das súas funcións tradicionais en beneficio dun mercado caníbal, todo un éxito atribuído aos voitres do neoliberalismo, e coa credibilidade e lexitimidade dos partidos polo chan, fai auga a arquitectura sobre a que trinta e seis anos atrás se lle dera forma a un sistema político de transición. Forzosamente provisional, porque non fora o froito dun consenso entre o réxime da ditadura e a oposición democrática, como adoitan dicir os historiadores acomodados, senón a imposición da fracción reformista do franquismo á oposición.

Explosiona agora, cando a Constitución que pactaran non dá abasto en centrifugar  acometidas para as que non está preparada –as que impoñen os mercados contra o estado de benestar, as que reclaman as complicidades cos novos socios de Europa e alén mar, as que emerxen desde dentro do propio sistema, desenmascarado pola multicrise e retado por novos suxeitos políticos que o queren subverter. As intermitentes noticias mortuorias que dan conta da desaparición dos máis eficaces portavoces daquela imposición, políticos e oligarcas que se van a outros mundos con despedidas mediáticas de primeira plana, alimenta aínda máis a idea de estarmos asistindo á caída das columnas que sostiveron durante máis de tres décadas aquela arquitectura.

O sistema político que se abriu en 1978 cae a pedazos, e son os máis significados politólogos os que advirten da mutación pola que pasan os actores políticos tradicionais. Aqueles que monopolizaron ata o de agora a intermediación entre a cidadanía e os gobernos (entendidos estes últimos como a personalización do Estado). Os partidos políticos e o mesmo Estado. E de entre eles, aqueles partidos nos que os integrantes daquel condicionado pacto –coa oligarquía franquista e os militares detrás da porta–depositaran a súa confianza e as garantías da alternancia no poder. Foi polo que entre todos acabaron amoldando ese Estado aos formatos –institucións do novo sistema político, procedementos electorais, o café para todos que servía para desabastecer de esixencias as despensas nacionais de Catalunya, Euskadi e Galicia, os partidos como exclusivos suxeitos políticos…– que máis e mellor respondían aos cruzados intereses que alimentaban aquel feble proceso constituínte. Co bipartidismo UCD/AP/PP e PSOE asegurado e a lei D’Hondt protexéndoo de calquera posible treboada. Agás lixeiros cambios, a lei electoral ideada polos reformistas do franquismo e que non cumpría os mínimos requisitos de equidade segue vixente: listas pechadas e bloqueadas, sistema proporcional con correccións de tal dimensión que o desfiguraban por completo (coas provincias como distritos electorais)…

Durou o que durou. O que agora está sucedendo é que ante todo o que evidencia ese esfarelamento do sistema imposto –iso si, lexitimado posteriormente nas urnas– e do bipartidismo e o café para todos que o viñeron sostendo, sen que o grao de conflitividade fose máis alá do que as loitas polo poder da alternancia nos gobernos e nas institucións do Estado e das autonomías, emerxen novos suxeitos sociais que se rebelan contra todo o que estaría na base desa descomposición. O conxunto deses novos actores sociais é o que constituiría iso que denominamos sociedade civil organizada. Conformada cada vez máis por millóns de persoas que, sentíndose inxusta e indignamente tratadas, e abandonadas á súa sorte no triángulo das Bermudas da crise económica e da multicrise social e política que acabou acrecentando, sen que os partidos políticos tradicionais que máis control exercen sobre as tomas de decisión en Parlamentos e demais órganos do Estado fagan nada por auxilialos, optan por participar en procesos de empoderamento cidadá, sumándose ás mobilizacións sociais que teñen como obxectivo constituír a sociedade civil como novo actor político –quérese dicir, como novo suxeito político.

As historias de corrupción, que teñen na do clan Pujol o seu penúltimo episodio, coa da trama Gürtel pisándolle os talóns aos do clan PP/Rajoy, a dos Eres andaluces desenterrando cadáveres pesoistas e a da Pokemon poñéndolle cruces a Feijóo e a Besteiro por toda Galicia –sen que o desbordamento desta riada de augas fétidas nos faga esquecer do que foran, nos prólogos da obra, os casos Filesa e Naseiro–, son o epitafio. De aí ao non nos representan do 15-M, e dos movementos e alternativas electorais que o desenvolven agora, cun claro termómetro de seguimento nas eleccións europeas de maio e nos sucesivos traballos demoscópicos, só había un paso. Dérono, e seguen dándoo en porcentaxes cada vez máis acusadas, sobre todo cando ven como en vez de autocrítica e recoñecemento das súas pobrezas democráticas e estruturais –ideoloxías indiferenciadas e líquidas, simples maquinarias electorais para acceder ao poder, auténticos colonizadores e okupas institucionais, con modelos de organización interna escasamente democráticos, e sobrevivindo entrampados e viciados por altas doses de corrupción–, saen en tromba como feras acurraladas producindo e ofrecendo carnaza. Coa inestimable axuda, cómpre dicilo, dos grandes medios de comunicación, outro dos actores sociais que achegaron e alentaron aquel sinuoso pacto constituínte e o sistema político do que, cómplices á fin, están sendo tamén vítimas propiciatorias.

E se, entre as acusacións de populismo coas que o socialista Pedro Sánchez amosa o medo a seren engulidos –o PSOE do que el é novo secretario xeral e o bipartidismo ao que o partido amoldou a súa identidade ideolóxica e a súa estratexia de poder– polos movementos emerxentes, solta amarras o PP de Rajoy e Feijóo –o aspirante ao trono da dereita en Madrid– confirmando que están dispostos a todo para seguiren detendo o poder case absoluto –ula iniciativa do sistema político que nos impuxeron as elites diante do que iso supón para a democracia participativa?– sobre todas e cada unha das institucións e sobre a maior parte dos gobernos rexionais e locais, que outra alternativa queda que a de exercer a sociedade civil como o noso suxeito político? Porque tanto a reforma da lei electoral a escasos meses das municipais como o achique de determinados parlamentos –con Feijoo esixíndoo a gritos para así salvarse da queima– teñen única e exclusivamente ese obxectivo. Que pasa por eliminar dun plumazo os partidos e mareas que ameazan o bipartidismo.

Nin a democracia nin a cidadanía terán acougo e vida propia, non colonizada como até agora, mentres dure o estado de excepción no que nos meteron tódalas crises. A do sistema político englobándoas a todas.