Luns 2, Outubro 2023
HomeComunicación Luís Álvarez Pousa: "A relación entre medios e políticos é tóxica"

[Entrevista] Luís Álvarez Pousa: “A relación entre medios e políticos é tóxica”

“En Galicia existe unha pluralidade informativa aparente: a maior parte dos medios falan do mesmo”

O xornalista e profesor de Xornalismo da USC, Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos e bo coñecedor do ecosistema de medios en Galicia, sacou recentemente do prelo o libro “Medios e políticos, baixo sospeita. 1990-2023”. Publicado pola editorial Laiovento, cun prólogo do comunicólogo e ex director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, e un epílogo do catedrático e ensaísta Xosé Manuel Beiras, a obra recolle 33 anos de prensa e poder en Galicia, en España e no mundo a través de ducias de artigos da súa autoría que percorren a complexa relación, que el califica de tóxica, entre políticos e medios. Polas súas páxinas circulan reformas legais, o Prestige, o bipartito PSOE-BNG, o caso Egunkaria, o asasinato de Anna Politkóskaya, o goberno Feijóo, o goberno español de coalición, as políticas da UE, a censura e o sometemento da prensa. Conversamos con el nun longo repaso polo pasado e, especialmente polas súas implicacións no presente do xornalismo e da opinión pública. A entrevista, que realizou o xornalista Francisco Cortez-Lobâo Sineiro, colaborador habitural de TN e temposdixital, publícaa o último número do xornal comarcal Crónicas.

 

texto Francisco Cortez-Lobão foto Fernando de Paz

O primeiro que salta á vista do libro é a miríade de casos que recolles para analizar a relación entre prensa e poder. Este é un deses libros que resultan do traballo de toda unha vida?

Polo menos, do labor dos últimos 33 anos. É unha escolma de artigos que teñen en común trataren temas relacionados coa comunicación e a conflitiva relación entre medios e política. Dicía Kapuscinski que cando se descubriu que a información era un negocio a verdade deixou de ser importante. Para demostrar a idea sintetizada nesa frase precisei de case 600 páxinas. Este libro é unha reflexión persoal e consciente que xorde como froito da miña traxectoria xornalística e académica.

O libro divídese en épocas cronolóxicas moi concretas. Cal foi o criterio?

Seguín as distintas etapas políticas. De 1990 a 2004 é a etapa de Fraga Iribarne, ata 2005 co bipartito. Falo da “doma e castración” á que Fraga someteu os medios de comunicación. Os privados, a través dun sistema de compra-venda de información, e os públicos, póndoos baixo o seu control. De 2005 a 2010 coinciden aproximadamente o bipartito na Xunta e Rodríguez Zapatero á fronte do Goberno español. Aquí afondo na situación que viven os medios coa crise económica, que causa un impacto. Redúcese a publicidade, os problemas económicos levan á desaparición de cabeceiras e desfanse equipos redaccionais. Todo isto prexudica a calidade da información e a función social imprescindible no sistema democrático que ten o xornalismo.

Pasa despois á etapa de Núñez Feijo…

A terceira etapa, 2011-17, coincide cos gobernos de Feijoo e Rajoy. De 2018 a 2023, a última etapa está protagonizada en España polo bipartito progresista e nela afloran fenómenos relacionados coa dixitalización da sociedade ou a posverdade. Medra tamén a explotación comercial da información. Estas catro grandes etapas, á súa vez, foron singularizadas por distintas iniciativas lexislativas. Algunhas foron positivas, como a Lei do Audiovisual de 2006 de Rodríguez Zapatero, que marca a etapa máis independente e profesional da RTVE. Na etapa de Rajoy acabouse con iso. En 2011, pola súa banda, Galicia aprobou unha nova Lei de Medios Públicos. Núñez Feijoo meteuna nun caixón e non a desenvolveu, impedindo a desgobernamentalización e profesionalización dos medios públicos. E xa cando chegamos á etapa do bipartito en España, inténtase recuperar os medios públicos e desgobernamentalizalos. Pero non se conseguiu.

Luís Álvarez Pousa (foto: Fernando de Paz)

Distingues nitidamente medios públicos e privados. Pero actúan de modo semellante…

O sistema de medios en Galicia dá unha imaxe de pluralidade cuantitativa fronte a outros sitios onde desapareceron cabeceiras. Pero aquí non resistiron grazas ao seu público. Se disto dependera quedarían poucas no mercado. Os políticos detectaron as dificultades dos medios e souberon que podían polos ao seu servizo. Os medios subsisten grazas ao diñeiro público que se lles entrega sen ningún tipo de control parlamentario, oferta pública nin transparencia. A iso chámolle sistema de compra-venda de información, que é unha forma de corrupción. Isto sucedeu tanto na época de Fraga como de Feijoo ou Touriño e Quintana, que nisto por desgraza non cambiaron nada. Ao mesmo tempo a CRTVG, que podería facer de “antivirus”, permaneceu sempre baixo o control deses mesmos gobernos. Xa que logo, a pluralidade de medios é aparente, non satisfacendo a pluralidade social. Soan moitas campás, pero fainas soar a mesma man. E os gobernos foron entregando as novas frecuencias, fundamentalmente radiofónicas, aos grandes grupos madrileños, impedindo que en Galicia exista un sistema de comunicación radiofónica de seu..

Falas de capital madrileño na prensa galega. Asistimos a unha pugna entre capital local e os grupos que veñen de Madrid? Como pode mudar iso o panorama que reflictes no libro?

O sistema de xestión entre ambos modelos pode cambiar, pero a oferta e calidade informativa serán semellantes. A dependencia económica do poder e das subvencións permanece, sexan autonómicas ou municipais. Todos os medios de comunicación falan do mesmo cada día, presos das mesmas fontes. O xornalismo político en Galicia está baseado no que queren os gabinetes de comunicación. Algún medio diferénciase na maneira de enfocar as noticias, pero seguen sendo as mesmas que aparecen no resto dos xornais. Tamén é certo que os medios carecen de capacidade para crear axenda. Podería evolucionarse cara a un modelo especializado, pero no modelo xeralista que temos non hai moito que esperar. Un bo xornalismo require de bos profesionais, pero tamén de recursos económicos. Hai que facer comprender ao público o que sucede, a transcendencia dos feitos, e isto significa buscar e contextualizar, asegurando que se traslada unha información veraz e de calidade. Esa información produce coñecemento. Os xornais de Galicia producen coñecemento? Sempre hai algunha excepción, pero o tipo de xornalismo que fan é obxectivista e descritivo. Cando lles interesa, porque outras veces simplemente agochan a realidade.

É difícil determinar concretamente o volume de cartos públicos que recibe un medio. Non hai unha base de datos con esa información. Que pode facer o cidadán?

Un cidadán sabe que os medios reciben diñeiro público, pero non saben canto. Se o soubesen escandalizaríanse. É moi difícil concretar os cartos entregados durante a autonomía. Sempre se intentou agochar a información por parte dos gobernos, incluso pondo nomes confusos ás partidas nos orzamentos. Recordo que a primeira vez que se fixo unha información moi documentada sobre os diñeiros que a Xunta daba aos medios foi na revista ‘Galicia Internacional’, que eu coordinaba naquel momento. A investigación cubría de 1989, coa chegada de Fraga a Galicia, a 1996. O total que conseguimos descubrir foi de 22 millóns de pesetas. Esta cantidade multiplicouse, pero segue sendo moi difícil de concretar. A única convocatoria pública é a que ten establecida a Xunta para fomento de galego nos medios. E levan a mellor parte aqueles medios que publican en castelán. Todo o demais faise de maneira bidireccional, entre cadansúa empresa e o poder político. Sempre en segredo. Naquela investigación acabamos descubrindo convenios entre as distintas consellerías de Fraga e os medios de comunicación galegos.

O sucedido en Ourense, co gran resultado electoral dun alcalde abertamente enfrontado a un medio local, cambia o panorama? É unha crise de modelo?

Creo que o que ocorreu pode explicarse doutro xeito. Esas gravacións existen dende moito antes da campaña electoral, pero ao Partido Popular e á Deputación non lles interesou facelas públicas antes. Agardaron á campaña para poder desfacerse de Jácome. A veciñanza percibiu que estaba a facerse unha operación contra o alcalde dende La Región. No canto de ir ao xulgado con material que demostraba actos ilícitos, gardárono por propio interese. O voto tradicional de Jácome era dende o meu punto de vista o dunha sociedade farta das políticas de Baltar. Agora sumouse outra parte de votos que percibiu a existencia dunha campaña instrumentalizada por un partido político concreto a través das páxinas dun xornal. O voto a Jácome é como unha patada a ese xogo sucio. É un exemplo claro de complicidade entre medios e políticos. Creo que Jácome é indigno, polo que se oe nesas gravacións, de exercer a alcaldía, pero utilizáronas contra el polo simple interese do PP, valéndose dun medio de comunicación.

Como afectou ao funcionamento dos medios a dependencia de cartos públicos?

A lóxica de mercado imponse sobre a lóxica normativa. Coincide coa crise económica de 2008 e, posteriormente, coa pandemia. Impera a idea de que se salve quen poida, e o interese céntrase nos beneficios, esquecendo o demais. Os medios prescinden da súa función vertebral: ser un contrapoder. É un perigo cando deixan de representar a sociedade para representaren os seus propios intereses. Os xornalistas quedan en terra de ninguén. Non hai normativa que os defenda fronte ás súas propias empresas para exerceren o seu traballo profesional, que non se debe á empresa senón ao interese público. Sempre se dixo que en comunicación a mellor lei é a que non existe, porque a autorregulación era o sistema con máis garantías. Eu hai moitos anos que deixei de defender a autorregulación como método de salvagarda do papel do xornalista. Non é eficaz. Ten que haber unha lei que se ocupe de que os sistemas mediáticos españois funcionen de maneira equilibrada, salvagardando dereitos fundamentais como a liberdade de información e a defensa dos xornalistas como servidores da cidadanía. Aos medios non lles interesa máis que o xornalismo descritivo. A información é unha acumulación de datos, pero para crear coñecemento necesitamos interpretar os datos. Ese é o traballo dos xornalistas.

O rol que atribúes ao xornalista é moi complicado no día a día: falta de medios, de interese… Na información local vence o gabinete de prensa…

Os medios non poden permitir que nas súas redaccións os xornalistas creen problemas, comprometéndose cunha clase de información que non responda aos intereses dos gabinetes. Un gabinete non fai xornalismo. Produto desta situación é que os medios, que teñen que cubrir páxinas a diario, ou minutos de informativo, dan entrada a todo o que lles entra. Dáselle así carta branca ás fontes para construíren as axendas dos medios segundo os seus propios intereses. A maioría de medios asumen isto como algo normal sen que o cidadán saiba que quen achega a información son fontes interesadas. Co meu alumnado na Facultade, na materia de Xornalismo Especializado, faciamos unha práctica que consistía en seguir durante tres meses os distintos xornais galegos. Contabilizabamos cantas pezas sobre política tiñan como fonte un gabinete, e era arredor do 70%. Un xornalismo de declaracións. A maioría das informacións políticas configurábanse en base ao que unha fonte interesada trasladou ao medio de comunicación sen que ninguén se preocupase por contrastar a información para comprobar a súa fiabilidade. Non sei se debéramos sequera chamarlle xornalismo a isto.

Cal é o sector mediático máis afectado por esta dinámica?
Está en todas partes. A televisión é o medio polo que se informa a maior parte da cidadanía. Hoxe en España hai un duopolio audiovisual, o de A3 Media e Mediaset. Entre ambas controlan 17 canles de televisión e o 80% da publicidade producida de carácter audiovisual. Isto sucedeu grazas ás políticas de gobernos que potenciaron a concentración do audiovisual. Quen podería contrarrestar esta escasa diversidade? Os medios públicos poderían ser un contraforte fronte a este modelo. Pero esas televisións están nas mans do poder político do momento e actúan coma televisións privadas, que no canto de pertencer a un empresario pertencen a un goberno e ao partido que o sustenta. En canto ás radios, as máis importantes pertencen directa ou indirectamente aos mesmos grupos que conforman o duopolio audiovisual. E as radios autonómicas, coma as televisións, están dirixidas polos gobernos.

A falta de pluralidade se cadra é máis notable en faladoiros e formatos de debate.

Hai un sistema de cooptación nos medios galegos ligado dende sempre aos seus intereses empresariais. Utilizan un sistema de cotas que simula pluralidade, porque sempre hai un ou dous cunha liña que parece contrastar coa oficial do medio. Pero todos os demais din o mesmo. Nunca vira unha presenza de sinaturas de opinión tan conservadoras e tan en liña cos intereses empresariais como agora. Máis alá de que sexan medios públicos ou privados, operan cunha mesma liña. Isto non acontecía do mesmo xeito, ou con esta intensidade, hai anos, na época en que traballaba na prensa.