Domingo 18, Abril 2021
HomeComunicaciónJ.M. PÉREZ TORNERO

J.M. PÉREZ TORNERO [ENTREVISTA]

“Sen alfabetización mediática, nin unha boa educación nin unha sólida democracia”

O catedrático de Xornalismo e Ciencias da Comunicación na Universidade Autónoma de Barcelona, José Manuel Pérez Tornero, pasou media vida investigando, ensinando e escribindo libros e artigos sobre TV pública, TV educativa e cultural, entorno audiovisual e educación, comunicación multimedia ou alfabetización mediática. É, por iso, un dos máis recoñecidos expertos en medios, educación e cultura. Antes diso, e do seu labor como consultor de diversas institucións europeas, traballou como xornalista en diferentes medios de comunicación, e tamén como impulsor de proxectos de TV, audiovisual e multimedia, así como de programas infantís e xuvenís. Un destes últimos convertiuse no programa “La aventura del saber”, sendo daquela director do departamento de TV educativa na RTVE. Pasou por Compostela para intervir no Consello da Cultura nunhas xornadas sobre alfabetización en medios.

 

texto Miguel Vázquez Freire

Defende vostede a incorporación ao currículo escolar dunha nova competencia, indispensable para a cidadanía do futuro: a alfabetización audiovisual e mediática, na que hoxe debería integrarse a alfabetización dixital. En que debería consistir e por que é tan importante? A educación ten que potenciar as competencias clave que permitan comunicarse, pensar e actuar con autonomía. A partir de aquí vén todo o demais, comprender o mundo, relacionarse cos demais, participar dunha cultura e dunha cidadanía, etc. Xa que logo, para comunicármonos contan as linguaxes —de todo tipo— e os medios de relación cos demais. Para pensar, fan falla linguaxes lóxicas e formais que categoricen o entorno e que saiban estruturalo; e, con capacidade de comunicación e de pensamento, pódense planificar accións racionais en cooperación cos demais. Hoxe en día, para todo isto utilízanse linguaxes audiovisuais e medios dixitais. Se non temos abonda capacidade para os usar e para desenvolvermos as nosas habilidades en e con eles, mal nos ha ir no noso desenvolvemento social e persoal. De aquí a importancia que ten esta competencia no mundo actual.

Podemos pensar que se trata dunha nova competencia? Esta competencia está estreitamente relacionada coa competencia lingüística —incluída a linguaxe matemática—, coa lectura e a escrita e, en xeral, con todo o entorno mediático que nos permite procesarmos información e comunicármonos. Por tanto, esta nova competencia, en certo senso, non é tan nova. É simplemente a adaptación ao novo entorno comunicacional doutras competencias que se adaptaban ben ao entorno comunicacional doutro tempo.

Esta nova alfabetización vén sendo reclamada desde os anos sesenta, cando o cine e a televisión se converteron en influentes medios de masas. Cales son, na súa opinión, as resistencias que impiden que esa demanda se traduza nunha auténtica e xeralizada modificación dos contidos e as prácticas escolares? Creo que se trata dunha tensión moi antiga que adquire agora unha nova versión. Os sistemas educativos e culturais viviron desde sempre a tensión propia dun conflito entre, por unha banda, a necesidade de conservar o estatus quo, e por outra, a de transformalo. As forzas do mantemento, moitas veces estaban loitando por soster un sistema de privilexios e vantaxes para os poderosos —sexa do tipo que sexan— que precisaba un certo consentimento da maioría. Precisaban xaora que tanto os educandos como as persoas que se inserían nunha cultura determinada fosen sobre todo pasivos e receptores. En cambio, cando se trataba de espertar o sentido crítico, e de desvelar aos educandos —e aos cidadáns en xeral— as mixtificacións e falacias das ideas dominantes, daquela si que cumpría ir a contracorrente e procurar que os educandos e os cidadáns fosen activos e receptores críticos.

E cal das dúas correntes triunfou? O que pasou nas últimas décadas é que triunfou o polo do mantemento. O senso crítico no se ten fomentado o que era preciso. Eis polo que triunfa a rutina diante da necesidade de introducir cambios fondos e arriscados tanto na educación como no sistema mediático e, xa que logo, que non se fixese abondo caso á demanda real de introducir o senso crítico verbo dos medios e da comunicación en xeral.

Nas últimas décadas, non se fomentou o sentido crítico o que era preciso. Eis polo que triunfa a rutina diante da necesidade de introducir cambios fondos e arriscados tanto na educación como no sistema mediático e, xa que logo, que non se fixese abondo caso á demanda real de introducir o sentido crítico verbo dos medios e da comunicación en xeral.

Vostede dirixiu durante anos en TVE un programa emblemático de divulgación educativa, La aventura del saber, e é autor de dúas obras (La televisión educativa, 1993; El desafío educativo de la televisión, 1994) nas que avogaba por potenciar o papel da comunicación audiovisual na educación. Aínda que hoxe os formatos divulgativos (culturais, científicos, educativos) proliferan na web, non parece que o seu impacto sexa relevante nas aulas, nin que exista unha política educativa conscente por parte das institucións, tanto estatais como internacionais, dirixida a modifi car esta situación. Como adaptaría a súa proposta de 1994 á nova situación, dominada polas pantallas múltiples? Cando arrincou o programa de La Aventura del Saber, tiñamos un programa que ía moi para alén de facer só un programa. Tratábase de tecer unha alianza entre a educación e os medios de comunicación. Esa alianza pasaba por algúns fitos sinalados e moi claros naqueles tempos: a) A creación dunha canle educativa de televisión; b) A introdución do ensino sobre medios e linguaxes na educación —hoxe chamariámolo un cambio curricular—; c) O investimento de recursos para a produción audiovisual educativa e para que se desenvolvesen experiencias de comunicación nos centros educativos. Naqueles momentos non houbo abonda vontade política como para acometer ese proxecto. Tampouco a televisión pública puido resistir ben o aire privatizador e desregulador que se aveciñaba con forza. E, finalmente, o sistema educativo tendeu progresivamente a se illar do seu entorno. Xa que logo, perdeuse unha oportunidade de mellorar o ambiente educativo e cultural do noso país. Hoxe en día o reto segue sendo, se, se cabe cabe, tan importante como o era daquela, mais con outros desafíos, con outras oportunidades. O que é común é a necesidade de defender a acción educativa e cultural dos medios e, especialmente, da radiotelevisión pública. Como común é a esixencia que debemos sentir todos de mellorar o sistema educativo. Con todo, os medios son outros. Internet cambiou moitas cousas: ofrece moitas posibilidades mais esixe unha acción máis intelixente, máis enérxica. E, desde logo, o reto de conectar educación e medios segue aí. Non podemos confiar os medios só a qen queren explotar a súa vertente espectacular e comercial, e seguir sometendo a educación a un estado de illamento e de reserva. A alianza entre o mundo dos medios e a educación segue sendo un dos primeiros pasos que cómpre dar para construír unha socieda-de da información e da aprendizaxe.

Que respondería ás teses de, por exemplo, Neil Postman ou Giovanni Sartori que, desde distintas perspectivas, coinciden en considerar que a introdución dos novos medios nas aulas inevitablemente concluirá co triunfo da banalización e a cultura do entretemento? Teño moito respecto por ambos os dous autores e por moitas das súas exposicións. Mais coido que cometen algúns erros de enfoque que se poden resumir no seguinte: confunden a linguaxe audiovisual e a estrutura mediática hexemónica coa linguaxe audiovisual e os medios estricto sensu. A linguaxe audiovisual dominante —e a estrutura mediática que a sostén— é, como din estes autores, banal, aparvante e manipuladora. Porén, a linguaxe audiovisual non é per se, así. Nin moito menos. A linguaxe audiovisual e os medios pódense usar para a intelixencia e para o desenvolvemento humano. Do mesmo xeito que os libros poden servir para transmitir ideas fascistas ou para defender a liberdade e o espírito crítico. Xa que logo, creo que cómpre enfocar correctamente o problema e facer da linguaxe audiovisual un instrumento de discernimento. E facer tamén dos medios un escenario para a cooperación e a comprensión mutua. De se facer isto dentro da educación, o progreso será notable. Se, en cambio, o que se fai é introducir os formatos audiovisuais espectaculares e o uso adictivo dos medios e das redes sociais, daquela desde logo que estariamos indo cara atrás.

Aínda sendo un claro defensor dos novos medios, vostede non elude advertir dos pro-blemas que a súa implantación, dominada por intereses comerciais, está a xerar. Así, ten chamado a atención sobre os cambios na conduta e nas identidades das novas xeracións, producidos polos hábitos de dependencia respecto das pantallas. Cales son eses cambios e por que merecen a nosa atención? Os medios, como a tecnoloxía e a cien-cia, poden xogar un papel humanizador e liberador. Mais tamén poden facer o contrario, converterse en instrumentos para potenciar a submisión. Creo, xa que logo, que temos que ser moi críticos cos medios. Isto non consiste en criticalos ou confrontarse a eles con denuncias… O que precisamos é aproveitar o bo que hai neles —e nas súas linguaxes— para desenvolver a humanidade. Cómpre facelo con equilibrio, superando contradicións e sorteando moitas dificultades. En definitiva, con intelixencia estratéxi-ca. É un tópico falso dicir que os luditas, cando se enfrontaban ás máquinas, facíano porque estaban contra a técnica e contra o progreso. Non, facíano porque lles quitaba o traballo, o emprego, e arruinábaos. Nós atopámonos nun caso semellante: estamos a favor do desenvolvemento tecnolóxico e mediático, pero non queremos que se apropien das nosas vidas a cambio de nada. Esta é a nosa actitude.

Hoxe en día utilízanse linguaxes audiovisuais e medios dixitais. Se non temos abonda capacidade para os usar e para desenvolvermos as nosas habilidades en e con eles, mal nos ha ir no noso desenvolvemento social e persoal. De aquí a importancia que ten esta competencia no mundo actual.

Noutro plano, vostede denuncia o que chama “a ideoloxía de Silicon Valley”, que define como un “libertarismo capitalista” que nos está arrastrando a un novo autoritarismo paradoxicamente disfrazado de liberalismo extremo. Por que as promesas de ilustración universal, horizontalidade democrática e novo espírito cooperativo, presentes nos pio-neiros de Internet, se están trocando no seu contrario? Que cabería facer para contrarrestar esta deriva? Non é unha denuncia nova. Desde hai varias décadas, os medios de comunicación —e, hoxe en día, as grandes tecnolóxicas de Internet— teñen adquirido cada vez máis poder e están en menos mans. Un investigador e xornalista norteamericano, Ben Bagdikian, vén denunciando esta concentración desde hai moitos anos. Explica que nos anos oitenta, só cincuenta empresas dominaban todo o sistema mediático de EEUU; mais na metade dos noventa, este número reducírase a pouco máis dunha vintena; e logo, a finais desa década, a só una decena. Na actualidade, as grandes tecnolóxicas que dominan case todo o sistema mediático mundial non pasan de seis. E o seu poder é enorme: constitúen un claro oligopolio. Isto produciuse cun desregulamento salvaxe que viña inducido, por unha parte, polo neoliberalismo, e pola outra, por un certo pensamento libertario que coincidían, ambos os dous, na necesidade de reducir ao mínimo o Estado e, xa que logo, calquera intento de establecer regras. Pero sen regras, imponse a lei do máis forte. E nesas estamos. A clave disto é que algúns dos empresarios emprendedores que dicían querer liberar ao mundo usando Internet, cambiaron de actitude e de programa: hoxe en día, queren gobernar eles o mundo usando Internet. De seren empresarios disruptivos pasaron a crear conglomerados de poder que tratan de perpetuar. Fixéronse, logo, opresivos e pechados. Non manteñen xa ningunha das súas ilusións, e moito menos as súas promesas. Teñen creado corporacións que xa só procuran capital e riqueza, deixando atrás moitos dos seus ideais…

Cómpre facer da linguaxe audiovisual un instrumento de discernimento, e dos medios un escenario para a cooperación e a comprensión mutua. De se facer isto dentro da educación, o progreso será notable. Se, en cambio, o que se fai é introducir os formatos audiovisuais espectaculares e o uso adictivo dos medios e das redes sociais, estariamos indo cara atrás.

Fala vostede dunha “caixa negra” do mundo dixital: por unha parte, individualmente, cada un de nós xeramos unha memoria case exhaustiva de canto facemos e pensamos, almacenada polos múltiples aparellos dixitalizados que manexamos (Big Data); por outra, nada sabemos de quen controla exactamente eses datos e que está a facer con eles. Se a iso unimos os acelerados procesos de concentración empresarial dos novos poderes mediáticos, dos que antes nos ten falado, ábrese un auténtico perigo para o futuro da democracia. Que instrumentos teñen os cidadáns para se enfrentaren a este perigo? Hai dúas tendencias, que poden complementarse, diante deste fenómeno de crecente poder de quen nos vixían e controlan a nosa memoria colectiva e os nosos fluxos de comunicación. Unha delas é procurar esixirlles transparencia, apertura, un constante rendemento de contas. A outra é regulalos, ordenalos, obrigalos a cumprir certas leis. Desde logo, non é doado facer nin unha cousa nin a outra. Mais é necesario conxugar ambas as dúas estratexias con outorgar cada vez máis participación e liberdade aos cidadáns. Se isto se consegue, unha boa parte do perigo que encerra a caixa negra se conxuraría. Mais coido tamén que hai que seguir unha política de empoderamento dos cidadáns e de distribución igualitaria dos recursos.

Que medidas poderían e deberían adoptar as institucións democráticas para neutralizalo? Sería moi importante que os Estados e os organismos internacionais xogasen un papel central, potenciando o público e a cooperación, e limitando o degoiro de lucro e a explotación comercial dos medios e das redes. Creo que por aquí van as estratexias xerais. Nesas estratexias, son moi importantes as políticas de alfabetización mediática.

Vostede participa, ou ten participado, en organismos internacionais (UE, Unesco, Nacións Unidas…) que promoven iniciativas relacionadas coa educación e os novos medios. Podería explicar algunhas desas iniciativas e dos seus resultados? Creo que un dos resultados conseguidos na UE é que, logo de décadas de traballo, se ten instalando na axenda da Unión o tema da alfabetización mediática. É un tema que se fomenta mediante axudas a proxectos de investigación, ou a experiencias de innovación educativa, e que incluso comeza a calar en proxectos de desenvolvemento industrial (en tecnoloxías mediáticas). Nesa liña e a través da Directiva de Servizos Audiovisuais, tamén a alfabetización mediática debe desenvolverse nas leis de cada país. É un progreso significativo. Con todo, non se conseguiu algo parecido no terreo educativo, onde moitos dos currículos vixentes aínda ignoran o tema da alfabetización mediática ou ben non lle outorgan demasiada importancia. Algo semellante sucedeu na UNESCO, o tema está na axenda de moitos Estados e na da propia axencia das Nacións Unidas. Mais aquí a énfase ponse sobre todo na innovación dos sistemas educativos —a través dun currículo de formación de profesorado— e no papel que a alfabetización mediática e informacional pode xogar na loita contra a linguaxe do odio e a desinformación.

Cales segundo vostede serían os retos de futuro nos que se terían que concentrar os maiores esforzos? Coido que os retos do futuro son tres. O pimeiro deles, intentar que nas lexislacións de cada país —relativas a medios e educación— a alfabetización mediática entre con forza e poida así converterse nunha prioridade. A segunda é conseguir —a través do diálogo e o debate— un gran pacto mediático orientado a respectar a autonomía crítica dos usuarios e do público baseado no respeto das súas competencias mediáticas. E, finalmente, o reto de acadar un sistema de seguimento global do desen-volvemento da alfabetización mediática —mediante indicadores serios— que nos permita implementar políticas públicas eficaces para promocionala, e para dese xeito mellorar a democracia. Todo isto subsúmese nunha idea simple: o desenvolvemento humano na actualidade pasa por mellorar a alfabetización mediática. Porque sen ela no haberá nin unha boa educación, nin unha sólida democracia, nin xaora unha ciencia ao servizo humano.


 

 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]