Martes 6, Xuño 2023
HomeComunicaciónDOPAXE MEDIÁTICA

DOPAXE MEDIÁTICA

por Luís Álvarez Pousa

Algún medio de comunicación dominante tira da axenda coa que Núñez Feijóo gañou as eleccións do 2009, cando solemnizou os seus mítins cun propagandístico contrato con Galicia que consistía principalmente en sacarnos da crise económica e minguar as cifras das persoas en paro que, dicía, eran tantas que “poderían encher 50 pavillóns deportivos”? Ningún. De facelo, caería o pano que oculta a radiografía económica que o profesor Albino Prada describe e argumenta con datos oficiais no TEMPOS NOVOS do mes pasado. En todos os principais indicadores, estamos peor que hai once anos.

Malia todo, segue tendo máis alá e máis acá do Padornelo fama de gran xestor. Unha contradición que engorda na medida en que profundamos no proceso de deconstrución ou desmontaxe ao que se entregou en áreas e sectores relacionados co noso estado de benestar, o autogoberno e a democracia. Entón? Algo terá que ver a dopaxe mediática coa que se presentou ás tres convocatorias da última década.

Postos a analizar o fenómeno, partimos do que a día de hoxe comporta a utilización do marketing e a manipulación de audiencias no ámbito da política. Contando unhas veces co silencio cómplice, outras coa eficacia desinformativa que producen os métodos e técnicas xornalísticas utilizadas entre nós polos medios de comunicación, tanto os públicos (TVG e RG) coma os privados (prensa diaria, emisoras de radio e webs adosadas a ela). Se a ese mapa de control mediático interno, galego, lle sumamos o que por mor dunha ben calculada estratexia persoal comporta para el a sobreactuación (case sempre envolta en grandes doses de cinismo e trampas propias do mellor trileiro) coa que se manexa nos platós televisivos e nos cenáculos madrileños, teremos a pista que máis e mellor nos axude a descifrar ese aparente misterio.

O control da ben pagá

Na prensa diaria máis tradicional (todas as cabeceiras, agás Nós diario, que anda de estrea) e nas súas correspondentes terminais radiofónicas e dixitais, Feijóo instalou o mesmo sistema de control que lle deu a Fraga Iribarne plácidas lexislaturas á fronte da Xunta. Toda unha estratexia de doma e castración da que non souberon ou non quixeron librarse os empresarios da comunicación. Mediante a entrega a fondo perdido de cando menos 21 millóns de euros (a cantidade que globaliza o calculado a partir das non sempre fáciles descobertas nas listaxes de convenios, contratos e publicidade institucional), o presidente de Galicia e do PP, como anteriormente fixera o seu antecesor, veu asegurando a blindaxe que precisa para sestear no poder á marxe da opinión pública, e o que aínda é peor, de costas ao parlamento e a calidade da democracia.

Ese perverso modelo de relación coas empresas privadas, e de maneira especialmente intensa coa que ten unha posición dominante no país, La Voz de Galicia, asentou sobre a compravenda de información o que, aparte de comportar altas doses de corrupción, é o que boicotea de maneira noxenta, tóxica, a función social e política da que se sirve a Constitución para garantir o dereito de e á información veraz e o pluralismo. Velaí polo que a información xornalística non é un ben privado, por máis que teña esa condición a empresa que a produce, senón un ben público, estando xa que logo sometida a control social. Medios e xornalistas actúan unicamente de intermediarios, esenciais sen dúbida, para facelo posible. Coa prensa ben pagá, esa función social e esa mediación convírtense en papel mollado. Quen paga, manda.

Mediante a entrega a fondo perdido de cando menos 21 millóns de euros, o presidente de Galicia e do PP, como anteriormente fixera o seu antecesor, veu asegurando a blindaxe que precisa para sestear no poder á marxe da opinión pública, e o que aínda é peor, de costas ao parlamento e a democracia.

Xusto cando somos vítimas dunha internacional da mentira -o imperio das fake news– e o acceso á información confiable e precisa é hoxendía, literalmente, unha cuestión de vida ou morte. A carga viral da desinformación que esa internacional produce a través das súas múltiples e globalizadas terminais non fará máis que crecer se o xornalismo continúa padecendo golpes de calor e de morte. Pero os intereses económicos e estratéxicos son demasiado decisivos nos medios de comunicación actuais, e na prensa de papel de maneira especialmente dramática, como para renunciar a ese maná de diñeiro público. Nos editoriais, e nos enfoques que elixen polo xeral na presentación dos feitos, reivindican ou ratifican todos eles os dogmas do neoliberalismo, pero non dubidan en acollerse ao patrocinio de quen manexa o orzamento público, e aos seus intereses persoais e de partido, para sortear as inclemencias do mercado.

É polo que viñemos constatando ao longo destes anos, e aínda con maior entusiasmo desde que Feijóo e o PP romperon augas electorais baixo o paraugas da pandemia, como os medios tradicionais, totalmente desacomplexados, silencian, minten ou distorsionan a realidade, aliñándose con máis ou menos sutileza cos intereses de quen os sobre-financia. Ata o punto de acoplarse á súa axenda diaria, abrindo portadas e informativos radiofónicos co que a el e ao PP lles interese en base á súa utilidade na batalla do momento, convertíndose asi nas súas terminais, sen cuestionarlles nunca datos, declaracións e enfoques.

Téñense realizado estudos académicos que corroboran ese comportamento submiso das empresas xornalísticas co líder da dereita galega, co seu falso discurso -atribúese sen o máis mínimo rubor o papel dun constructor salvífico cando todos os indicadores económicos, políticos e sociais o evidencian como un eficaz demoledor-, e co que algúns denominaron con afán branqueador pecados de xuventude (os consumidores de prensa galega nunca poideron ver nas súas páxinas as fotos da proba que no 2013 publicou El País) e que en realidade son os que a un político que desempeñaba un alto cargo gubernamental nunca lle houberan perdonado nunha democracia seria: a vida de lecer que durante varios anos compartiu co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado, preso actualmente no cárcere de Villabona. Pero eses estudos nunca chegaron á opinión pública: xa se encargan os da prensa ben pagá de non airealos.

Veu demostrando que é un eficaz demoledor do público, como bo militante que é da doutrina do neoliberalismo que profesan os aznares e casados desta hora. Cara fóra, e co obxetivo de romper a membrana que obstaculiza as aspiracións dun político periférico, enmascarouse coa careta dun hábil imitador kennediano, avivando o morbo mediático e político dunha suposta e irreal confrontación cos que gobernan a conventual de Génova, o que lle está dando un plus de telediario, véndose ao tempo beneficiado nas entrevistas polo desinterés e o descoñecemento que en Madrid teñen da súa mala xestión en Galicia.

Os medios públicos, secuestrados

O control directo que Feijóo ten dos medios públicos -a TVG e a Radio Galega- é a outra columna coa que soster o seu liderado e o seu poder. As denuncias de manipulación que unha parte moi considerable dos traballadores da CRTVG veñen facendo públicas desde o ano 2012 ata hoxe, moitos deles particiando activamente nos chamados “venres negros” da protesta, nunca as deu por existentes. Sábese a resgardo dos medios privados, que reciben todos os anos contratos millonarios para os seus produtos audiovisuais, polo que tampouco se fan eco desas gravísimas acusacións. Nin sequera se deu por enteirado cando toda a oposición, de común acordo, lle pediu explicacións pola descarada utilización electoral que fixo da TVG durante os meses do estado de alarma. Non acudiu máis ca unha vez ao parlamento, pero comparecía cada dous días e en plan “aló presidente”-dúas horas en continuidade-, contraprogramando en horario de telexornal as roldas informativas que o ministro Illa e o científico Fernando Simón daban desde a Moncloa. Ou en competición horaria coas comparecencias semanais de Pedro Sánchez, ao que puña de volta e media cinco minutos despois de mostrarlle lealdade institucional na conferencia de presidentes.

Se alguén instrumentalizou electoral e persoalmente a Covid-19 e a cantos a padeceron, xogando sempre a bos (el e os seus) e malos (Sánchez e Iglesias) como se dun torneo e non dunha pandemia contaxiosa se tratase, ese foi Feijóo. Cos medios públicos en bandexa, forzando que os seus administradores atentasen contra un dos principios normativos que ordenan o seu funcionamento: o do dereito de acceso. Durante esa precampaña electoral televisiva, a outra media Galicia representada no Parlamento quedou marxinada, sen poder ter elementos de contraste cos que formar opinión a respecto dunha tan desasosegante emerxencia sanitaria. Esa estratexia de ocupación da TVG e da RG desbordou nesta ocasión todos os estándares de uso e abuso duns medios que se deben exclusivamente á cidadanía, pero non é nova. Outros gobernantes articularon o modelo antes ca el. Pero ningún dos outros se atrevera a tanto: aprobar no 2011 unha nova lei de medios e mantela secuestrada desde entón.

Ao longo destes anos, e aínda con maior entusiasmo desde que Feijóo e o PP romperon augas electorais baixo o paraugas da pandemia, veuse constatando como os medios tradicionais silencian, minten ou distorsionan a realidade, alineándose con máis ou menos sutileza cos intereses de quen os sobre-financia.

Todo o que de virtuoso conteñen os seus artigos -desgobernamentalización, elección por maioría reforzada no parlamento do director xeral da Corporación, Estatuto profesional e Consello de informativos, contrato programa, dereito de acceso, consello asesor…, meteuno nun caixón do seu despacho, e ata hoxe. E se lle preguntan por ela, bota balóns fóra, cargándolle o morto aos do Consello de administración, onde son maioría absoluta os catro cargos orgánicos do PP que el colocou a dedo. Ou ten a chulería de contestar dicindo que el non ve a TVG. Non lle fai falta. Sábese dobremente protexido. Pola dirección do ente e polos cargos intermedios que son cooptados de entre os profesionais máis dóciles, aplicando nos informativos -igual que nos da RG- o esquema de poder marcado desde San Caetano. Do Presidente para abaixo, sempre os primeiros, agás cando os da oposición se meten en silveiras: entón, leña ao mono. Para as tertulias, debates e cortes informativos, a cohorte de supostos expertos que, polas súas traxectorias e posicionamentos, non representan riscos de contra-facción ideolóxica.

Para colmo, a Junta Electoral Central prémiao regalándolle cuase en exclusiva o dereito de acceso aos medios públicos durante a campaña electoral. As restantes candidaturas entran no reparto do minutado á maneira en que o fan os actores secundarios nunha película. E hai días que nen sequera iso. A dirección do ente xa recibiu nos últimos días un par de tiróns de orellas por diseccionar a voz e a imaxe da candidata nacionalista, Ana Pontón, que lle disputa querencia popular. Se garantizar o pluralismo na TVG e na RG é concederlles aos que máis poder institucional teñen privilexios (de presenza e exposición ante as súas cámaras e micrófonos) e dereito de pernada (escollendo número de participantes, condutores, formatos e horas de escaleta nos debates e nas conexións cos actos de campaña, que para iso xogan en casa), apaga e ímonos.

Quen dubida despois do dito que Feijóo e o PP chegan de novo dopados ao 12-X?