“Eu non vexo a televisión galega”. Con esa lacónica resposta aos xornalistas, o presidente Núñez Feijóo eludía recoñecer a rebelión que desde hai case cinco meses escenifican ante as cámaras, vestidos de loito, traballadores e traballadoras da CRTVG. Son os chamados Venres negros, que exteriorizan tanto a protesta contra a manipulación e o sectarismo político, o estigma co que naceron e medraron os medios públicos, como a angueira de rescatalos para que poidan cumprir coa misión de servizo público. É nese obxectivo precisamente no que converxen a lei de creación aprobada en 1984 e a que a reformou 27 anos máis tarde, no ano 2011. Inutilmente. Nunca nos seus case 35 anos de vida foron quen os medios públicos galegos de desamarrar dos sucesivos gobernos, que se atribuíron en exclusiva o mando a distancia para exercer sobre eles un control político/partidario que os veu neutralizando e desactivando ata a extenuación. Nada cambiou a día de hoxe. Feijóo mantén secuestrados os artigos da lei que os podería liberar desa perversa submisión.
por Carlos Montenegro
Naceron e medraron con ese mal fado. Fraga Iribarne someteunos, de puño e letra, a unha estratexia de ocupación, como quedou certificado nas listas negras que o exdirector de El Imparcial, Pérez Varela, lle serviu en bandexa. Naqueles case dezaseis anos de fraguismo, a Galicia da TVG non diferiu da que deseñaron, aos catro ventos ata o Prestige final, os propagandistas do réxime. Un país de estereotipos. Caído quen practicou coma ninguén a doma e castración mediática, os dous socios do bipartito (PSdG e BNG) fi xeron papel mollado do prometido no seu rexenerador pacto de goberno. Repartíronse os medios de San Marcos a escala, e fixeron deles un contrapeso gobernamental e partidario tan axiña como percibiron a emboscada que urdiron desde o primeiro momento contra eles os amos (e servidores) da prensa escrita. Daquel compromiso democratizador nada se soubo ata o cuarto ano da lexislatura, cando xa Pérez Touriño esfollaba a margarida electoral, e a reforma xa non tiña percorrido. O ritual enganoso que montaron, con comisión de expertos incluída, tería consecuencias nas urnas.
E nesas chegou Feijóo, un mago na arte de facer posible ao mesmo tempo unha cousa e a contraria. Lei de reforma, si, pero controlando o proceso desde o Goberno (prazos e procedementos normativos), e desde dentro da propia CRTVG (votos submisos no Consello de Administración e nomeamento a dedo dun novo director xeral). Aprobada a lei, cun potencial democratizador máis que aceptable, aínda que con interesadas lagoas, procedeu ao seu secuestro. Non foi ata catro anos despois que cedeu ao cambio de natureza xurídica que ordena a norma reguladora —a Compañía pasou a ser unha Corporación de carácter mercantil—, a remover á vella usanza o Consello de Administración —catro membros propostos polo PP e dous polo PSdG, excluíndo dese pacto aos nacionalistas—, e a presentar tarde e a rastro un deslabazado e descomprometido mandato marco que deseguida pasou a mellor vida.
Todo o demais está, sete anos despois, en vía morta. Incluído o relevo de Alfonso Sánchez Izquierdo na Dirección xeral, que se tería que producir por unha maioría cualificada do Parlamento (50 deputados) seis meses despois de aprobar a lei (maio de 2012). Para máis inri, Feijóo aproveitou a lei de acompañamento dos orzamentos de 2016 para solucionar o limbo legal da longa interinidade do responsable máximo dos medios públicos, eliminando a esixencia do nomeamento por consenso. Xustificábao con base en “asegurar o funcionamento da nova Corporación”.
A misión de servizo público
A letra e a música da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia (2 de novembro de 2011) teñen a súa fonte noutros procesos reguladores con fama de modélicos. É o caso da BBC inglesa, da ZDF alemá ou a da radiotelevisión pública francesa. Tamén lles serviu de referencia aos seus redactores a lei aprobada no 2006 para os medios públicos do Estado (CRTVE), que Rajoy e o PP desarmaron tan pronto como reconquistan a Moncloa e volveron controlar o BOE. O obxectivo: manter activada e socialmente eficiente a misión de servizo público que teñen encomendada. Reforzar, en definitiva, a súa vocación social.
A TVG e a RG posúen un potencial reequilibrador. Son, deberan ser, un contrapeso estratéxico. Non o conseguirán se seguen trabados, arrimados ao poder político. Nin tampouco se na súa programación non reflicten o pluralismo da sociedade galega.
Nesa acepción de servizo público, e no que iso comporta para a democracia, radica a xustificación da existencia de medios que contrarresten a dinámica comercializadora na que dimensionan os medios privados a súa identidade. Con máis razón cando, como sucede en España, o campo de xogo e de negocio está sometido maioritariamente aos intereses do duopolio que conforman os grupos de comunicación Atresmedia e Mediaset, beneficiados polas políticas liberalizadoras ás que acabaron pregándose os gobernos de toda condición. Os seus respectivos medios réxense polas leis do mercado, e a súa responsabilidade social —que a teñen, e por iso funcionan en réxime de concesión— non está controlada por unha Autoridade do Audiovisual, como sucede na práctica totalidade dos demais países da UE. Velaí a imperiosa necesidade que ten unha sociedade democrática como a nosa de crear e manter plataformas alternativas de comunicación, competitivas e non marxinais, cuxos medios cumpran estritamente cos criterios de eficiencia e servizo público.
A TVG e a RG posúen tamén ese potencial reequilibrador. Son, deberan ser, un contrapeso estratéxico. Para revalidar no seu ámbito territorial —e no que dean de si os novos servizos multiplataforma ligados ao campo expansivo que facilita a revolución dixital— a súa aposta pola televisión e a radio de proximidade, pero tamén e de maneira esencial, como garantes do dereito á información e o dereito de acceso, por unha banda, e do dereito da cidadanía á participación na súa gobernanza e no seu control, pola outra. Non o conseguirán se seguen trabados, arrimados ao poder político. Nin tampouco se na súa programación non reflicten o pluralismo -cultural, ideolóxico, político…- da sociedade galega. Si, se actúan como un contrapoder na función de informar, e como un actor social comprometido —non sectario— coa educación en valores e co que é unha das súas razóns de ser, a lingua e a cultura do país, facéndoos frutificar transversalmente a través de todos e cada un dos seus programas e produtos.
A calidade que se lles esixe aos medios públicos deriva por lóxica de todo iso. O modelo social europeo de radiotelevisión asenta precisamente en identificar a calidade cos parámetros de independencia, estabilidade, participación e compromiso responsable. Contando sempre cos intermediarios que o fagan posible, e que non son outros que os profesionais deses medios, para o que é preciso que estean amparados estatutariamente. E dotándose, ademais, de controis ou filtros sociais cos que medir a súa transparencia, tanto económica como de contidos.
Un gran pacto social é o que ofrece unha lei como a que segue tendo virtualidade no DOGA, pero que apenas tivo irrigación na TVG e RG porque Feijóo e o PP a manteñen hibernada.
Independizar ou desgobernamentalizar, resocializar e revalorizar —neste caso, todo o que comportan as demandas de innovación e creatividade, entre outras cousas para afrontar con éxito a transformación dixital do escenario televisivo. Velaí o desafío. Os expertos, e con eles os investigadores en comunicación do Consello de Europa, tradúceno sobre a base dun gran pacto social. Xusto o que ofrece unha lei como a que segue tendo virtualidade de DOGA, pero que apenas tivo irrigación na práctica diaria da TVG e RG porque Feijóo e o PP a manteñen hibernada. Hai coincidencia nos contidos dese pacto. Que teñen, ademais, o mandato e o aval da Directiva Europea de Servizos de Comunicación Audiovisual (2009) e da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual española (2010) —reformada dous anos despois para flexibilizar os modos de xestión dos medios públicos autonómicos, privatizándoa entón algúns deles. Por máis que o fixesen a remolque, por aquilo da escasa vocación polo público que demostran os dirixentes do PP, os redactores da regulación galega non podían eludir eses referentes normativos.
Enténdese ese pacto social como un contrato coa cidadanía. Para que? Para garantir a súa participación sistemática en todo o que comporte un bo servizo público de radiotelevisión. O que se explica, ademais, polo feito de ser a cidadanía a propietaria dos medios que se encargan de executalo. A lei pola que se rexeu a CRTVE entre o 2006 e o 2011, na que se inspirarán os redactores da aprobada no Congreso en 2017, enmarcaba correctamente os parámetros de salvagarda democrática nun medio público de comunicación. E os expertos coinciden basicamente en apuntalar os instrumentos que a executan en termos de participación cidadá. Unha participación, en primeiro lugar, na sinatura e vixencia ineludible dos chamados mandatos marco (por un tempo de nove anos) e contratos/programa, neste caso cada tres anos, negociados e pactados entre osentes de radiotelevisión —en Galicia, a CRTVG— e os respectivos parlamentos, constando neles os compromisos de financiamento do custo neto das emisións de servizo público. En segundo lugar, unha participación na asunción polas corporacións audiovisuais dos programas que se consideren esenciais na oferta de servizo público, impedindo a externalización abusiva deles, e mantendo un reforzado equilibrio á hora de compaxinar ese mandato coa obriga de contribuír desde a televisión pública, sempre de maneira transparente, ao asentamento dun sólido e competitivo sector audiovisual. Así consta tamén na norma reguladora galega do 2011.
A gobernanza dos medios públicos
Consubstancial con eses indispensables vimbios do pacto é todo o relativo á gobernanza dos medios públicos. Se os directivos, orzamentos e informes de actividade tivesen que ser aprobados por un Consello de Administración participado socialmente, plural e con competencias, o resultado sería moi diferente ao que deu de si ata agora na CRTV o conformado exclusivamente por representantes dos partidos políticos, case sempre un premio de consolación moi ben pagado, presidíndoos como fidel canceleiro un director xeral nomeado a dedo polo goberno que toca. Velaí onde ten a súa orixe, e o seu veleno, a politización/partidización das televisións públicas, a estatal e as autonómicas que se montaron a rebufo daquela a partir dos primeiros anos oitenta. Con prebendas e malas praxes, con mandos intermedios de confianza postos a dedo para controlar, censurar, manipular, organizar e impedir calquera cousa que puidese danar o poder, fose este político, económico ou doutro tipo.
Non é de estrañar o seu desprestixio entre as capas sociais máis preparadas, activas e dinámicas. Tendo que recorrer a unha programación consumista e de baixo custo para reter aquelas outras capas da poboación, acríticas e indefensas, que os políticos do mando a distancia instrumentalizan por partida triplo: co argumento da audiencia xustifican urbi et orbe a perversión do modelo, con esa mesma escusa aseguran non provocar sobresaltos entre unha clientela electoral pouco esixente, e fan que se sintan agradecidos por darlles case gratis (en Galicia, uns 36 euros anuais por espectador ou espectadora) a consabida ración de pan e circo.
As mobilizacións dos profesionais da RTVG que, en número cada vez maior, se viñeron sucedendo desde os anos do fraguismo ata hoxe —a última, o 8 de setembro último— tiveron como leit motiv a loita contra a censura e a manipulación. E non é casual que as programasen en momentos de gran tensión social e/ou política.
Desactívanos, en definitiva, como servizo público, perdendo todo o seu poder socializador, e tamén o seu potencial como produtores e difusores de valores que reforzan a convivencia e a democracia. Por algo o Tribunal Constitucional alemán creou doutrina nunha sentenza do ano 2014, concluíndo na urxente necesidade de reducir ao máximo a representación política nos consellos de administración da radiotelevisión pública, e aumentando en cambio a representación social. Alude concretamente a portavoces das organizacións cidadás, ao defensor da audiencia elixido a través dunha plataforma de voto electrónico seguro e aos representantes dos profesionais do propio ente. Nada que non se estea experimentando xa noutras latitudes europeas, onde a elección do presidente da Corporación e do seu consello social se fai a través dun concurso público, limpo e transparente.
En España déronse tímidos pasos na transición entre o gobernamental e o parlamentario. No caso galego, tamén está escriturado sobre o papel que ao director xeral da Corporación pública o elixa unha maioría cualificada da Cámara, proceso que xa leva sete anos de atraso. Cando menos até agora. Todas as miradas están postas no concurso público que, de non impedilo as turbulencias nas que bambolea actualmente a política española, vai colocar á fronte da CRTVE a un directorio composto por persoas seleccionadas con base exclusivamente en criterios de competencia e profesionalidade. Que ese formato para decidir a gobernanza dos medios públicos de ámbito estatal produce ronchas dío ben ás claras a contumaz resistencia das dereitas parlamentarias a facilitalo.
Porén, non se avanzou no que ten que ver coa representación social, dándolles cabida aos colectivos de cidadáns e aos profesionais no deseño das estratexias desas empresas públicas. Está por ver se tamén se produce a partir de agora na Corporación de medios do Estado. O medo dos políticos a ese empoderamento social, e ao que para eles comportaría perder poder de decisión, retraeunos como lexisladores.
Os profesionais e o dereito de información
Máis alá do control parlamentario, imprescindible sen dúbida, sobre todo para manter osixenado o mandato marco e vixiar a execución do contrato programa, todo o que no articulado da lei galega de medios está referido aos órganos de representación e control social ou está politicamente condicionado (Consello de Administración), ou non pasou do papel (Consello Asesor e Autoridade do Audiovisual). Ao revés do que está a punto de suceder tras o concurso público convocado para a CRTVE, o Consello de Administración que se prevé para a CRTVG seguirá conformado por persoas (sete, incluído o director xeral) achegadas directa e exclusivamente polos grupos parlamentarios. Máis do mesmo, agás no número, na duración do mandato (cinco anos), nalgunhas incompatibilidades e a dedicación exclusiva. Nada de acurtar a representación política a cambio de aumentar a representación social, como sentenciou en Alemaña o Tribunal Constitucional. Polo demais, un consello asesor específico non o tiveron nunca os medios públicos galegos. Mellor non sentirse vixiados desde fóra nin ter que dar contas máis que a si mesmos. Por iso segue estando virxe na lei de medios. Peor aínda: fano depender da Autoridade Audiovisual da Comunidade Autónoma, que tampouco existe, e que non só tería competencias para o control dos medios públicos, senón tamén para os medios de comunicación privados. Malia tratarse dunha reivindicación de sempre, non vemos ningún interese político, xa non digamos mediático, en creala e activala con competencias de control, concesión de licenzas e capacidade sancionadora. Modelos e experiencias contrastadas hainos por toda Europa, e tamén en Catalunya e Andalucía. España é a excepción entre os demais estados da UE.
Capas dos números 74 e 125 da revista TEMPOS NOVOS sobre a RTVG nas etapas de Fraga e Touriño-Quintana.
A fórmula do concurso público é a máis garantista. De acometelo con transparencia, aténdose o tribunal seleccionador a criterios obxectivos de competencia e profesionalidade, os finalmente elixidos para os órganos de representación e control dos medios públicos serán os mellores avalistas da súa independencia e do seu pluralismo. E para que iso se faga operativo no día a día, a norma reguladora pola que se rexen os modelos de radiotelevisión máis participados e avanzados remarca outras instancias democratizadoras. Aquelas que poñen a salvo de intereses bastardos a información, o produto máis sensible entre os ofrecidos polos medios de comunicación. Porque se trata dun ben público, esencial en democracia, e está por iso constitucional e institucionalmente ligado aos dereitos fundamentais do cidadán. Ofrecela liberada dos efectos das tendencias infoxicadoras é, pois, unha obriga que rexe para todos os medios, os tradicionais e os de nova planta, sexan públicos ou privados. Non é, como se pode constatar a diario, o que agora predomina. Pola contra, a influencia que no mundo da comunicación global está tendo Internet tradúcese no desacougante fenómeno das fake news. Con efectos sobre os medios de sempre.
Son os medios públicos os máis obrigados a producir antivirus contra a censura, a falsidade e a manipulación. Teñan os seus inspiradores intereses económicos ou políticos. E volven ser as leis reguladoras máis avanzadas as que os describen e lles poñen nome. A lei galega demanda da TVG e da RG que rendibilicen en produción propia os recursos materiais e humanos dos que dispón, cubrindo polos equipos profesionais de San Marcos a maioría dos programas ofertados (artigo 34). E prohibe expresamente cederlle a terceiros a realización e edición de programas informativos (artigo 35). Esta prohibición xa aparecía na lei do audiovisual de 2010, e por iso a TVG rompeu daquela coas produtoras ás que lles viñera contratando a información xerada fóra de Santiago, na súa maioría vencelladas aos periódicos locais. Como queira que con esa relación de intereses —o gasto anual roldaba os 11 millóns de euros— tiñan os medios públicos asegurada a non belixerancia das empresas da prensa escrita, concertaron a forma de compensalos cos contratos para series e programas de entretemento. Tocaralles unha parte moi significativa dos aproximadamente 25 millóns de euros destinados pola TVG para o sector audiovisual galego. Esa segue sendo a estratexia, que funciona á perfección.
Serán os servizos informativos e os xornalistas que os executan os encargados de trasladarlle á sociedade a verdade dos acontecementos, esa que sempre está máis alá dos feitos, e precisa por iso de intérpretes e analistas cualificados que a poñan ao descuberto. Serviranse para iso dunha ampla gama de xéneros e formatos —telexornais, documentais informativos, programas de investigación, revistas de actualidade, debates e faladoiros sobre todo o que teña relevancia pública na política, na economía, na ciencia e na cultura, no deporte ou nas tendencias sociais. Un xornalismo de ideas, non de vísceras, para diferenciarse dos medios comerciais, que o sacrifican todo ao espectáculo.
Teñen a suficiente autonomía como para levar a cabo ese traballo sen censuras nin autocensuras? Porque se non a teñen, como parece probado que veu sucedendo até agora, nunca poderán dispoñer da capacidade de decisión que necesitan para producir e difundir esa información de calidade. As mobilizacións dos profesionais da RTVG que, en número cada vez maior, se viñeron sucedendo desde os anos do fraguismo ata hoxe —a última, o 8 de setembro último— tiveron como leit motiv a loita contra a censura e a manipulación. E non é casual que as programasen en momentos de gran tensión social e/ou política: a que se produciu cando as Vacas tolas, durante a traxedia do Prestige, a das vagas incendiarias, a que derivou das fotos que mostraban a Feijóo e ao narco Marcial Dorado en amigable compañía, ou a da descuberta da trama Gürtel e os papeis de Bárcenas, entre outros. Quixeron demostrar que a axenda e os enfoques dos medios públicos galegos nesas grandes polémicas coincidía demasiado coa axenda e cos enfoques oficiais dos gobernos e partidos implicados.
Para asegurar a independencia e a autonomía dos profesionais da información nos medios que emiten desde San Marcos, a lei de medios públicos articula as funcións do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos (artigo 36). O estatuto enmarca os principios de servizo público e asegura que os procedementos para a produción e canalización de contidos informativos respondan ao que aqueles demandan. O Consello constituirase como órgano interno de participación dos profesionais da información nos medios da CRTVG, e o seu obxectivo consistirá en velar pola independencia, a imparcialidade e a veracidade dos contidos informativos que se difundan a través deles. De seguir o modelo máis acabado, os seus membros, elixidos en convocatoria aberta polas respectivas redaccións, terán capacidade para denunciar publicamente as violacións contra o Estatuto, e o seu ditame sobre a designación dos directores de informativos será vinculante.
A música soa ben. Pero ata o de agora tampouco se amosaron Feijóo e o PP dispostos a deixarse engaiolar por ela. De aí que falemos das súas funcións en futuro. A día de hoxe, os profesionais dos medios públicos galegos vense obrigados a traballar sen a protección que lle terían que estar asegurando un Estatuto e un Consello de Informativos. Un argumento de peso que os profesionais da CRTVG seguirán utilizando nas súas mobilizacións para socializar a protesta contra a manipulación política e a degradación dos medios públicos. E seguirán vestindo de negro ante as cámaras para ratificalo.
______________________
Artigos relacionados:
A VERDADE E O XORNALISMO, EN PERIGO DE EXTINCIÓN, por Luís Álvarez Pousa