CONTRA A NEUTRALIDADE
por Luís Álvarez Pousa
Temos a sensación de que todos menten. Fano os gobernos e a oposición impulsados polo electoralismo e polos desexos de manter o poder ou de acceder a el. Menten as sondaxes de opinión. E menten os medios de comunicación por razóns de mercado ou porque ceden á tentación sensacionalista. A infiltración da mentira na toma de decisións políticas, cada vez máis controladas por programas e programadores tecnodixitais que exploran sen ningún tipo de filtro o poder operativo das redes, pon a democracia contra as cordas (Tempos Novos, número 260). A verdade está en perigo de extinción. E con ela o xornalismo ético, que ten precisamente na busca da verdade o que xustifica a súa existencia. E sen xornalismo ético non hai democracia. De seguir viva, Hannah Arendt tería que renderse á evidencia de que, aínda existindo iniciativas que van a contracorrente, a día de hoxe o xornalismo libre, ao que apelaba como un esperanzador antivirus contra a esterqueira de mentiras, desinformación e manipulación política, está cuase totalmente desactivado.
O mesmo que sucede na vida corrente, na que o 80% dos alimentos que consumimos procede de fábricas e é o resultado de materias primas tratadas con conservantes, antibióticos, procesos xenéticos e hormonas, incrementando a produtividade e abaratando o prezo pero subtraéndolle a alma ás cousas, sucede na vida ordinaria dos medios de comunicación e do xornalismo resultante. De seguirmos co símil dos procesos de fecundación artificial, o único que queda nesa oquidade comunicativa –xa sen a alma da verdade– é un espazo dispoñible para introducir outra substancia tóxica: a das mentiras. En Os Miserables, Víctor Hugo definía a mentira como un “mal absoluto”, e nunca tal condición puido ser tan demostrada cientificamente como nos tempos de hoxe, que teñen na requintada tecnoloxía dixital o instrumento que o fai realmente posible.
Unha mestura tóxica de tecnoloxía dixital, políticas sen escrúpulos e explotación comercial do novo sistema das comunicacións está creando fracturas por estrés alí onde a información xornalística, que é un ben público, debera xogar un papel fundamental na conformación dunha democracia deliberativa.
Unha mestura tóxica de tecnoloxía dixital, políticas sen escrúpulos e explotación comercial do novo sistema das comunicacións está creando fracturas por estrés alí onde a información xornalística debera xogar, como ben público que é, un papel fundamental e insubstituíble nos procesos de socialización e conformación dunha sólida opinión pública –dunha democracia deliberativa. Os xigantes tecnolóxicos que dominan o espazo da información pública, como é o caso de Google, Facebook, Amazon ou Twitter, fan circular ininterrompidamente información nun contorno sen valor. Non importa se a información é ética, verdadeira ou honesta. O que importa para eles é se é suficientemente sensacional, provocativa e estimulante como para atraer a atención.
Eluden a condición da información como ben público, e utilízana como simple mercadoría, e cada vez abarcan máis espazo nesa súa capacidade por se converter na vía ordinaria pola que a cidadanía accede a todo tipo de información. Mentres os encargados da elaboración de políticas e os magnates das novas tecnoloxías se lamentan desa situación sen faceren nada por remediala, cada vez hai máis políticos sen escrúpulos que socavan a democracia e se infiltran nos procesos electorais recorrendo a estratexias que combinan mentiras con informacións trucadas. Así o subliña un recente Informe de O Correo da Unesco, e o denuncia o inventor da World Wide (WWW), Tim Berners-Lee, poñéndonos en garda contra a invasión do universo virtual por parte dos gobernos e as empresas de servizos dixitais, e tamén contra a explotación de datos persoais que están estrangulando a Rede. Poñen así de manifesto a ameaza desestabilizante e perniciosa que entraña a utilización do márketing baseado en noticias falsas no ámbito da política.
O oficio do xornalismo só se pode interpretar e valorar a partir dunha dialéctica do poder que se articula na estrutura social dunha comunidade, país ou nación. Non existe o xornalismo como actividade privada, senón como factor social en confrontación coas redes do poder.
Teriamos que preguntarnos, afirma a recoñecida xornalista portuguesa Catarina Carvalho, que lle fixemos os medios informativos tradicionais ao xornalismo para que esas noticias falsas se acepten e difundan con tanta facilidade. “Para impedir que as informacións falsas teñan tanto poder e influencia, e poñerlle freo á súa propagación, deberiamos facer un exame de conciencia e preguntarnos se estamos facendo o que debemos, se as nosas condutas son acertadas e se practicamos o xornalismo ético”. Esas e outras son, polo que a nós atinxe, as preguntas ás que tentamos darlles resposta neste informe valorativo de urxencia.
Os desafíos do xornalismo fronte aos tóxicos
As empresas de servizos tecnolóxicos poderían adoptar unha sinxela solución: aceptar a súa función de editores de prensa e aproveitar a vasta canteira de xornalistas profesionais, observantes de principios éticos, que a revolución dixital e a crise conseguinte que se apoderou dos medios tradicionais deixou na estacada. Porque son empresas que se poden permitir o luxo de contratar xornalistas –no 2017, os valores de Facebook e Google cifrábanse en 400.000 millóns e en máis de 600.000 millóns de dólares, respectivamente. Pero non parece que sexa esa a súa intención.
Xa que logo, e mentres non se lle poña freo a esa caótica e voluptuosa maneira de difundir toneladas de lixo informativo a través das redes, son os medios tradicionais e tamén os novos medios os que seguen chamados a afrontaren con responsabilidade social ese traballo de roza de toda a información que chega a eles con envolturas fraudulentas, para que a cidadanía receptora teña a seguridade de que non está consumindo mentiras por verdades. Todo un desafío, tanto na súa condición de empresas mediáticas que teñen na Constitución un referente específico que as diferencia doutras de distinta natureza, como na súa condición de actores que lle permiten á cidadanía vixiar o comportamento dos poderes establecidos. Pero todo un desafío tamén para o xornalismo profesional, que debera seguir estando sometido a criterios de veracidade e pluralidade.
Algúns dos máis importantes medios viron nos discursos de VOX un potencial circense máis, capaz de atraer novos consumidores que sumar aos índices de negocio cos que se sostén unha industria xornalística que xoga, sen complexos, a carta do entretemento, á custa de sacrificar a da verdade informativa.
Como están respondendo os medios –os tradicionais e os novos que se instalan na rede– e o xornalismo a ese desafío? A resposta sería positiva se se constatase no comportamento e nos modos de produción informativa unha sintonía co que demanda deles, do xornalismo e dos xornalistas, unha democracia. Din os expertos que, na súa natureza e misión, o oficio do xornalismo só se pode interpretar e valorar a partir dunha dialéctica do poder que se articula na estrutura social dunha comunidade, país ou nación. Non existe o xornalismo como actividade privada, senón como factor social en confrontación coas redes do poder. Velaí a razón pola que se os considera un contrapoder. A partir desta dialéctica do poder, poderíase definir o xornalismo como o oficio –e a misión– de confrontar informacións públicas relevantes que aspiran a transformar a realidade cotiá, asumindo por iso as funcións propias dun actor político.
Porén, todo o que veu removendo as augas da comunicación e da información desde os anos 80 do século pasado provocou movementos e tendencias á contra deses obxectivos cívicos, e desa actoría política. En medio dunha grande contradición. Porque xa é posible enviar en cuestión de segundos calquera texto informativo ao outro extremo do mundo, e a comunicación pode crear comunidades máis sólidas, informadas e comprometidas. O imperativo do beneficio substituíu as máis nobres esixencias cívicas. E nos debates sobre os medios –mesmo nas facultades ou centros de formación de xornalistas– concédeselles unha atención excesiva aos problemas técnicos, ás leis do mercado, á competencia, ás innovacións e á audiencia, e unha atención insuficiente aos aspectos humanos. Así o denunciou no seu discurso de Estocolmo o premiado xornalista polaco Ryszard Kapuscinsky, e segue sucedendo: “O que prima é o valor económico da información, a súa venda, e non o valor da verdade. Unha información non terá valor (para eles) se non consegue interesar a un público masivo”, dixera.
Como consecuencia, racharon os modelos económicos que antes permitían contratar e retribuír convenientemente os xornalistas, levando a cabo coberturas informativas de longo alcance, hoxe en día prohibitivas, o que entre outros retrocesos fixo que sexan unicamente catro grandes e gobernamentalizadas axencias –dúas norteamericanas, unha francesa e outra inglesa– as que administren a diario máis do 80% da información de carácter internacional que se publica ou emite nos medios. E os xornalistas viven sometidos a unha enorme precariedade. A crise económica do 2008 colocou no paro milleiros, desabastecendo as redaccións, e reducindo en consecuencia os niveis de calidade, quérese dicir, de oferta de verdade. En bastantes casos, malia sobrevivir grazas aos diñeiros públicos que lles outorgan gobernos que buscan un tratamento amigable ou servil, como sucedeu durante o fraguismo ou durante o bipartito PSdeG-BNG, e como sucede agora con Núñez Feijóo.
Iso fixo que cobrasen maior dimensión as irregularidades mediático/informativas que viñemos denunciando sempre: información política nesgada ou deformada ou manipulada; influencia indebida das empresas mediáticas –entraron moitas delas nunha espiral de dependencia económico-financeira e para salvarse executan no día a día un depravador sistema de compravenda de información aos seus patrocinadores, banqueiros ou gobernos–; conflitos de intereses, e difusión de prexuízos (algún día haberá que analizar ese fenómeno en relación con todo o que os medios españois e galegos veñen ofrecendo nas súas páxinas e nos seus informativos audiovisuais acerca do procés catalán). Desa manchea de toxicidades derivan os altísimos niveis de descrédito e desconfianza que sofren e padecen os medios e o xornalismo, segundo o constatan as investigacións universitarias máis sólidas.
Xornalismo de sensacións versus xornalismo de contextos
No seu tan recoñecido libro Film as art, Rudolph Arnheim xa predicira nos anos 30 do século pasado que se nos ía forzar a confundir o mundo percibido polas sensacións e o mundo interpretado polo pensamento, acostumándonos a crer algo tan falso como que ver é comprender. Un dos comunicólogos máis críticos dos últimos anos, o xa desaparecido José Vidal-Beneyto, describiu e analizou a onde conduce que os medios e os xornalistas opten por facer un xornalismo de sensacións e non un xornalismo de contextos: “dar noticia e razón da nosa complexa realidade contemporánea -escribía nun artigo de El País-, e facelo coa urxencia que impoñen os usos informativos e coa brevidade á que obriga a parvidade do espazo e do tempo de que se dispón, ademais de destinar o produto resultante a un público indiferenciado e masivo, é configurar un destino mediático presidido pola simplificación e a banalidade”.
Na medida en que isto se converte na maneira habitual e maioritaria de actuar, todas as toxicidades son posibles na composición da información que consumimos día a día. Simplifícase a realidade, describíndoa pero non contextualizándoa, que é como se pode acceder á verdade dos feitos que a conforman, ata deixala espida de sentido. Por iso dicimos que a simplificación é a manipulación por antonomasia. Un escritor de dereitas, Juan Manuel de Prada, daba no cravo describindo noutro artigo de El Semanal o estado de depravación ao que se chegou por esa vía en moitos medios de comunicación: “O negocio da noticia, a comunicación de masas, converteuse no obxectivo primordial desta nova forma degradada de xornalismo, que deixou de preocuparse por interpretar o mundo, converteuse nunha nova e incesante modalidade de espectáculo que mantén presa a atención do público á custa de privalo da súa capacidade para axuizar os feitos”. Máis claro, auga.
Ver non é o mesmo que coñecer. Información (datos que describen unha realidade) non é o mesmo que coñecemento. Para que haxa coñecemento é preciso un proceso de interpretación dos datos existentes. Un xornalismo simplificador, de sensacións ou sensacionalista, non achega o coñecemento da realidade ao que a cidadanía ten dereito, pois que é o ámbito no que se decide a calidade democrática dunha sociedade. En definitiva, non produce información veraz (artigo 20 da CE).
Hai autores que están a favor de desterrar de entre os valores que fundamentan o xornalismo de calidade o da obxectividade e o da neutralidade. Non porque a obxectividade non siga a ser algo para perseguir, senón porque está sendo utilizada cada vez máis como unha camisa de forza que fai dos xornalistas reféns dos intereses empresariais, ideolóxicos ou políticos dos medios nos que traballan. Outro tanto hai que dicir do concepto de neutralidade, ao que recorren habitualmente cantos, por intereses inconfesables, queren condicionar a liberdade e o deber de informar que deberan ter os medios e os xornalistas, identificándoo torticeiramente con ese outro concepto/valor de imparcialidade. E non son o mesmo. A imparcialidade vai implícita no deber de pluralidade.
A que unha das grandes teóricas actuais, a socióloga estadounidense Gaye Tuchman, cualifica como obxectividade de ritual ten como resultado un xornalismo simplemente descritivo, ou de sensacións, porque o xornalista autocensúrase por medo, ou por imposición empresarial, e subtráelles aos receptores os contextos e o sentido e significación (as causas e as posibles consecuencias) dos feitos. O xornalista que o practica renuncia á súa condición de mediador, quérese dicir, aquel que indaga, relata, explica, interpreta, analiza e valora cuestións de relevancia pública para a sociedade, contribuíndo á formación dunha cualificada opinión pública. Pola contra, o patrón ao que parece aliñarse é a un xornalismo que se limita a certificar que algo noticioso se acaba de producir, subordinado totalmente á lóxica capitalista da corporación mediática que o explota como negocio. Á parte diso, perde tamén o carácter fondamente político que se lle atribúe á función básica da profesión xornalística, entendida como un factor social de confrontación coas redes do poder.
Se a queremos seguir tendo en conta, a obxectividade deberá ser entendida como o resultado de poñer en práctica un proceso de contextualización, contraste e verificación dos feitos de actualidade que se consideren socialmente relevantes. Velaí o que Tuchman chama obxectividade de método (o método da investigación, o propio das ciencias sociais). O que dá pé a un xornalismo interpretativo, aquel que fai posible entendelo como un modo de coñecemento. Conectando así co modelo de sociedade actual, que fai do coñecemento a enerxía estratéxica do noso tempo, o que avaliará a súa profesionalidade e tamén a súa personalidade, que lle están sendo subtraídas polas empresas e polos editores. Avaliará, en definitiva, a súa autonomía como actor social comprometido, non neutral, e nesa mesma medida tamén a súa función mediadora. E a dos xornalistas que o practican.
Xornalismo declarativo versus xornalismo comprometido
A cuestión da neutralidade. Cabe sermos neutrais ante as causas xustas? Que outra cousa se lles demanda a medios e xornalistas que a de mediar, en tanto que actor social e político, a prol das causas xustas? Poñámonos en situación: cabe a neutralidade aséptica no tratamento xornalístico de fenómenos como os que actualmente identifican unha escalada neofascista no mundo? Cabe esa neutralidade á hora de abordar mediaticamente procesos electorais nos que movementos ultras como o de VOX en España, ou os de Salvini e Le Pen en Italia e Francia, teñen posibilidades de entrar nas institucións democráticas que prometen destruír desde dentro? Facelos partícipes como fontes nos procesos de produción informativa comporta, como se vén acusando desde posicións de esquerda, o seu branqueado como grupos ideolóxica e politicamente tóxicos para a sociedade? Cal debe ser, en troques, o tratamento destes fenómenos por parte dun xornalismo comprometido coa democracia e cos dereitos humanos?
Co modelo de xornalismo de declaracións, baseado en darlles a gobernos, partidos e líderes capacidade para decidir a axenda do día, medios e xornalistas asumen un papel servil. E son cómplices das mentiras que chegan á cidadanía co seu aval, traizoando a súa condición de profesionais ao servizo da verdade.
Son interrogantes que moven ao debate. Que vai esclarecendo, na práctica, os dilemas aos que se enfrontan os medios, o xornalismo e os xornalistas de información política lonxe e preto de nós. Non se trata de ignoralos, porque son reais e xeran expectativas. Borrar das axendas os grupos ultras e os seus líderes, como é o caso de Abascal en España, non vai comportar que as súas ideas xenófobas, homófobas ou eurófobas deixen de ser canalizadas a través doutras vías de comunicación. O profesional é encontrar en cada momento a mellor maneira de abordalos sempre que cos seus actos ou coas súas declaracións tenten ocupar espazo na axenda política ou social do país.
Cal é esa maneira? A propia dun xornalismo responsable, rigoroso, comprometido e non neutral. Porque se a estas opcións neofacistas as tratan os medios como unha máis, ao mesmo nivel e iguais de aceptables que aqueloutras que ofrece o noso sistema democrático, estarano branqueando, e faranse cómplices da súa estratexia de odio e desestabilización institucional e social. É desenmascarándoos e non naturalizándoos como os xornalistas cumprirán cos principios polos que se ha rexer un xornalismo ético e profesional. Un modelo de actuación comprometida, profesional: buscar e evidenciar o que se esconde detrás dos idearios e proclamas ultras, sempre desprezativos dos máis elementais dereitos humanos. Teñen que se contextualizar as súas opinións, porque é como poden quedar en evidencia as súas contradicións, invencións, esaxeracións e mentiras. Se se lles dá voz, que sexa nun contexto interpretativo e de análise por parte dos xornalistas, non baixo a pretensión de neutralidade.
O xornalismo ético e profesional deberá estar alerta non só contra os que se autopropulsan abertamente como ultradereita, senón tamén contra todas as actitudes, discursos e opinións dos que empurran cara a un estado de fascistización social. Nunca deixando que eses discursos penetren sen filtros nas axendas dos medios, e consigan que todos bailemos, inda que sexa en forma de confrontación aberta, ao son dos seus reaccionarios rituais. E non foi esa a actitude máis frecuente nas redaccións dos medios de comunicación convencionais. Algúns dos máis importantes entre nós non deixaron de ver nos discursos públicos de VOX un potencial circense máis, capaz de atraer novos consumidores que sumar aos índices de negocio cos que se sostén unha industria xornalística que xoga, sen complexos, a carta do entretemento, á custa de sacrificar a da verdade informativa.
Velaí por que o modelo declarativo se impuxo, en xeral, na práctica do xornalismo político en España. Nos faladoiros e fóra deles, nas portadas dos xornais e no oitenta por cento das pezas xornalísticas de carácter político que ofrecen no interior, e xa non digamos nas escaletas e na ocupación maioritaria do tempo que as televisións e as radios dedican cada día a dar conta da actualidade política, as declaracións dos gobernos e dos partidos teñen bula. Deciden as axendas –quérese dicir, instalan nela os temas que lles interesan– e controlan os enfoques dos relatos que se publican ou difunden sobre eses mesmos temas. A información política que ofrece a diario a prensa galega ten nesa porcentaxe esa orixe declarativa. Pero é a tónica xeral no xornalismo político que se estila no resto do Estado.
A crise económica das empresas agudizou aínda máis esa inercia entreguista e servil. Esta súa debilidade aprovéitana os gabinetes de prensa ou de comunicación, dos que dispoñen gobernos, partidos, concellos e líderes de toda condición para acentuar esa intervención directa nos procesos de produción e difusión de información política. Non hai maior e máis eficaz think tank ca este. E tamén se pode afirmar, por iso, que non hai maior efecto desinformador, manipulador e mentireiro. Con consecuencias desastrosas en períodos electorais.
Con este modelo de xornalismo político, medios e xornalistas asumen un papel servil. E son cómplices das mentiras que chegan á cidadanía co seu aval. Lexitiman a mentira traizoando a súa condición de profesionais ao servizo da verdade. Hainos que xogan noutras ligas, pero son os menos. De todas maneiras, é preciso telas moi en conta, porque son o pouco que queda da esperanza que Hannah Arendt depositara no xornalismo libre, o liberado de tantas ataduras e de tantas depravadas maneiras de narrar e de interpretar o mundo.
______________
Artigos relacionados:
POLÍTICA E VERDADE, por Miguel A. M. Quintanar