Domingo 4, Xuño 2023
HomeComunicaciónA LIBERDADE DE PRENSA, AMEAZADA

A LIBERDADE DE PRENSA, AMEAZADA

por Luís Álvarez Pousa

En democracia, a censura está prohibida. Pero non por iso desapareceu. Que España apareza detrás de países como Namibia ou Ghana no ránking das liberdades de expresión, información e prensa, é o que o constata.

Ten a súa forxa na connivencia entre o poder político, o poder económico e os medios:

      a) nos conglomerados mediáticos teñen presenza os bancos e as industrias alleas ao mundo da comunicación e da información, condicionando contidos, o tratamento das noticias e mesmo a confeción da axenda do medio;

      b) a información pasa a ser simplemente un negocio máis, arrinconando a súa función social deses medios, e dos xornalistas que traballan neles, priorizando a súa rendabilidade económica;

      c) a crise do sector da comunicación e da información, que ata o 2008 viñera determinada principalmente pola transformación tecnolóxica á que estaba forzado o sistema mediático, anchea o seu campo de incidencia coa crise económica, comportando unha moi violenta presión sobre as condicións laborais dos xornalistas (redución de plantillas, recortes económicos, EREs…).

      d) a inxerencia dos gobernos nos medios tanto públicos como privados maniféstase á súa vez a través de medidas que van en detrimento da democracia mediática (eis a imposición de bloques informativos nas campañas electorais, a chamada lei Mordaza, as medidas de choque que frean ou desabastecen as liberdades de expresión, información e prensa no nome da “seguridade nacional”, limitacións introducidas subrepticiamente nas reformas do código penal, o autoritarismo e o partidismo no sistema de concesión de licencias televisivas e radiofónicas, as presións directas e indirectas -valéndose neste caso de premiar ou castigar con publicidade institucional-, subvencións sen control parlamentario…).

Non se dá en España o que a Asamblea Xeral de Nacións Unidas quixo reivindicar aquel 3 de maio de 1993 cando proclamou para esa data a celebración do “Día Mundial da liberdade de prensa”: 1. Unha prensa independente (liberada do dominio político ou económico que sobre ela poideran exercer os poderes fácticos); 2. Unha prensa pluralista ( o que comporta a inexistencia de monopolios/duopolios -por caso, o televisivo que está ao 80% nas mans de Mediaset e Atresmedia-, e por conseguinte, a existencia do maior número posible de medios que reflecten a máis ampla gama posible de liñas editoriais e opinións dentro da comunidade.

Velaí polo que o último informe Freedom House sobre a liberdade de prensa coloca a España entre os países europeos máis incumpridores -aparece no posto 26 do ránking-, por detrás incluso de Lituania, Chipre ou Eslovaquia.

De todo iso deriva unha confluencia de censuras suficente para matar calquera enunciado constitucional en defensa dos dereitos de expresión, de información e de prensa. Porque se ben a censura está prohibida sobre o papel, o que se constata é unha confluencia de censuras -a pública ou política, a privada ou económica e empresarial-, utilizando para iso atallos que sempre acaban converxendo nunha mesma dirección: a de xerar un contexto que pon en serio risco as garantías xerais desas liberdades básicas na sociedade democrática.

Diante desta realidade, somos cada vez máis os que pensamos que tanto a deontoloxía como a autorregulación, ás que sempre apelabamos cando os medios cruzaban as liñas roxas da decencia, resultan insuficientes para facer operativos eses dereitos que asentan no núcleo da democracia, e que é o momento de establecer por lei as garantías que a cidadanía esixe ou debera esixir para que acaden esa operatividade.

Sei que isto levanta ronchas entre o empresariado, que xa conseguiu tumbar o proxecto que as organizacións de xornalistas -eu participei na súa elaboración representando ao Colexio de Xornalistas de Galicia- conseguiran introducir nos debates do Congreso. Non vexo outra alternativa que poña eses dereitos a bo recaudo dos poderes políticos, económicos e mediáticos.

______________