Luns 19, Abril 2021
HomeComunicaciónA DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 6

A DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 6

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

A Voz dos Supertacañóns

Cando unha resposta no Un Dous Tres ofrecía dúbidas, o risoño presentador Kiko Ledgard recibía unha mensaxe de realización, adoptaba un aceno grave e anunciaba solemne: “Escoitemos a voz dos supertacañóns”. Facíase un silenzo reverencial, case relixioso, coma se soase a campaíña que na misa precede a consagración e unha voz en off profunda, omnipresente pero intuitivamente localizada no alto… digámolo claro, a voz infalíbel e inapelábel de Deus, zanxaba calquera dúbida sobre as opinións en disputa, o que era admisíbel e o que non. Na segunda etapa as tacañonas mesmo escoitaban esa sentenza coa man no peito, coma quen escoita un himno ou xura fidelidade á bandeira, e cando a elocución remataba, persignábanse: Amén. Os articulistas de opinión de La Voz de Galicia teñen idade para lembrar ese ritual e aplícano ao pé da letra cando Santiago Rey Fernández-Latorre e Pecha-España publica unha das súas cartas editoriais.

O “Fernández” humanízao pero o resto: Santiago, Rey e Torre, son Antigo Testamento puro, e como tal se expresa. Os títulos deses artigos son: Eu protesto, Estou farto, Acabemos, Basta xa, Cortar polo insán, Ao garete, Manifesto da frustración, Longa Noite de Néboa, Sen plan, Contra a resignación, Contra a descomposición social, Contra a paciencia, Antes da bancarrota, Acabar coa desesperación, Á beira da insumisión… A fin do mundo in progress e a cámara lenta. Só no seu manual de agitprop underground (por autoeditado) Eu protesto, recóllense 21 artigos dignos de Don Cicuta, a 25 adxectivos apocalípticos en cada un, fan un total de…  Dan gañas de cantarlle aquela liña da sintonía de cabeceira: “Por faaavor, arrincone usted su mal humoor!”

Pobre, case o entendo. Cando un espera que na poxa lle toque o apartamento en Torrevieja e o agasallan co careto verrugoso da cabaza Ruperta, non hai cara que disimule o disgusto. Mesmo culpará o concurso e pensará que está amañado.

Non se sabe que foi primeiro, o ovo ou a galiña. Se son estes lóstregos inmisericordes do Altísimo editor os que, por manobra de arrastre, ou orde de ataque, desencadean a interminábel secuencia de columnas coa pel a tiras que o secundan, ou se é primeiro o brainstorming das columnas e o Moderador se limita á posta en común. Este debate, bizantino, pode resultar entretido, pero o interesante é determinar “cando se fodeu o Perú”.

Unha pista dánola o libro citado, Eu protesto. Antes de entrar no seu contido, os  metadatos son elucidadores, os artigos están datados a partir de outubro de 2004, apenas meses despois da toma de posesión de Rodríguez Zapatero e apenas meses antes de que tomase posesión o Bipartito na Xunta. A decalaxe entre as ideas e obxectivos do diario que asegura ser a voz da cidadanía e a vontade expresada por esa cidadanía ensanchábase e, dado que poucas persoas gozan da perspectiva para cuestionar as ideas propias – iso equivalería a acreditar nunha cousa e máis na contraria a un tempo -, a liña editorial tomou o atallo de acusar e condenar a realidade. O último artigo publicado durante o goberno de Zapatero leva por título “Acabemos”.

O sr. Rey tamén critica con dureza o goberno de Rajoy. É maís tépedo co de Feijóo, non se morde a man que etc, etc. obviando nestas epístolas contra a corrupción as fotos con Marcial Dorado ou a desfeita das Caixas e a venda de saldo a Banesco, pídese darlle outra oportunidade. Cando se aproximan eleccións recoñécese que todo é un desastre, pero os artigos titúlanse: Pensemos, Votemos. “É certo que a realidade cotiá para as persoas é penosa… pero de afundir… na actitude plañideira… só se poden extraer consecuencias estériles. Precísase mirar cara adiante… non pode tomarse o voto á lixeira… nin someterse á emoción ou o impulso vingativo… É preciso pensar”. Unha das palabras protagonistas deste artigo de 2015 é “pero”. Si, xa sei que PP e PSOE nos levaron á ruína e son un pozo de corrupción, enténdovos, pero… Cando nas eleccións dese ano o parlamento español resulta máis plural, xa non hai peros que vallan, o título do derradeiro artigo é: Ao garete.

Quen se proclamara voz da xente nos anos de Zapatero estoupa agora contra a caixa de Pandora que desatou o voto desa mesma xente, a almoneda, os reinos de taifas, o frontismo, o calexón sen saída. Atrapado nesa contradición, apresúrase a dicir que “os culpabeis son os políticos, non os cidadáns”. Liñas despois non se contén e escrebe que os electores, dos que se erixira en reflexo e voz, “debemos reflexionar. Porque o voto de castigo, seguramente xusto e merecido… pode traer algo peor… as forzas políticas que agochan diante das cámaras as súas ideas antidemocráticas… e levan no seu ideario a destrución”. Traducido, os votantes non actuaron con mala fe, unicamente son crédulos e parvos.

Cinco anos máis tarde e con outras eleccións “desastrosas” polo medio, Rey segue a dicir que os cidadáns non teñen culpa, pero deslexitima a súa vontade falando de “o Goberno, como adoitamos chamalo, malia esta palabra ser inadecuada para o actual Consello de Ministros”. A Voz da xente da tombos desorientada, na última carta aberta fala da “coalición podre” e chama pola “alta política”, que soa un chisco á “alta comedia” de Arturo Fernández.

Hai outras cousas que non cambian moito, a Feijóo aconséllaselle que, pese aos seus éxitos indiscutibeis, “non caia na compracencia” e o abismo cara o que camiñabamos hai 15 anos, con Zapatero, é agora, con Sánchez, “o precipicio”. Matices hainos. Ai! Como lle gustaría ao sr. Rey berrar aquilo de Don Cicuta: “Campana y se acabó!”


ARTIGOS RELACIONADOS
A desfachatez xornalística (galega) 1
A desfachatez xornalística (galega) 2
A desfachatez xornalística (galega) 3
A desfachatez xornalística (galega) 4
A desfachatez xornalística (galega) 5

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]