Xoves 28, Outubro 2021
HomeComunicaciónA DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 4

A DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 4

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

O ego inflamado e a autoridade autoatribuída inzan na Voz de Galicia. X.L. Barreiro Rivas, sempre ameno, satírico e erudito, maniféstaos graficamente o 16 de xullo: “Durante a protorrevolución populista (2015-2020) só houbo un teórico da democracia —eu mesmo— que se mantivo fiel ao principio básico do sistema…”

Relacionada coa egolatria, a testosterona analiza a actualidade non con feitos e datos senón con criterio hormonal, como un xogo de forza, ruído e cuñadismo, con titulares como “os populares animan ao presidente a dar un golpe na mesa e frear os ataques de Iglesias ao rei emérito”, empregado o 8 de agosto. Outro tanto fai Enrique Clemente o 27 de xullo cando opina sobre o plan europeo de axudas polo coronavirus e afirma que o criterio de Alemaña foi o que saíu adiante: “Angela Merkel é a que manda, e a única con autoridade para imporse”. Funcionan así as relacións internacionais?

A columna como símbolo fálico

O 7 de agosto, Roberto Blanco Valdés fala do “enfrontamento aberto entre Pablo Iglesias e Nadia Calviño, cuxa expresión máis clamorosa foi a agarrada a conto do pacto con Bildu para derrogar a reforma laboral que, diante da firme reacción de Economía, Iglesias tivo que comerse con patacas”. A linguaxe é de pelexa de barrio e o razoamento leva á conclusión de que decide a forza física.

Outrosí, Sofía Vázquez o 20 de xullo: “España deberá reconverterse ao calvinismo e prometer que non derrochará o emprestado… e que meterá en cintura a súa poboación”. Velaí a idea de relación entre goberno e administrados.

Gonzalo Bareño, 21 de agosto: “En primeiro lugar, a economía. A pasta”. “Aquí non dimite nin Deus”. A diferenza entre esta última expresión e a súa versión máis neutra de aquí non dimite ninguén, reside no ton de cabreado de barra de bar que se vén arriba, de xa está ben ou de isto arranxábao eu en dúas patadas.

A retórica de Rambo desprégaa César Casal o 6 de setembro: “Cayetana foi inmolada en aras dun xiro á tibieza… veremos se non teñen que tragar moito as súas palabras… Cayetana era un as… un veleno letal… as súas lapas eran necesarias… Deixar sen fusil a quen mellor dispara é unha decisión temeraria”.

O cuñadismo de puño (na mesa) e letra tamén o practica Santiago Rey Fdez Latorre. A súa última carta aberta leva por título: “Declárome farto!” Tanto inútil derredor cando isto da pandemia se podía resolver nun pis pas, só fai falta sentido común. O editor eríxese en voceiro dese suposto sentido común, a voz da xente, e de paso deslexitima o resultado das eleccións e o sistema político: “O Goberno, como adoitamos chamarlle, aínda que esa palabra sexa inadecuada para o actual”. “A política reducida á compravenda de votos para zurzir orzamentos”, coma se negociar os acordos cos representantes electos fose delinquir. “A política sometida a un partido estalinista”. Nin sequera leninista, equipárase a Podemos directamente cun réxime xenocida. “Atravésanse todas as liñas vermellas… ata o servilismo cos proetarras”. Hai unha década que ETA desapareceu e hai máis kale borroka en Madrid que en Euskadi, Bildu é unha forza votada en paz polos vascos, pero a este soprar nas cinzas en busca dunha faísca que avive as brasas chámanlle sentido común.

A ver quen a ten máis grande (a columna)

Un mecanismo relacionado coa explosión de argumentos hormonais é o uso de sufixos aumentativos e adxectivos, ou adverbios de énfase que soben os vatios da megafonía e traducen o temor a que as ideas expresadas en palabras simples carezan da forza ou convicción suficientes. Os articulistas mostran a súa inseguridade na profusión coa que empregan este recurso lingüístico entre o épico-paródico e a perrencha de infante malcriado. Afirmar que algo é unha “falsidade” é coma unha soldado avanzando en campo aberto coa baioneta en ristre. Agora, se lle engadimos un adxectivo aumentativo, “rotunda falsidade”, ese soldado leva dúas armas, a baioneta e un berro animal para intimidar o inimigo.

Hai columnistas que se presentan no campo de batalla da Opinión co máuser en ristre, a baioneta calada, o berro animal e cara pintada a tizón. Parten xa dun termo enfático, por exemplo “grave”, engádenlle un sufixo, “gravísimo”, e remátano ben cunha perífrase: “tan gravísimo que arrepía ao máis temperado”, ou ben ensarillándoo nunha serie de sinónimos, “non só gravísimo senón delirante, e de consecuencias tráxicas”. Afirmar que algo é certo “con toda claridade” ou “sen ningún xénero de dúbida” expresa a vontade, ou voluntarismo, de disolución das dúbidas existentes. Déixao ben claro César Casal o 26 de xullo cando escribe: “Nadia Calviño foi bendicida como gañadora do premio Fernández Latorre… Este galardón é sen dúbida o Nóbel galego”. Se non hai dúbida, que necesidade hai de remachalo? E o Nóbel de que? Literatura, Química, Mediciña?

Rematemos co puto amo, Blanco Valdés, o 26 de agosto: “obsceno despregamento de propaganda”. Que ben escollido ese obsceno: inmoral e exhibicionista, non só falto de escrúpulos senón pornográfico, pedofílico. “…Subliñar a extrema gravidade da situación”. Non abonda con extrema, cómpre subliñalo. “… o escándalo pola ausencia do goberno convertiuse nun auténtico clamor nacional”. Se xa era un escándalo, se xa era un clamor de escala nacional, que engade “auténtico”?. “O goberno reaccionou dun modo incribelmente irresponsable”. Ese incribelmente non é superfluo como ningunha pedra, ata as máis cativas, é superflua nunha lapidación. É a chuvia de pedras a que contribúe a crear o clima, e o clímax lapidatorio, esa fervedura mental que nos fai esquecer por que guindabamos as pedras ou a quen, pero impide que deixemos de facelo porque do contrario teriamos que responder a esas preguntas e dar explicacións.


ARTIGOS RELACIONADOS
A desfachatez xornalística (galega) 1
A desfachatez xornalística (galega) 2
A desfachatez xornalística (galega) 3

 

Novidades