por Xurxo Borrazás
A Voz do seu amo
Todo medio de comunicación exhibe ou disimula unha liña editorial marcada polos seus propietarios, a de La Voz de Galicia é a da burguesía neoliberal, españoleira e tradicionalista da Coruña. Non me refiro a Santiago Rey Fdez Latorre senón aos propietarios do propio Fdez Latorre. Sen cuestionar a lexitimidade de que así sexa, a competencia entre liñas editoriais que aspiran a situar a axenda propia no centro do debate público de maneira solemne, fai que cada axenda procure desnaturalizar a suposta neutralidade das liñas editoriais rivais, expoñéndoas como o que son, ideoloxía, non información.
O 7 de agosto, A. Vázquez informa da petición dun estudo independente sobre a xestión española da pandemia por medio dunha carta aberta asinada por epidemiólogos e expertos en saúde pública aparecida en The Lancet. O/a xornalista fai énfase en “independente” e “española”. “Nestes momentos, poucos poñen en dúbida que a resposta española da crise debe ser revisada”, dedúcese que a información que as autoridades españolas fan chegar ao público está cociñada e oculta os datos reais. No texto menciónase outro factor, a descoordenación entre goberno central e autonomías. A impresión é que o estado autonómico é un caos e cun estado centralizado todo iría mellor. Nin se mencionan outros factores estruturais nos que a carta dos científicos fai énfase repetidamente: o aumento das desigualdades económicas e sociais, as bolsas de pobreza, as malas condicións de traballo, os recortes nos investimentos en persoal sanitario e investigación, o avellentamento demográfico ou as pésimas condicións das residencias de anciáns. A carta remarca de maneira expresa que non se trata de repartir culpas, pero iso é o que fai o/a xornalista co que di (a liña editorial de LVG), e co que non di (tamén a liña editorial de LVG).
O 8 de agosto, entre as conmemoracións do 75 aniversario das bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki, X. L. Barreiro fai un alegato contra a estupidez de todas as guerras, co que coincidimos absolutamente. Non compartimos a oportunidade de restarlle singularidade a eses bombardeos porque tapan os de Dresde, Varsovia, Berlín, Stalingrado ou Rotterdam, así como o imperialismo fascista xaponés da época. Mesmo se insinúa que morrer en segundos e por armamento sofisticado é menos traumático que morrer por explosivos baratos. Barreiro critica os alcaldes das cidades xaponesas pola “celebración” e achácalles protagonismo macabro, non dor polos familiares e veciños masacrados. Isto é botar a lingua a pacer con afán de provocación e, de publicarse no Xapón de hoxe, que renega máis que ninguén do seu pasado xenocida, provocaría vómitos, nin sequera indignación. Condenar a guerra en xeral sen condenar cada un dos seus masacres é o xeito máis efectivo de non condenala.
Por que o fai Barreiro? Porque identifica a conmemoración co antiamericanismo e a este coa axenda da esquerda, a verdadeira némesis de LVG. Contra a esquerda vale mesmo xogar á equidistancia que desculpa o bombardeo deliberado e masivo da poboación civil, “actos de guerra”, explica o autor, con ton de onde as dan, tamén as toman. Os masacres de Hiroshima e Nagasaki foron obra dos Estados Unidos, coma os de Dresde, ou Tokyo. O de Berlín da URSS stalinista, os de Varsovia, Rotterdam, Leningrado ou Stalingrado obra dos nazis, cos que, a fin de contas, Barreiro iguala os Estados Unidos de América.
O 9 agosto, Roberto Blanco Valdés titula: “Si, si. España xa é unha república”. Hoxe por hoxe, argúe, república e monarquía “só se diferencian no xeito de provisión (hereditario ou electivo) da xefatura do Estado, sen que iso afecte para nada á cualidade democrática”. Nada. Detalles. Seguindo coa lóxica do autor, podiamos facer o mesmo coas carteiras ministeriais, as prazas de xuíz ou médico, as cátedras universitarias… Mudar “o xeito de provisión” e cedelas de pais ou nais a fillos ou fillas. Por que non? RBV apóiase nun coñecido xurista, Georg Jellinek, “que falaba de “repúblicas con xefe de estado hereditario”. A cita do xurista vai entrecomiñada, dedúcese polo tanto que son as palabras textuais de Jellinek. En realidade o autor do artigo cítase a si mesmo nun libro no que parafraseaba a Jellinek para facerlle dicir o que quería que dixese. Un pouco farragoso, pero creo que se entende.
Outrosí, se xa estamos nunha república de facto e a RBV lle parece ben, que lle parece mal de que se pida a formalidade da república, co seu “xeito de provisión electivo”? Pode ser certo que no funcionamento efectivo non se observen grandes diferencias entre unha república e unha monarquía constitucional e parlamentaria (isto é o que viña dicir Jellinek hai un século), pero por que preferir que a xefatura do estado sexa hereditaria e dinástica a que sexa electiva? Por que se adxectiva esta petición como unha “sandez” e un “enganabobos”? Xa que RBV non nolo explica, teremos que especular sobre o asunto.
Podería ser que, se a xente pide cambios e os consegue, vaise acostumar mal e no futuro igual pide vai ti saber o que, o que nos levaría ao caos. Pode RBV preferir a monarquía porque simboliza a desigualdade (inmunidade absoluta, transmisión hereditaria, dereitos dinásticos), o cal abre a porta para lexitimar outras desigualdades? Ou é simplemente porque a monarquía se asocia á dereita autoritaria e a república é asociada pola dereita (por motivos máis históricos que intrínsecos ou racionais) coa axenda da esquerda? En realidade a axenda da dereita consiste en opoñerse aos cambios e retrasalos. Víuse claro no asunto da espantada emérita: “non vaia ser peor o remedio que a enfermidade”, “non meneallo” ,“non vaiamos tirar a auga sucia co bebé”, “en tempos de tribulación máis vale non facer mudanza”, “calma, boa letra e sen borróns”, etc.
O traballo dos medios de dereita consiste, cando gobernan os seus, en crear esa tribulación, a sensación de emerxencia que nos faga suplicar que todo siga como está porque calquera cambio sería a peor. Cando goberna a esquerda, a tribulación serve para pedir que se deteña a deriva suicida, comunista e bolivariana, e para fomentar a nostalxia polos bos tempos, tanto se existiron coma se non.
ARTIGOS RELACIONADOS
A desfachatez xornalística (galega) 1
A desfachatez xornalística (galega) 2