Domingo 4, Xuño 2023
HomeComunicaciónA DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 2

A DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 2

por Xurxo Borrazás    

La Voz de Galicia. A Igrexa dos Columnistas dos Últimos Días

No cumio europeo de xullo aprobouse o paquete de axudas para facer fronte ás consecuencias da Covid-19. O 26 de xullo, Roberto Blanco Valdés publica un artigo no que ensarilla a seguinte lista de elementos léxicos: fiasco, impúdico, autobombo, monclovita, desprezo, fracaso clamoroso, corifeos, goberno Frankenstein, bestia negra, desastroso, incapacidade, desastrosa, debilitado, catastrófico, retraso, gravísimos erros, draconiano, drástico, devastadoras, vergoñento, calamidades, irresponsable, errática, estragos, males, insufrible, regodeo no engano.

Intúo que ao catedrático de voz agónica non lle gustou o acordo, imaxino que o seu diccionario de sinónimos apocalípticos bota fume polas orellas. Nunha aparición televisiva tería o nariz encarnado e a vea dunha tempa a piques de estoupar, as palabras coma brasas. O equipo de producción audiovisual tería preparado un equipo de osíxeno para administrarlle entre intervención e intervención, e un desfibrilador, máis val pecar por exceso que por defecto. A culpa é deses 140.000 millóns e do Frankenstein que os negociou, máis da metade a fondo perdido, para el son o peor que lle pasou na historia ao Estado español.

Blanco Valdés non tiña un día malo. Velaquí outro exemplo, 2 de agosto, que revela o ton destroyer como filosofía e modus operandi: “Democracia sometida, manipulación política, o Goberno fai cos votos mangas e capirotes, equilibrio arrasado, propaganda perversa, quen discrepa do goberno é frouxo ou fascista, dislate, absoluto desgoberno, desgraza, democracia anestesiada, indignación, abuso de poder, mal goberno, burda patraña, falsa, lamentable, mentira alucinante, indolencia social, mortos, infectados, coste inmenso de mortos e infectados, a economía con peor evolución…”

Conclusión: o goberno, cando non o exerce o sensato e valente Feijóo, non só é un desastre na xestión senón que é ilexítimo e atenta contra a democracia: tena sometida, manipulada, anestesiada e abusa dela a cuberto de mentiras alucinantes. A linguaxe é xa non de excepción, debuxa unha emerxencia de erupción volcánica ou incendio doméstico, ou cambiamos de bombeiros ou todo vai quedar reducido a cinzas. Se permiten un excurso, por que me cheira a min que non andamos lonxe do Cyrano de Bergerac que bota un cabo nesas pezas de furia schoënbergiana que Santiago Rey Fdez-Latorre asina como cartas abertas cando a situación o require? Non teño probas, claro, é cuestión de olfacto. Tratándose de Cyrano, espero que a metáfora nasal se disculpe.

O mesmo día, César Casal abonda no acordo europeo: “España está encarnizada, en carne viva. A pel de touro esfolada… os extremos rabiosos… a discusión convertíuse en insulto na grella candente das redes sociais. Ninguén escoita a ninguén… Cada vez hai máis agresións… Das palabras grosas é fácil chegar ás mans… Cando un se altera, adoitan chegar os golpes (De que fala? É un aviso?)… A violencia é un calexón sen saída… Camiñamos cara o “gume do cantil” (o gume dun cantil?) … Pacto da destrucción en mans de políticos que funcionan coma tribos relixiosas (tribo relixiosa? Secta quizais?)… Só se avistan inimigos… Non imos mal, imos fatal… a batalla… a polarización é brutal… polvorín político… veleno do odio”.

Que? Dóelle España ou non lle doe? “A pel de touro esfolada”. O mellor do artigo está antes, cando o autor se pregunta desolado: “Que aconteceu para que este país que protagonizou a santa transición (a cursiva é nosa pero a sorprendente ausencia de maiúsculas é súa) un período de tranquilidade como non coñeciamos, se botase ao monte?” Falamos dun executivo con Nadia Calviño de ministra de economía ou dunha guerra civil?

O día seguinte, Enrique Clemente bota man do mesmo diccionario pitbull e engade: “estupor, medo, a que nos vén enriba, suma virulencia, desastre sanitario, catástrofe económica, empiorar a curto prazo, golpe mortal asestado, hecatombe (esta é nova), graves crises, desafío independentista, momentos sumamente dramáticos, escandalosas revelacións, golpe á monarquía, situación límite, enfrontamento, caída do goberno, estupefacción, escenario de pánico, ameaza, nova vaga, efectos devastadores”.

O 14 de agosto Gonzalo Bareño: “frivolidade, sobresalto, gravidade, pesimista, peores perspectivas, vía suicida, pacto contra natura, problema político máis grave, bomba de reloxería a piques de estoupar, desestabilizador, momento crítico, ataque ao pacto constitucional, fracasado, agonizante, facer dano, partido tóxico…”

As páxinas de opinión, día tras día, sobardan con esta salmodia monocorde de catastrofismo reaccionario. Para un lector inxenuo, que acredite na vontade de información veraz, a realidade será a que describe esta polifonía de voces. O contrario levaría á paranoia de que os medios repiten unha versión mil veces a ver se… Parafraseando a Machado, o obxectivo é facer que se confundan as voces e os ecos.

A realidade é complexa. Por iso fronte á inminencia da fin do mundo que prognostica unánime LVG, Enrique Clemente sorpréndese de que “Sánchez non perde apoios, segundo as enquisas”. O último barómetro do CIS, ao que el probabelmente se refire, engade que tampouco Podemos perde apoios, nin ERC, nin JxC, nin o PNV, nin Bildu, nin o BNG… Como se explica? Pois imos ter que agardar por outro artigo porque neste non se aventura ningunha hipótese.

X.C. Caneiro expón, o mesmo día, que “falta sentido de Estado”. E por que? porque falta “decencia”. E por que? “porque nola roubaron” e deixáronnos “no medio deste pensamento único que nos acribilla as entranas”. Dame que non alude aos ecos do seu xornal. Caneiro mesmo propón unha solución a semellante desbaraxuste, no ronsel do Arcipreste de Hita e de Airas Nunes: “Eu rebusco nos caldeiros do lixo, nas beiras do río, na arte incluso, a decencia. E non a atopo”.


Artigo relacionado: A DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 1