por Xurxo Borrazás
Tomo parafraseado o título da esclarecedora obra de Ignacio Sánchez-Cuenca publicada en 2016, na que analizaba artigos en prensa e ensaios sobre a actualidade dun grupo de escritores españois, especialmente sobre o conflito territorial, autores aos que lles doe unha España que o procès catalán e os abertzales bascos aspiran a desmembrar. Os escritores revisados tiñan en común o seu pasado de esquerdas no tardofranquismo e a Transición, mesmo a súa adscrición a ETA ou o GRAPO, e a súa evolución cara a posicións conservadoras. Sánchez-Cuenca deslinda a obra literaria (que mesmo enxalza) das incursións no xornalismo de opinión, que se instalan na falta de rigor, a testosterona e o ego inflamado, a esaxeración ou a negación da realidade, a volubilidade malabarista que lles permite cambiaren de opinión sen disimulo e o desexo de agradar ás institucións e empresas máis rancias e españoleiras, que os financian con cartos, presenza pública e recoñecemento social. Agora, el non se darán situacións similares noutras latitudes? Por exemplo aquí?
Todo columnista ten altos e baixos, momentos de máis e menos lucidez, nós os primeiros cometeremos erros semellantes. O traballo de analizalos, por falta de perspectiva, ímosllelo deixar a outros. Restrinxirémonos nestes artigos a un único diario, de maneira que a asociación dos autores individuais coa política editorial da cabeceira achegue máis sentido. Sánchez-Cuenca faino con El País, nós escollemos La Voz de Galicia, ambos xornais excelentes, tecnicamente, que na hora do café nos aportan entretemento e son referencia na creación de opinión nos seus ámbitos de difusión respectivos.
Falar de oídas, ou de memoria
A xusteza de rigor e a economía argumentativa repítense en textos como os que seguen, que no 100% dos casos foron publicados en castelán nun xornal que di representar a Galiza, e que aquí ofrecemos traducidos:
“Desde que Sánchez Castejón arribou á primeira liña da res pública, todo foi a peor. Non é unha opinión, simplemente unha constatación de feitos que calquera lector pode comprobar” “Non cito nomes dalgúns políticos que, polo mero feito de pensalos, me vulneran”. Ambas citas están sacadas dun artigo de X.C. Caneiro, do 15 de xullo. Máis alá da redundancia entre constatar e comprobar, o que máis facilita verificar se unha opinión coincide coa verdade son os datos, non o reforzo autorreferencial, acusar sen dar nomes tampouco axuda. Recoñezamos o achado de empregar a frase latina, res publica (con til innecesario), para evocar o dereito romano e os 2000 anos de funcionamento xurídico que Pedro Sánchez liquidou en meses.
O 19 de xullo, Roberto Blanco-Valdés comenta a idea de que o retraso en reaxir contra a pandemia foi xeral e inevitábel, “afirmacións ambas dunha evidente falsidade”, di. Se é evidente, por que se argúe en múltiples latitudes, tanto por políticos de distinto signo como por científicos? Eu mesmo podo coincidir co desgusto do autor pero é a miña opinión, non unha verdade evidente. O problema é que, se matizamos, arruinariamos a teoría e perderiamos en contundencia.
Xa en abril escribira que “a xestión dun Goberno que reacciona tarde, mal e a rastras contra a pandemia (algo sobre o que existen xa sólidos estudos)”. Cales son? Se non se citan parecen gasosos, non sólidos. Permitiría Blanco Valdés argumentar así a seus alumnos e alumnas na universidade? Porén, esta lixeireza é case un estilo. Outro exemplo: “O Goberno abusou sen rubor das amplas potestades que lle outorga o estado de alarma… Nisto coinciden moitos xuristas e políticos”. Quen en concreto? Val o mesmo a opinión dun xurista que a dun político, cuxa meta é en boa medida socavar a lexitimidade do rival? É un estilo pero non exclusivo. O 2 de agosto, César Casal escribe: “Máis cifras que delatan que este requentamento é moi español. Entre 1996 e 2015 hai estudos europeos que suliñan que… España está hoxe máis polarizada” U-las cifras que delatan? Casal polo menos di “europeos”, limita o campo. Non estaría de máis dar esas cifras, cando menos poñerlle nome a eses estudos e os seus redactores. Por saber.
Volvamos a Caneiro. No artigo citado, opina que a victoria de Feijóo supón unha victoria sobre o menosprezo. Demóstrase por outro artigo seu titulado Feijóo fronte ao menosprezo, “que publiquei hai xa oito anos” e que “era un artigo máis das decenas de miñas columnas (un artigo das columnas??) que dediquei a este presidente da Xunta. E habitualmente coa mesma conclusión: Feijóo salvou a Galicia”. O autor aspira a que o mero transcurso do tempo transmute a opinión en fenómeno (oito anos!), como a solera dun licor, a que a mesma opinión repetida equivalla á coincidencia entre opinións diversas, como un experimento de laboratorio repetido con idénticos resultados corrobora a hipótese e a convirte en lei.
Esta benevolencia autorreferencial como factor de corroboración practícaa tamén Sofía Vázquez o 20 de xullo. “España deberá reconverterse ao calvinismo e prometer que non derrochará o emprestado… e que meterá en cintura a súa poboación, e farao”. Nin un dato no artigo, só unha alegoría sobre a fe.
O 20 de xullo, Enrique Clemente escribe: “Era sabido que Torra non é un político nin un xestor, senón un activista”. Era sabido. Que pensabades? Que a simple circunstancia de gañar eleccións transforma a un cidadán de candidato en político? Que o feito anecdótico de xestionar o orzamento dunha comunidade que supón máis do 20% do PIB do Estado o convirte a un en xestor? Se non é lícito ser activista, que facemos con Cayetana Álvarez de Toledo?… O articulista prosegue cunha iluminación epifánica por serendipia, malgré lui: “Torra e o seu goberno levan anos instalados nun mundo paralelo de retórica, ficción e propaganda”. Eu penso, é unha opinión, que quen iso escribe e os seus editores son neste ámbito voces autorizadas
Artigo relacionado: A DESFACHATEZ XORNALÍSTICA (GALEGA) 2