Nun libro titulado ‘Ciencia, Tecnología y Sociedad’, de Marta González e outros autores, recóllese unha anécdota do s. XVIII sobre ciencia e política. Sabido é que Benjamin Franklin inventou o pararraios. Durante a guerra de independencia das colonias norteamericanas xurdiu un debate, precisamente, sobre se os pararraios deberían rematar en punta ou en bóla. Sendo Franklin un coñecido líder independentista, o rei británico Georges III intentou exercer a súa influencia sobre a Royal Society de Londres defendendo a opción da bóla, polo que John Pringle, presidente da institución, tivo que indicarlle ao rei que carecía de poder para modificar as leis da Natureza; hoxe, o chamado ‘teorema das puntas’ estúdiase na Física de Bacharelato.
En relación a esta pandemia, nun interesante artigo de Jorge Álvarez e Carmela García, publicado na revista TEMPOS NOVOS de xaneiro 2020 (‘Expertos e políticos en contextos de risco’), reflexiónase sobre chamamentos dalgúns grupos de científicos a ‘despolitizar a toma de decisións e deixar o control da pandemia en mans dos expertos’. No artigo delimítanse, nun plano teórico, os campos de actuación entre ciencia e política; conclúen que, neste contexto de risco, ‘…sen cuestionar o saber científico (…) son decisións políticas e, en tanto que se apoian nun amplo abano de saberes e se toman en marcos democráticos de decisión, presumimos a súa racionalidade’.
Velaí o uso que oligopolios e transnacionais fan do seu poder tecnolóxico para impoñer criterios por riba de gobernos lexítimos. Miremos ‘o control’ das grandes farmacéuticas na vacinación contra esta pandemia, miremos o sector da información e o das redes sociais a nivel planetario, miremos a vergoñenta ‘factura eléctrica’…
Certamente, nese plano, podo coincidir cos autores do artigo nesa delimitación de funcións e en sinalar que, en democracia, correspóndelles aos responsábeis políticos electos tomar as decisións necesarias. Pero, sendo sincero, non vexo ‘risco cienciocrático’ na reclamación dun maior protagonismo na toma de decisións por grupos e organizacións científicas, de gran heteroxeneidade. É certo que naqueles chamamentos poden rinchar frases como o vano intento de despolitizar decisións que son, en si mesmas, de natureza política, pero non parece que haxa intención nin posibilidades de que unha institución científica vaia usurpar funcións propias dos representantes políticos. Ao contrario, admitindo esa dicotomía ciencia-política como exercicio teórico, hai moitos exemplos sobre advertencias da comunidade científica ignoradas ou non atendidas convenientemente e que poden supoñer serias consecuencias para a Humanidade.
Isto non quere dicir que cuestione a existencia dun verdadeiro ‘risco tecnocrático’, todo o contrario. Máis alá da etimoloxía do termo, a tecnocracia na súa orixe conceptual facía alusión á conivencia entre quen controla os medios de produción e o persoal técnico aliñado con eses intereses e, neste sentido, esa tentación tecnocrática xa se está implantando ás veces con moito descaro. Velaí o uso que oligopolios e transnacionais fan do seu poder tecnolóxico para impoñer, sen moito rubor, criterios por riba de gobernos lexítimos. Miremos ‘o control’ das grandes farmacéuticas na vacinación contra esta pandemia, miremos o sector da información e o das redes sociais a nivel planetario, miremos a vergoñenta ‘factura eléctrica’, cun goberno central que vai camiño de bendicir a entrada de novos fondos de inversión nas grandes empresas do sector ou fomentar o transvase da factura regulada á comercializada; aínda haberá quen intente reavivar o debate sobre a enerxía nuclear, que parecía superado nalgunhas ‘opinións públicas’. Paradoxalmente, nalgúns deses campos a ciencia pode ser parte do antídoto ou vacina fronte ao risco tecnocrático. Un exemplo: alimentouse a idea da 3ª dose xeneralizada cando, en moitos lugares do planeta, aínda non chegara a primeira (e aínda non o fixo). Polo contrario, moitos expertos científicos sinalaron como prioritario estender rapidamente a vacina polo mundo e, así, reducir as posibilidades de novas variantes que arruínen o avanzado; circunscribir a 3ª dose aos máis vulnerábeis.
Atopámonos, pois, coa complexidade social e política das sociedades actuais e é obvio que se trata dun debate multidireccional. As decisións dos responsábeis políticos veñen condicionadas por intereses de diversos sectores, fundamentalmente presións do mercado (moitos ‘actores’ mirando os seus intereses particulares) e actuacións da propia política: desde ambiente e escenario político definido (aquí moi polarizado e empezoñado) ata as decisións de gobernos asociados e, como se fixo tan patente nos últimos meses, as múltiples (e ás veces sorprendentes) resolucións xudiciais que en todos os niveis de xestión reducen a capacidade de actuación política en marcos tan necesarios.
Expertos, políticos e cidadáns
Noutra liña, é obvio que tanto ciencia como política non poden ser patrimonio exclusivo, respectivamente, de ‘expertos’ e ‘políticos’; cabe reivindicar a natureza política dos cidadáns aínda que non se dediquen á xestión pública e, tamén, a necesidade dun coñecemento científico o máis espallado posíbel. Na medida en que así fose, máis doado sería facer entender a necesidade e pertinencia de ‘medidas ingratas’ nunha pandemia ou na xestión dos recursos planetarios, e máis difícil sería, en termos do Comité de Bioética, a ‘infodemia’ ou ‘infoxicación’ que vivimos.
Deixando xa o nivel teórico, podemos lembrar a un ministro falando dun ‘bichito tan pequeño que si se cae de la mesa se mata’ (caso do aceite de colza adulterado), a un vicepresidente falando de inofensivos ‘hilillos de plastilina’ (xestión do Prestige) ou ao seu ‘primocatedráticodeFísica’, escéptico co ‘cambio climático’ e que confundía climatoloxía con meteoroloxía; o peor é lembrar as xestións que acompañaron esas ‘ocorrencias’. Politicamente, máis alá de frases para a historia, que habelas hainas, o relevante da actual crise é o conxunto de mensaxes dubitativas, desautorizacións varias e a confusión vivida. Coa memoria resulta, pois, algo máis difícil presumir de racionalidade por moito que derive de marcos democráticos de decisión; obviamente, non porque se cuestionen, todo o contrario, marcos verdadeiramente democráticos fanse imprescindíbeis, pero xa tivemos tempo para comprender que descoñecer as leis da Natureza non nos exime do seu cumprimento e a súa ignorancia non é gratuíta.
Cabería preguntarse pola mellor forma de incorporar, en situacións de emerxencia, a mellor ciencia nas decisións que debe tomar quen ostenta a representación política. Porén, non parece conveniente crear grupos de traballo tan dependentes do goberno, se a súa actividade debe ir máis alá dun asesoramento cosmético.
A racionalidade é unha condición necesaria pero non suficiente para tratar adecuadamente os graves problemas que ameazan á Humanidade. Cando tocaba tratar algunhas características da ciencia, sorprendía ao meu alumnado indicando que a ‘A Lúa está feita de queixo’ é, como tal frase, cientificamente válida na medida en que poderíamos comprobar a súa veracidade ou falsidade (‘falsábel’ que diría Popper); pero non chega, sabemos que é unha afirmación falsa. A idea é que, pese a ser o mellor instrumento do que dispoñemos para coñecer o mundo, ‘científico’ non é sinónimo de veraz ou válido e tamén na ciencia existen debates. A cuestión é non permitir usar o termo como ‘aval para todo tipo de criterio’, como se fose un novo dogma: o ‘primocatedrático’ ou ‘asesorafínqueavala’; velaquí outro risco ou tentación a considerar. E, lamentabelmente, non podo compartir a suposición xeneralizada de que a simple existencia de estruturas democráticas derivará sempre en comportamentos democráticos, máis alá do formal; cada caso require análise propia pois, tanxíbel ou non, existe unha supraestrutura social.
Así, pois, cabería preguntarse pola mellor forma de incorporar, en situacións de emerxencia, a mellor ciencia nas decisións que debe tomar quen ostenta a representación política. Globalmente nesta pandemia, algúns expertos teñen identificado varios modelos organizativos desa participación e non me corresponde a min desenvolvelos; pero si manifestar que non parece conveniente crear grupos de traballo tan dependentes do goberno, se a súa actividade debe ir máis alá dun asesoramento cosmético. A discrepancia non pode ser patrimonio exclusivo da ‘política’, pois córrese o risco de que o principio de autoridade esmague á razón. Esa dependencia pode levar a situacións de tensión (como a dimisión de cargos da sanidade madrileña ante a disxuntiva de ter que asinar, contra propio criterio profesional, o indicado polo seu goberno autonómico), ou a situacións de sorprendente complicidade (como exemplo escollo o experimento, parcial e improvisado, para xustificar o cambio da 2ª dose dunha vacina).
Cada quen terá a súa propia versión sobre a pandemia e, en termos sociais, aí está o impacto na saúde mental. Un exemplo concreto: diante da vacinación, a Sociedade Española de Pneumoloxía incluía como especialmente vulnerábeis ás persoas con EPOC ou con DAAT (patoloxía xenética rara máis frecuente en Galicia que no resto do Estado); pero a comisión de expertos asesora non foi moito máis alá do criterio da idade e a inmunodepresión. Aínda meses despois, faltou atención primaria e historial médico personalizado, é dicir, faltou ciencia.
Ao final quedarán os fríos datos e, nunha escala de grises, pensaremos no ‘éxito’ da campaña de vacinación, pero hai razóns para reflexionar e aprender dos detalles; haberá novas emerxencias.