En Xaneiro do 1987, caeu unha nevada histórica en Galiza que obrigou a suspender as clases dous días. Traballaba eu no Instituto de Barallobre (Fene) e, xusto o día anterior á suspensión, na clase de Física e Química falaba da ‘inercia térmica’ que presenta a auga e o difícil que resulta, por iso, ver neve en zonas próximas ao mar. Non hai dúbida de que o fenómeno é raro nestas latitudes (non se repetiu desde entón), pero so o bo humor evitou unha brusca perda de credibilidade.

Esa propiedade da auga débese a súa alta capacidade calorífica, é dicir, precisa moito calor (enerxía) para subir un grao a súa temperatura (ou no arrefriamento, baixar); velaquí porque océanos e mares actúan como auténticos termóstatos no ambiente, suavizando as temperaturas. Esa capacidade da auga faise notar, tamén, no incómodo que resulta a combinación de altas temperaturas e alta humidade ambiental; non son o mesmo 42ºC no deserto que nunha selva húmida.

E non é a única propiedade peculiar da auga. Máis alá do obvio, do seu papel como disolvente e reactivo fundamental para a vida na Terra, podemos destacar, por exemplo, que o seu xeo flota na auga líquida, relación líquido-sólido non habitual na maioría das substancias e importante para a vida en medios acuáticos.

Hai unha anécdota frutífera que tamén vencella propiedades da auga cos procesos de aprendizaxe e descubrimento e, tamén, coa humildade requirida ante a Natureza. É a historia que nos levou ao coñecido como ‘efecto Mpemba’.

Foi na década do 1960 cando o profesor de Física Denis Osborne chegou ao University College da capital de Tanzania. Nunha serie de conferencias por centros de ensino do país, no Mkwawa High School un alumno, con experiencia na fabricación de xeados, preguntou como é posíbel que cos mesmos volumes de auga, unha a 35ºC e outra a 100ºC, a segunda conxele antes? O seu nome era Erasto Mpemba. Perplexo, Osborne esquivou a pregunta pero prometeu investigar e, comprobado no laboratorio que a auga quente conxela antes, no 1969 os dous protagonistas asinaban un artigo na revista Physics Education, titulado ‘Cool?’ (Frío?).

Pero faltaba unha explicación satisfactoria. Houbo varios intentos sen éxito, dentro da termodinámica básica, a que se estuda nos primeiros cursos universitarios (por exemplo, diferentes graos de evaporación, etc.). Imaxinar unha sucesión de estados de equilibrio (en condicións estacionarias e homoxéneas) simplifica moito os problemas pero, ás veces, os desvirtúa. Este era o caso: é preciso aplicar a máis complexa ‘termodinámica de sistemas fóra do equilibrio’. Aquí, nos diagramas enerxéticos, a función da enerxía diminúe no arrefriamento pero presenta varios mínimos parciais, antes de acadar a temperatura final; mínimos superábeis máis facilmente pola auga quente (de máis enerxía). Nunha arriscada visualización, imaxinemos eses mínimos como furados nunha pista de esquí: con certa velocidade pódense saltar, pero máis lentos caemos neles e o descenso retrásase.

Este 14 de Maio fai un ano da morte de Mpemba aos 73 anos; era garda forestal, pero unha vez fora un observador rapaz de 13 anos cheo de curiosidade.