Fiel aos meus inicios na ciencia, esta columna estréase con algo de Química Orgánica (QO), máis propiamente Química do carbono. Propiedades excepcionais deste elemento xustifican que forme parte de decenas de millóns de compostos rexistrados (e innumerábeis imaxinábeis), mentres que os inorgánicos, os formados polo resto de elementos químicos, apenas acadan o millón.
Entre as propiedades que fan do carbono a base de toda a vida coñecida na Terra destaca, sen dúbida, a súa capacidade para formar varios enlaces estábeis entre os seus átomos (C-C), o que permite xerar compostos de longas cadeas, cíclicos, ramificados,…; tamén axuda a gran diversidade deses enlaces (saturados ou insaturados,…), así como a variedade e estabilidade dos enlaces deste elemento con outros. O récord de cadea teno o ADN humano (e doutros animais): nunha molécula hai billóns de átomos de carbono.
A fórmula máis simple de toda a QO é a do metano: CH4. Hai moitos anos, sorprendérame ver, na medianeira dunha autoestrada nos Países Baixos, unha estrutura xigante que representaba, precisamente, a esa molécula: un átomo de carbono no centro dun imaxinario tetraedro e os catro hidróxenos equidistantes nos seus vértices. Entender a ciencia como cultura xeral!
Seguro que átomos de carbono agora presentes nas nosas células, nun futuro, acabarán formando moléculas de gas metano, principal compoñente do biogás e do perigoso grisú, temido nas minas de carbón; presente, tamén, nas flatulencias dos animais, no gas dos pantanos e no permafrost polar que, ao fundirse, libera este gas que promove o aumento do efecto invernadoiro e á crise climática que tal incremento supón.
A molécula de metanol tamén ten un só átomo de carbono: CH3OH. Pode que a ignorancia nos leve a confundir os nomes pero son compostos ben distintos: o metano é un hidrocarburo e o metanol un alcohol (o metílico) que, a temperatura ambiente, é líquido. Tradicionalmente obtido da madeira, pode formarse de forma natural pola acción de varios microorganismos; un exemplo é a fermentación de talos e sementes da uva, de aí que, ao ser tóxico, se debe controlar o seu contido en viños.
Outro exemplo cun único átomo de carbono é o metanoico (ou ácido fórmico), un líquido irritante que empregan como defensa as estrugas e algunhas formigas, de aí o nome tradicional.
En QO o prefixo ‘met-‘ indica un único carbono e o ‘et-‘ delata a presenza de dous átomos dese elemento; así, na longa lista de hidrocarburos simples, ao metano séguelle o etano (propano, butano, pentano, hexano,…,octano,…), mentres que na dos alcois, o segundo é o etanol (ou alcohol etílico) e na dos ácidos orgánicos, ao metanoico séguelle o etanoico ou ácido acético, característico do vinagre.
Por certo, a información deste texto non podería empregarse así nun curso de Física e Química da ESO en Galicia. Sería ilegal: habería que traducilo ao castelán ou, nalgúns Centros autorizados, ao inglés. E isto é así desde que, hai 14 anos, o goberno autonómico de Feijóo implantou o chamado ‘decreto do bilingüismo’.