O día dous de agosto unha bicicleta e o seu correspondente ciclista decidiron pasarme por riba mentres camiñaba pola beirarrúa. O resultado, nefasto, concretouse nunha escordadura de nocello con arrincamento no maléolo que me fai visitar acotío os espazos dos hospitais do país. De toda esta singradura o que máis me ten marcado, para a miña sorpresa, é o consello dos e das doutoras consultadas nos distintos portos de escalada: con “isto” podes facer vida normal. 

“Isto” é unha bota walker e dúas muletas que aseguran a vida normal porque, a diferenza do xeso, deixan que apoie o pé, a costa de non ter mans. Das catro extremidades, polo tanto, fico no poder dunha delas que terma de todo o equilibrio, xa non do meu corpo, senón da vida enteira. Toda a miña existencia resiste na saúde e vontade do pé dereito, unido, por suposto, á súa correspondente perna que agora semella dubidosa no camiñar e non sabe como atender a tarefas básicas da normalidade como: conducir, facer a cama, colocar a roupa que se recolleu do tendal, cociñar, recoller a mesa, fregar o baño ou empuxar o carriño do supermercado. O meu pé non foi educado para tanta leria. Ao meu pé díxoselle que para estar totalmente capacitado de termar dunha adulta funcional o único que tiña que facer era tirar para adiante en compaña do pé esquerdo e, de cando en vez, mirar de se soster na punta das dedas para coordinar algún paso de baile. Ao meu pé fáltalle o compañeiro, e ninguén o preparou para esta ausencia pantasma, este non responder que seica é totalmente normal e esperado. 

Entón chega esa nova da etapa de Euskadi. As imaxes das persoas performando coma nais de Gaza sostendo nenos e nenas mortas e ofrecéndollelos aos corredores do equipo de Israel, chegan os mares de bandeiras verde, negro, branco e vermello atortorando a meta e impoñéndose sobre o estado de negación. 

Como comprenderedes, empecei a desconfiar dos ciclistas. 

Na vida normal, ás veces, recibo mensaxes de amigos. Escoitar audios do whatsapp é unha actividade que non require do uso de moitas extremidades e pode facerse comodamente sentada, incluso coa perna en alto coma quen se soña a Sol Picó dos arrabaldes de Compostela. Eu aínda diría máis, pódese facer con total normalidade. Nunha delas, unha persoa querida, loitadora, cos ollos abertos e corazón inmenso, tanto que ás veces penso que precisaría ter catro pernas para sustentalo, dime que non entende como a xente é quen de vivir así. Como podemos seguir adiante sabendo o que sabemos que Israel executa sobre os gazatís, que Israel executa gazatís. Di que ás veces non ten forzas para argumentarlle á filla que o mundo desde a comunidade e a construción é mellor, que hai que mirar con ollos críticos e non deixar que toda a manipulación que nos rodea abra un único camiño polo que avanzar un pé diante doutro. Que hai que rozar, que hai que rarear, que ten que existir un xeito no que a indignación pola aniquilación da vida se sobrepoña aos intereses económicos dun sistema baixo o que todos seguimos oprimidos. Dime que ás veces pensa que nin a arte pode marcar a diferenza. 

Entón chega esa nova da etapa de Euskadi. As imaxes das persoas performando coma nais de Gaza sostendo nenos e nenas mortas e ofrecéndollelos aos corredores do equipo de Israel, chegan os mares de bandeiras verde, negro, branco e vermello atortorando a meta e impoñéndose sobre o estado de negación. Chega o aire e, incluso a través do trebello, noto como o amigo do corazón inmenso e a vontade de loita respira con total normalidade. 

Como comprenderedes, empezo a gustar do ciclismo.