No meu centro de traballo (que resulta ser un instituto pero iso é o de menos) hai un cartaz nos baños de mulleres (entendo que nos de homes tamén, non entrei a comprobalo, ás veces non son tan boa investigadora como debese) que di: por respecto a todas, usa a escobilla.
Recoñezo que os primeiros días a existencia do aviso sorprendeume… Pero co paso do tempo aprendín a apreciar a necesidade de reforzar o mínimo por escrito, negro sobre branco (azul se estamos nun centro educativo sostido con fondos públicos e, como debe ser, os materiais funxibles son barateiros e eficientes, como os bic cristal, para gastar os cartiños no que conta). Por exemplo un precepto básico podería ser: cadaquén ten que limpar a súa merda.
En resumo, dada unha situación na que, pola razón que sexa, unha persoa humana realiza un acto que produce unha desfeita (vulgo: cágaa) terá que se facer responsable de restaurar o defraudado pola vía emocional ou pola vía material.
Esta idea, de formulación simple, ten implicacións tan drásticas como calquera axioma de Peano. O primeiro ten que ver coa responsabilidade individual, claro. En resumo, dada unha situación na que, pola razón que sexa, unha persoa humana realiza un acto que produce unha desfeita (vulgo: cágaa) terá que se facer responsable de restaurar o defraudado pola vía emocional ou pola vía material. Unha vez asumido este primeiro punto poderíamos analizar distintos conflitos que, se ben non teñen un responsable único, ou evidente, solucionaríanse a través dunha cooperación entre, non os afectados, senón as partes do conflito que si que puideron evitar o desastre. Asumido este suposto disporiámonos a engadir un corolario: “síntoo” é unha fórmula necesaria para a convivencia e para o acto de contrición mais, como quedou demostrado por accións de altos dirixentes do estado, amañar… amaña pouco. Polo tanto, se hai vontade de respecto e vontade de restitución da falta (voluntaria, involuntaria ou mediopensionista) requírese a definición dun acto.
Dado que estamos no primeiro mes do ano, sería bo redefinir o paradigma da nosa existencia, tanto a nivel individual como a nivel global. Supoñamos que, malia que levamos unha vida en período electoral, quizais este mes sexa óptimo para consultar hemerotecas (físicas ou virtuais), escoitar, analizar, darlle algunha voltiña antes de decidir. Anotemos os nosos achádegos para lembralos, sen dúbida, en canto empecen a pedir o voto.
Observemos en que estado están os servizos, os que son básicos e están no mínimo. Falemos a fala nai, vexamos se nos permiten falar e transmitir a fala nai, nomeemos a quen está a desfacela, a lle poñer trabas, a recuperar unha sociolingüística que a afasta do uso en todos os aspectos da nosa vida. Identifiquemos quen se ocupa de crear unha cultura de noso, de protexela e facela parte da vangarda europea (que fantasía!) ou quen de levala de novo aos designios mansos do riquiñismo.
Podemos, podedes, estender as seccións dun catalexo e mirar ao lonxe, alenmar. Abrir os ollos e saudar, coma as crianzas, coidando que aínda vos ven, aquelas e aqueles que, tras catro anos nestas páxinas, seguen marchando en xaneiro nos voos loowcost a buscar a vida, sen querer deixar Ítaca atrás.
Podemos tirar do fío, prezados Teseos, e remontar o novelo ata as mans de Ariadna, sabendo que estamos tan dentro do labirinto que xa somos presas do Minotauro mais que a única ferramenta que precisamos para tirar os muros é unha escobilla.





