Un agarimo mínimo, un detalle mínimo e probablemente intranscendente. Unha palabra mínima. Un ollar mínimo. Unha linguaxe mínima. Unha cultura mínima. Unha mínima intención política, unha voz mínima a xurdir das profundidades da identidade propia baixo a pátina da globalización, un moumeo, un contacto lene entre a epiderme e o exterior. Un agromar.
O mínimo é sentar a dialogar, a negociar. O mínimo é atender. O mínimo é garantir unha estrutura de coidados que non dependa da voluntariedade da persoa profesional, que non dependa da culpa da persoa familiar, que non dependa, xamais, da identidade de xénero da persoa coidadora.
O mínimo é valorar desde a experiencia e non desde a idealización. O mínimo é buscar información e esa situación de mínimos só se dá desde a máxima veracidade, polo tanto, desde unha inversión de tempo que semella, nos tempos que corren, non estar xustificada. Porque o mínimo é aproveitar o tempo e o tempo que se perde entre os dedos, non volve.
Na maré de ofertas de verán existe a condicion máxima: os macro eventos, cantos máis mellor, canta máis variedade e sobreprogramación máis felicidade.
O tempo que foxe é o tempo, din, que facturamos sen cargo a conta. Que mínimo que aproveitar o andar do colesterol para escoitar un podcast, que mínimo que programar o forno para poder ir recoller as crianzas á escola, que mínimo que instalar unha piscina en cada xardín, para non compartir espazo acuático con outros seres que tamén foron orixinarios dun mesmo caldo de cultivo…
O mínimo evoca ao esencial, ao silencio, ao que nesta carreira ás velocidades máximas comprendemos que só se paga con cartos, con moitos cartos. Na maré de ofertas de verán existe a condicion máxima: os macro eventos, cantos máis mellor, canta máis variedade e sobreprogramación máis felicidade. Desde a observación unha pensa que a próxima iniciativa empresarial para turistas de aquí e de acolá será o Tourfest: unha achega de mentes privilexiadas que asegure un mínimo de presenza en tres festivais de verán musicais, dous de xantares e catro rutas turísticas por un módico prezo. De feito, para que a diversión quede garantida, e sen maior cargo pola miña banda, a quen queira montalo ofrézolle a idea do plan VIP: dotar aos monitores do tour reservado con fustas motivadoras para cando o ánimo dos asistentes decaia e pidan, entre saloucos, volver á casa para botar unha sesta ou recapaciten e caian na conta de que, malia que non se lle aplauda á posta do sol do serán, Ra deixará a Mesektet no peirao, pasará ao Duat a saludar a quen lle ten saudades e, sen dúbida, chegará a tempo para embarcar na Mandjet no seguinte abrente. Cen por cen.
Cando o mínimo é o esencial a cousa cambia, porque desde a esixencia reclámase a intimidade. Cando a análise focaliza no carácter atómico do ser, e recoñece que os átomos de ferro do garfo son os mesmos que aseguran o transporte de hemoglobina do meu corpo, a dimensión da inmensidade queda relegada a unha casualidade. Casualmente a química permite que un mesmo átomo de ferro produza óxido e condicione a morte das estrelas.
O mínimo, o detalle, o agarimo, a calma, a semente a agromar e as mans que a protexen nos primeiros días, o sorriso inesperado, o sabor da memoria dos pexegos. A rebelión das pequenas que non será pequena rebelión.





