Foto: Escea de Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, 2025.
Queremos crer que en calquera foro de persoas que pasasen, como mínimo, pola escola pública (que cursasen a ESO malia que non a tivesen rematado), a declamación desta disxuntiva rematará, de xeito pouco soprendente, cun coro, máis ou menos, afinado que responda “non ser”. Velaí o dilema.
No orixinal O Bardo emprega a palabra “pregunta” ou “cuestión”, mais quen temos xa certa idade e navegamos polas traducións ao castelán da peza de Shakespeare temos na cabeza a liña con ese xeito de melodía: “Ser ou non ser, velaí o dilema”. O dilema. Seguindo co teatro e citando desta volta a Tiago Rodrigues na súa peza Catarina e a beleza de matar fascistas: “un dilema non ten respostas certas nin erradas, ten escollas”. Velaí, pois, a escolla.
Partamos da base do libre albedrío, da escolla, da liberdade e pronto atoparemos os obstáculos naturais aos que Santiago Cortegoso identifica en Reconversión co substantivo femininio singular “Rosa”, é dicir, en palabras do autor, co “Sistema”. E agora que xa tempos tres puntos, tres conceptos singulares: o ser, o dilema e o sistema, establezamos un plano, porque un plano queda totalmente definido cando coñecemos tres puntos que son contidos por esa realidade existencial.
Somos cidadáns con dereito a nos expresar e vivir en dúas linguas oficiais dentro do noso recinto xeográfico. Somos quen de nos comunicar do mesmo xeito en ambas linguas. Somos capaces de sentir o mesmo e falar coa mesma honestidade das implicacións do noso traballo e dos laberintos do noso querer, tanto en galego coma en castelán. Partamos desa premisa errónea. Se o sistema nos forza a unha escolla determinada, a través dos seus decretos, somos ou non somos? Se somos galegos por obra do idioma… o dilema é noso ou é un dilema relacionado directamente co sistema? E se o sistema está escrito noutra lingua, con outra identidade, con outra realidade histórica, con outra vontade que pode non ser a da construción dun país común que procure o benestar dos seus cidadáns… atende o dilema ao individuo ou poderemos darlle a volta á pregunta e cuestionar se é o sistema quen debe responder ás necesidades do ser e deixar de entretecer cabos para asegurar a existencia do non ser como ameaza constante e vixilia da supervivencia?
Somos cidadáns e movémonos polos nosos intereses, debería ser así. Movémonos e lemos que o proxecto de ALTRI queda anulado, que Palestina segue sendo bombardeada, que a sanidade está en folga, que o transporte está en folga, que a educación está en folga, que as pensións non soben e o prezo do pan nunca baixará do euro, que o mellor que se pode facer un día solleiro despois do dioivo é ir ver se hai Therians nas capitais do país, que o lixo aumenta e só se informa de como está pasando tal cousa en certos municipios, coma se os demais non emporcásemos ou non tivesemos que recurrir acotío ás latas de conservas para asegurar que o tempo, controlado por ese sistema, acolle a posibilidade de comer peixe sen ir á lonxa.
Se nun foro de cidadáns citamos a Hamlet, sinto dicirlles, poucas voces se alzarían coa resposta á prengunta implícita. Velaquí o enigma, que non dilema. Probablemente a resposta sexa entón ir ao teatro e re-aprender, lonxe das pantallas, que podemos elexir e podemos actuar. Alí de actuar sábese bastante. Poderemos darlle a volta á pregunta e cuestionar se é o sistema quen debe responder ás necesidades do ser e deixar de entretecer cabos para asegurar a existencia do non ser como ameaza constante?





