Desde as plataformas informativas observamos a situación no resto do estado: folgas en Cataluña, folga indefinida en Valencia, xornadas de folga puntuais no país… E, malia realidades culturais diferentes, sempre hai un tecido de base cun clamor común: a necesidade de mellora e a posta en valor dun traballo que, coma outros, vive dun xeito no imaxinario popular e doutro moi diferente na realidade. Polo tanto, que se abran as aulas…

O primeiro que teríamos que ter en conta é saber que se lles pide ás persoas que desenvolven ese traballo. As persoas docentes non chegan a un aula de 20-35 estudantes pola mañá para se atopar coa paixón de aprender, e iso é un rasgo de humanidade. Atópanse con 20-35 situacións diferentes, pola motivación, pola situación socioeconómica, pola situación emocional… Un total de entre 80 e 130 realidades que a acompañarán 24/7 desde o inicio de setembro ata final de xuño.

A persoa docente non pousa os tarecos na mesa, pide que se abra o libro e que se fagan en silencio as actividades cinco, sete e once.

A persoa docente razona, unha a unha, coas persoas estudantes e explícalles que parte da súa aprendizaxe como cidadáns, segundo a lei, pasa pola responsabilidade individual, a iniciativa, o emprendemento… Suspira. Tamén insiste en que o pensamento crítico e libre ten unha base teórica e unha necesidade do exercicio, que saber o que son os adverbios pode que non se empregue no cotiá cada mañá, pero que que unha boa comunicación, tanto como emisor coma no papel de receptor, axuda a medrar e a comprenderse. As persoas do alumnado pregúntanlle que opina de que en OT se cante en galego e locen pulseiras que denotan a aprendizaxe da historia desde os vídeos (divertidos e sen actividades) de youtube.

A persoa docente suspira e sabe que non pode contestar de xeito honesto, que ten que ser neutral. Sabe que non pode falar do mundo e aceptar o papel educador que realmente debería ter a escola pública, o da igualdade, o da capacidade de facer que todas e cada unha das persoas que están nas cadeiras da aula se sintan capaces de chegar onde desexen gastar o esforzo de chegar sen importar o que deixaron atrás ao pechar a porta da casa. Da súa, da dos avós, da de acollida…

A persoa docente nos recreos leva o café na man para atender dúbidas, para saudar, para interesarse pola vida das persoas estudantes. Nos xantares e nas tardes ocúpase da biblioteca, das actividades de excelencia, dos clubs de ciencias e letras, dos clubs de lectura, da comisión de igualdade, da normalización lingüística, coordina saídas culturais insistindo en que son unha experiencia enriquecedora e non un método de perder clase, rexístrase en páxinas do CFR para cursar novas aprendizaxes, leva as dinámicas persoais de cada alumna e alumno para a casa e, en xeral, acorda cada día cun organigrama mental que combina mensaxes a familias, intervencións na aula, intervencións coa persoa orientadora, actualización das programacións, exames e boletíns que avaliar, segundas oportunidades en forma de novas actividades, sesións de titoría para tratar os temas de convivencia na aula e…

E a lista non remata aquí, pero acábanse os caracteres. A persoa docente non descansa cando se pecha a porta da aula, porque todo o leva consigo na cabeza, de setembro a xullo. Todo. A tod@s. Todo o tempo.