Non hai galegos na lúa, monseñor Prieto. Isto non é unha cuestión de fe, é un feito comprobable pola ciencia. Sendo así, non pode haber un galego no corazón de Deus e non pode, a deidade, entender a nosa lingua. O problema é un e tres á vez.
Para empezar, que non hai galegos na lúa, monseñor Prieto. Isto non é unha cuestión de fe, é un feito comprobable pola ciencia. Sendo así, non pode haber un galego no corazón de Deus e non pode, a deidade, entender a nosa lingua. O problema é un e tres á vez.
O primeiro, que os galegos (e as galegas) teñen á súa disposición universidades públicas nas que poder adquirir coñecementos necesarios para chegar á lúa, mais as infraestruturas do país non dan para ter un programa espacial, non dan para ter un programa atmosférico, non dan para ter un programa a pé de terra… A terra é moi dura de labrar, dicía meu avó, que hai que dobrar o lombo e mancar as mans cos apeiros que lle abren as vías no ventre e lle preñan as gabias de alimentos vizosos neste paisaxe minifundista desde o que se escoitan as campás chamar a misa de domingo cada quince días o sábado pola tarde. Porque o galego perde falantes, pero a Igrexa tampouco non gaña espectadoras, vostedes chámanlles crentes (iso está ben, cadaquén ten a súa opinión).
O segundo, que malia que a tradución da Biblia ao galego é inmellorable, a cantidade de público ao que chega o efecto normalizador da Igrexa é reducido, pequeneiro, e iso que hai Santa Misa en galego na TVG desde que eu teño uso de razón, e de TVG. Pero é que non convence, e dígoo con honestidade, coa mesma que mirou rezar en hospitais na lingua nai, pois na desgraza é cando lembramos que precisamos de todas as axudas e imos onde faga falta, e falamos co corazón na man en galego, na nosa lingua.
O terceiro está nas súas palabras. A día de hoxe estúdase galego ate 2º de Bacharelato e hai unha proba de lingua galega e literatura nas ABAU. Con todo, non se estuda en galego. Fixémonos que a diferenza semella reducida, pequeneira, pero é dramática. Non estudar en galego ten un aquel de desarraigo da lingua propia que non pode solucionar a fe nin o catecismo. De feito ,a maioría das aulas de relixión nas escolas públicas (e concertadas, e privadas) dánse en castelán.
E como falamos ao principio, estes tres problemas poden resumirse nun: que non habería que falar de galeguización de certos entornos cando xa pasaron corenta e tres anos desde o 1980, que houbo tempo, que houbo párrocos que o tentaron, que igual a normalización tiña que estar na inmersión lingüística do día a día, na creación de contido audiovisual de calidade, nos programas de desenvolvemento, nas universidades, na capacidade de estudar en galego, de que nos atendan en galego…
Xa por último, o de citar a Zapato Veloz poida que non lle sexa a opción máis acaída, sobre todo polo ámbito no que vostede traballa e por como segue a letra da peza. Ten pouco rigor. Por exemplo, por dicir algo, as galegas tamén podemos chegar á lúa. E por outra banda o galego do que vostede fala “ha venido del Ferrol” e a verdade é que quen enviamos desde Ferrol ao mundo é mellor que fique no pasado.