A escena dáse entre adultos nun lugar fermoso, á sombra, escoitando o repicar da auga enchendo de xeito continuo a poza natural. A escena dáse nunha praia de area fina e auga arrefriada polo nordés ateigada de xente con sombrillas, cortaventos, cadeiras portátiles e centos de adminículos imprescindibles para gozar dun día á beiriña do mar. A escena dáse nun restaurante con aire acondicionado, refuxio das altísimas temperaturas dun verán no que as recomendacións de certos concellos para o uso respectuoso das reservas de auga doce rozan a chantaxe ou a ameaza. A escena dáse no paseo dunha vila mariñeira, baixo as árbores, nos bancos ao pé do camiño pensados para repousar e contar as sombras das follas que orbitan sobre as cabezas dos viandantes. A escena dáse nunha sala de cinema, antes de que empecen os primeiros ecos da película na voz dos actores pero xa metidos en faena. A escena dáse na cociña, na mesa dun grupo de persoas que conviven xuntas e danse en chamar familia ou, como pouco, en se trataren con familiaridade. A escena dáse no sofá do salón da vivenda habitual, no teatro, na cola do supermercado, no tren, na sala de agarda da odontóloga, no adolescente que chega tarde indo en bicicleta, na persoa que cruza a estrada polo paso de peóns e no condutor despistado que, de súpeto, lembra que ten que contestar unha mensaxe importantísima do WhatsApp e acaba enleado nun vídeo que explica como empregar unha pañoleta para que non che rouben o bolso no estranxeiro… Deixemos certo optimismo na serendipia e supoñamos que peón e condutor non habitan, nesta ocasión, no mesmo espazo-tempo.
Nos breves momentos nos que a consciencia se desenlea da obriga inmediata de capturar información valiosísima, e non procurada, certas inquedanzas proen na pel, como o movemento reflexo de botar a man ao móbil e a capacidade dos dedos para abrir precisamente esa app que acabamos de comprobar malia non haber novas notificacións. Namentres alguén fala, rexistramos a mensaxe sen entendela, porque non é tan estimulante como o que temos diante dos ollos. As prioridades son as da caixa de luz e non as propias. Ante a promesa do reel somos quen de caer no insomnio e xaxún voluntario sen que ningún mapache nos diga o que temos ou deixamos de ter que comer.
Nesta superpoboación de consumidores de información non requirida penso en Heisenberg e no xeito no que Einstein chegara, seica, a pensar que o único modo de resolver o modo de Heisenberg de entender o mundo, matricial e non visual, era arrincarse os ollos ou, polo menos, que para resolver problemas de cálculo tan transcendentais o físico alemán tería que ter modificado deste xeito a súa anatomía para levalo a cabo, para ver con outro entendemento. Penso no poder dos electróns a viaxar a velocidade relativista nas pantallas, na teoría da curvatura do espazo xurdida, en parte, grazas á observación dunha eclipse como a que tivemos o 12 de agosto e non como as que observamos a diario nas que a superficie dun paralelepípedo de menos de douscentos centímetros cadrados é quen de facer desaparecer totalmente a unha persoa. De pechala tanto en si mesma que nin sequera é capaz de emitir radiación electromagnética cara ao exterior. A ocultación máxima, o truco extremo. Nin sequera Tamariz sería quen de semellante milagre.





