Pasou o tempo da sementeira. As mans de quen andan na terra teñen sempre unha pátina de po que varía na cor coas características edafolóxicas do territorio, coma se o pantone da horta puidese identificar, sen dúbida, a orixe. A presenza dos elementos establecerá a condición autótrofa da melodía dos tomates e a sintonía das leitugas, a acidez, a tenrura, o azucre, o sodio… O produto da terra nai sabe a infancia, romantizamos sen saber que, certamente, a cantidade de mineral deixou unha impronta naquelas papilas gustativas hiperestimuladas dos primeiros anos que definiu o significante daquelas palabras primeiras amadas pola intensidade do sabor: a-mo-ro-do. Romantizamos o traballo que queda lonxe ou que vén dado nunha bolsa do GADIS un pouco rota baixo a comanda de: “nena, leva algo de verdura, que a do super non sabe igual”. Aquelas palabras quedan tamén na memoria, ganduxadas como a medida do amor, ou do compromiso cando se observaba o intercambio de produtos e se comprendína os protocolos da cortesía. Un vai, un vén, así era a conta. De quen nada daba, nada esperases ver levar.
Aqueles días nos que ter un terreo na aldea era a derradeira unión coa tendencia migratoria á cidade viraron na primeira xeración de persoas que retornan ao rural coa esperanza de baixar a conta do supermercado e incrementar a inxesta de nutrintes de primeira calidade todo a un tempo. Ao pouco nos regos dos xardíns de casas de cubos agroman acróbatas de diferentes verdores mentres no interior escoitamos como se practica o piano jazz ao abeiro dunha sinfonía indiscreta de paxaros e unhas cantas ras. Tres casas máis alá cacarexan as galiñas. Polo camiño debullan pasos centos de ánimas sometidas á sordeira dos auriculares no paseo diario do colesterol e do azucre. O tempo para. Coma se non quixese ser parte dunha produción autótrofa, coma se non fose lícito o benestar sen a submisión ao capitalismo, ao individualismo e ás présas.
Quen andou na terra conta as historias e do mesmo xeito que prognostica que toda rata de cidade desexa ser rato de campo cando os tempos son chegados, recoñece que o ecosistema tamén precisa dos roedores, se acaso para darlle alimento ás curuxas.
Hai tarecos herdados, ferramentas rescatadas de palleiros que caen de vellos e sachos novos do trinque do Leroy-Merlin, hai compost e hai cal, hai magnolias e xirasois, hai botas de goma verde escuro e outras violetas con debuxos de cores, hai cortiza e sacos de terra sobre a terra con furados nos que se adiviñan trepadoras de froitos vermellos. Hai titores sacados de vides, de madeira de piñeiro, de paus de vasoiras, hai estruturas baleiras agardando que ruban por elas as xudías e debuxos no chan que planifican irrigacións deseñadas coa axuda da IA na conquista da agricultura.
Tamén hai lesmas, paxaros e caracois. Toupas, coellos e lebres salvaxes, donicelas e ratos e ratas de campo, que son diferentes aos ratos e ratas de cidade. Sábemolo porque quen andou na terra conta as historias e do mesmo xeito que prognostica que toda rata de cidade desexa ser rato de campo cando os tempos son chegados, recoñece que o ecosistema tamén precisa dos roedores, se acaso para darlle alimento ás curuxas.
Quen anda na terra sabe do mildeu e do pulgón, que as rosas protexen as vides, que hai que rotar os cultivos, que ao rematar na horta aínda hai que facer pola vida. Que hai que facer pola vida.





