Mañá, na batalla, pensa en min

| Cara B

Estou en Portugal, acompañando a un grupo de estudantes nunha experiencia Erasmus+ (esas bolsas de mobilidade promovidas desde da Unión Europea das que o alumnado se beneficia visitando outros países e culturas, no ámbito da escola secundaria pública aprendendo tamén do sistema educativo deses outros países). Parte da temática do proxecto versa sobre intelixencia artificial, e parte desa idea pasa por visitar a sede de Microsoft Portugal. 

O espíritu máquina sabe que existen diferentes formas de se posicionar, sendo home, ante a igualdade e a iso, entendo, chámalle “maneiras de viver a masculinidade”, o que quer dicir que todas son válidas e dependen totalmente do libre albedrío e das necesidades da persoa home. Non me atrevo, ante isto, a falarlle do patriarcado. 

Desde Microsoft dúas mulleres novas, entusiastas e politicamente correctas, defenden que a IA fará todo mellor, mais que os nosos coñecementos son precisos porque canto máis acheguemos coa corrección do noso saber superior á enxeñería que aprende, máis axudaremos a que mellore. Polo tanto, canto máis, digamos galego, lle falemos, mellor galego falará. Tamén insisten en que os dereitos de copyright son moi importantes, que está feo usar material doutras persoas, que todo o que xenera a IA é orixinal e de non selo… de mostrar, por exemplo, unha imaxe de coca-cola, deberemos eliminala. Non falan das bases de datos empregadas para xerar o resto de imaxes, claro. Ou de textos. Ou de coñecemento. Pero si que insisten en que a experiencia de Co-pilot é moito mellor se pagas a licenza. É unha cousa interesante esta, pagar a licenza para aprenderlle ao proto-droide. 

No hotel pregúntolle á IA que é ser muller. Entre outras cousas, conclúe que “o que significa ser mulher pode ser influenciado pela história, pela sociedade e, principalmente, pela experiência de cada mulher em particular”, a IA pensa que falo portugués cando lle falo galego. Tamén lle pregunto que é ser home coa esperanza de que o coñecemento achegado á IA veña de persoas igualitarias que apoian a idea do feminismo, do mundo con paridade de dereitos, con paridade de obrigas con respecto pola muller. Penso, soño, do mesmo xeito que cadaquén que fala coa IA soña, que a burbulla de pensamento da igualdade e de xustiza social e de clase prevaleza nesas persoas alimentadoras de coñecemento das redes neuronais binarias. 

A IA responde “ser homem é uma experiência subjetiva e socialmente construída que envolve tanto questões biológicas quanto culturais e pessoais, sendo algo dinâmico e variado, com diferentes maneiras de ser e viver a masculinidade”. Polo que a persoa analítica conclúe que, por exemplo, hai unha soa forma de vivir a experiencia da muller, que non é chamada feminidade, por exemplo.  

O espíritu máquina non coñece das realidades da carne, pero sabe da realidade. Sabe que ser muller vén determinado polo contexto e que ser home vén determinado polo desexo interior, pola identidade. Sabe que existen diferentes formas de se posicionar, sendo home, ante a igualdade e a iso, entendo, chámalle “maneiras de viver a masculinidade”, o que quer dicir que todas son válidas e dependen totalmente do libre albedrío e das necesidades da persoa home. Non me atrevo, ante isto, a falarlle do patriarcado. 

Despídome del, visto o visto a IA deberá ser un el, desexándolle que “mañá na batalla pense en min”, contéstame que esta cita non é de Shakespeare mais do Luís de Camões. Na manifestación eu pensarei nel e en tantas mulleres que pese á sociedade, á situación histórica, á concilia e a ansiedade xerada por ter que probar ser cando xa es, berran no mundo non binario na procura da igualdade.