Lembro a primeira vez que vin O diario de Bridget Jones, e non foi en Inglaterra. Unha vez alí, envolta na voráxine da investigación universitaria,
Mrs Jones acabaría aparecendo unha e outra vez como esa voz que se mantiña no televexo para conseguir calar o medo. O medo dunha rapaza urbanita, o medo que atopaba a vivir nunha casa, nunha casa con xardín, nunha casa baleira que non supuña ningunha ameaza ao ser habitada polo silencio ata que caía a noite e baixaba á cociña facer unha penúltima cunca de té. Daquela, con ecuacións na cabeza, papers na man en música nos beizos, repararía na superficie negra e reflectante da fiestra pechada, e decataríame de que as propiedades físicas da luz permitían descubrir a miña silueta mais ofuscaban a realidade do exterior.

Daquela aparecía esa sensación, esa friaxe nas vértebras inferiores que se combinaba cunha súbita dificultade para encher os pulmóns de aire. Esa que aprendimos por primeira vez da man de Lynch ao descubrir ao Bob de Twin Peaks. O medo que paraliza e arreguiza, non o sobresalto taquicárdico que morre segundo chega ao seu pico, o medo que permanece, que herdamos no bulbo raquídeo.

Un día sorrís cando Madonna fala do Celta en redes e outro morres de vergoña cando a máxima preocupación dos compañeiros cos que falas ante o ataque de EE.UU. a Irán é que vai pasar agora co mundial de Qatar.

Estar a ras de terra era tan fermoso coma descoñecido. As pechaduras sinxelas dos fogares anglosaxóns supuñan unha fortísima inseguridade, e entón… Entón pensaba en Bridglet Jones e o doado que era entenderlles o falar, o doado que era inundar o ambiente coa súa banda sonora
e a lección de socioloxía que gardaba a aparente simpleza do seu guión. Bridget Jones ara un manual de instruccións para moitas compañeiras do país, para moitas situacións do país. Era unha porta que servía para encetar conversas nos momentos complicados, a función fática da lingua da Raíña enlatada nun produto audiovisual.

Sempre houbo unha liña do guión que me pareceu especialmente tenra, especialmente representativa da época da nosa adolescencia… Esa na que a amiga de Bridget lle di: “se hai algo que sexa Madonna, é unha perfeccionista”. E dito isto, non hai nada máis que explicar. Dito isto unha pode parar a película, poñer o “Like a prayer” e cantalo coma cando o facía sen saber realmente o que dicía. Pode bailar nun salón baleiro sen temer o que asexa na escuridade. Pode, incluso, soñar coa idea de que ese equipo que, segundo certos comentaristas radiofónicos da galega, leva por nombre o dunha raza e por cor a do ceo, se achegue á Perfección Loira pedíndolle a camiseta que ela mesma luciu no concerto en Vigo do 29 de Xulio de 1990. Pode, incluso, pensar que Madonna responderá.

Se o inesperado ocorre, se o C.E.O. leva nome de muller e viste as cores dos xogadores, se se verbaliza o soño, se se poñen os medios, quizais a deusa do pop bendiga un equipo dun pequeno país, nunha pequena rexión costeira de Europa.

Sendo que non son nada seareira do fútbol identifico que ten estas contradiccións. Un día sorrís cando Madonna fala do Celta en redes e outro morres de vergoña cando a máxima preocupación dos compañeiros cos que falas ante o ataque de EEUU a Irán é que vai pasar agora co mundial.

Ante a confusión, tan semellante aos noventa, ante o medo, poño a Bridget Jones no televexo… e saben? Resulta que non explica a sociedade estatal dos vinte… E tampouco avellentou tan ben como agardaba.