Ines de Castro, fermosa dama galega que reinou en Portugal despois de morrer

| Biografías

O nome e a lembranza da galega Inés de Castro, cruelmente sacrificada, sobreviviu no espírito e na poesía de Occidente cun prestixio tráxico. A morte da bela Inés subiu desde o momento mesmo do seu asasinato á categoría de mito, que ligou con vínculos de amor o destino Galicia e Portugal.

Inés de Castro, nacida probablemente na comarca da Limia arredor do ano 1320, filla natural de Pedro Fernández de Castro, figura luminosa do sombrío século XIV galego e de Aldonza Soares de Valladares. Ao morrer súa nai, Inés, sendo nena, levárona a Valladolid ao Castelo de Peñafiel. Alí medrou en compañía da súa curmá Constanza, filla do seu tío, o Infante Don Juan Manuel, o autor de El Conde Lucanor.

Inés pasou a Portugal no séquito da princesa Constanza de Castela, desposada con don Pedro, herdeiro da coroa lusitana. O infante prendeuse da belísima galega e os seus amores aniñaban nos saudosos campos do Mondego. A parella instalouse no entorno do convento de Santa Clara de Coímbra e tiveron 4 fillos: os infantes Afonso, João, Dinís e Beatriz.

Pero o ensoño idílico non podía durar. O rei, Afonso IV de Portugal, fíxose eco dos murmurios palatinos que vían no futuro poder da galega un perigo para a independencia do reino de Portugal e o Rei decretou a morte de Inés que 3 fidalgos portugueses (Pero Coelho, Alvar Gonçalves e Diego Lopes Pacheco) perpetraron na Quinta das Lágrimas de Coimbra  o 7 de xaneiro de 1355.

O resto da historia é ben coñecida. En 1357, morre o rei Afonso, Pedro herda o trono e víngase da norte de Inés detendo e axustizando aos seus asasinos e a continuación, en 1360, mandou exhumar o cadáver de dona Inés que, posto ao seu carón, foi saudado e honrado, como se dunha raíña viva se tratase, polo clero, pola nobreza e polo pobo… O mito da dama galega, tan cruelmente sacrificada por unha falsa “razón de Estado”, e que reinou despois de morrer.

Unha irmá de Inés, Xoana de Castro, foi raíña de Castela unha soa noite. Foi obxecto da paixón amorosa do terrible don Pedro o Cruel de Castela, que a repudiou a mesma noite de vodas. Polo tanto, Inés de Castro reinou en Portugal despois de morrer e a súa irmá Xoana reinou en Castela unha tristísima noite. Dona Xoana xace enterrada na catedral de Santiago. Dona Inés, colho de garça, e o seu esposo repousan na gran igrexa conventual de Alcobaças, máxima expresión do goticismo cisterciense portugués.

A sorte corrida por estas dúas irmás foi interpretada máis dunha vez como o símbolo dos tristes destinos políticos de Galicia e como xustificación de que por tanto tempo fosen esquecidos os valores históricos de Galicia.

Inés de Castro, foi a protagonista do drama de Luis Vélez de Guervada, Reinar después de morir (1635). E do drama Corona de amor y muerte (1955) de Alejandro Casona. Giuseppe Persiani compuxo a ópera Inés de Castro (1835) con libreto de Salvatore Cammarano.  E o cine e a televisión tampouco foron alleos a esta historia de amor e morte.

Tamén Camões a cita nuns memorables versos:

As filhas do Mondego a morte escura
Longo tempo chorando memoraram,
E, por memória eterna, em fonte pura
As lágrimas choradas transformaram.
O nome lhe puseram que inda dura,
Dos amores de Inês que alí passaram.
Vede que fresca fonte rega as flores,
Que lágrimas são a água e o nome Amores.

Esta estrofa é a famosa oitava rima (estrofa 135) do Canto III da epopea Os Lusiadas de Luís de Camões. Nela, o autor inmortaliza a traxedia de Inês de Castro, cuxas lágrimas derramadas transformáronse na lendaria Quinta das Lágrimas, en Coimbra.