Nos primeiros anos da democracia, o feito de que o galego comezase a estudarse como materia, aínda que fose unhas poucas e reducidas horas á semana, constituía un éxito, e o avance cara ao seu uso viviuse coma un auténtico triunfo. Porén, non se prestou atención a outros ámbitos que estaban a experimentar importantes retrocesos. Confiábase en que a conquista dos espazos cultos da administración e o ensino actuasen como un eficaz dique de contención. Mais a realidade era ben distinta.