Tempos en que os telexornais consisten en fomentar a salivación enlazando o bombardeo dunha maternidade coa mellor torrixa de Madrid ou se dilucida definitivamente se a tortilla mellor con ou sen cebola. Pensabamos que nada nos podía sorprender, xa o viramos todo. Ilusos.

Pensabamos que con Feijóo nos asomaramos a todos os abismos de desfachatez e clasismo imaxinabeis, as súas marcas ían perdurar como as de Usain Bolt, por xeracións, e vai e preséntase Rueda coa mochiliña informal e o abaneo de cabeza ao falar, e organízanos un acto oficial de vasalaxe e pleitesía à la Kim Jong-Un para conmemorar o cabodano da súa ascensión e combater as forzas escuras que cuestionan o seu liderado no PPdG.

Feijóo era moito Feijóo pero sempre hai un irmanciño máis ruín. Se Feijóo non aplicaba a súa lei de medios para controlar a CRTVG sen ataduras, Rueda tunéaa para facela máis autoritaria, privatizada e partidista, infíltralle odio á lingua e apróbaa en solitario. Se Feijóo ofrecía garderías gratis… tamén para os ricos, ou axudas para ir esquiar, non a Manzaneda senón a Candanchú e, como non, Andorra… Rueda ofrece axudas á xuventude para ir de Vacaciones en el mar! Teño diante a foto de Fabiola García anunciándoo a bordo do cruceiro Costa Toscana, na Riviera Italiana. Rueda provee asimesmo un bono de emancipación para que os mozos e mozas que dispoñen de cartos para mercar un piso (pensade quen pode) poidan de paso amoblala sen agobios. A súa política de vivenda compleméntase con medidas como concederlle 750.000 euros a unha empresa para a reforma dun edificio destinado a aloxamentos turísticos, o seu xeito de atacar o prezo dos alugueres.

Feijóo era moito Feijóo pero sempre hai un irmanciño máis ruín. Se Feijóo non aplicaba a súa lei de medios para controlar a CRTVG sen ataduras, Rueda tunéaa para facela máis autoritaria, privatizada e partidista, infíltralle odio á lingua e apróbaa en solitario.

Iso cunha man, mentres coa outra sostén copa e puro para celebrar efervescente a transferencia das competencias de regulación do litoral. Á fin van poder defender a “Costa Nostra” como se merece, digo eu. O mesmo día do anuncio xa botaban contas das construccións a “poñer en valor” e as vivendas e terreos en dominio público a concesionar, incluída a do Con en Moaña. Hai que recoñecerlles que, en botarlle morro, sempre van de cara.

En fin, iso poden ser prioridades clasistas ou crueis, pero igual a lei os asiste. Máis grave que o exposto é negar o acceso a documentación pública á oposición ou ao Consello de Contas, que teñen como deber fiscalizar a acción política e o bo uso dos orzamentos. Aquí si que non están no seu dereito, e compría respostarlles non con protestas parlamentarias senón con querelas xudiciais.

A taxidermia

Un dos campos de ocultismo flagrante é o da administración paralela, vicio nefando a eliminar de contado, prometía Feijóo en 2008. Como o nariz de Pinocchio, non parou de medrar. Nin sequera se ofrecía un rexistro das fundacións, consorcios e sociedades, que era obrigatorio e agora existe daquela maneira, axiña o vemos.

Os chiringuitos, colaboracións público-privadas, preséntanse como un mecanismo de eficiencia que permite transferir o risco das administracións aos investidores. En realidade fan o oposto, fináncianse con fondos públicos: directamente en máis do 75% ou con préstamos avalados que cubren os riscos do sector privado e ocultan o risco para as finanzas públicas, querendo facer pasar a débeda pública por privada, borrándoa da contabilidade xeral. Son un intermediario calzado como xeito de integrar o lobbismo na estrutura de goberno, un mecanismo de extración e ocultamento da actividade política e o rendemento de contas. A maiores, unha axencia de colocación de afíns que, en caso de remuda no executivo, permite manter cotas de poder de maneira tanxencial. O custo por traballador nestes entes ascendía en 2021 a 52.800 euros, nas fundacións supera os 60.000. Unha vez asentados e lexitimados, os novos actores convírtense en interlocutores para dar apariencia de apertura á sociedade e corresponsabilidade, unha sorte de democracia orgánica. En canto á eficiencia, o Consello de Contas determina que son incapaces de acadar mesmo os obxectivos para os que din ter sido creados.

Con todo, o peor do baleirado de competencias da administración cara entidades opacas é a descapitalización de know-how do funcionariado, xunto coa dependencia a futuro e a difícil reversibilidade desta transferencia de operatividade. A arquitectura institucional mantense pero taxidermizada, chea de palla. Os informes que deben facer os técnicos das consellerías encárganse a consultorías ou ás empresas concernidas. O beneficio para quen o fomenta é a extracción de riqueza, a capilarización do poder, o clientelismo e a discrecionalidade executiva.

No rexistro publicado pola Xunta, incompleto, hai de todo. Nin rastro de Impulsa Galicia, o pozo negro no que se cocen os informes e axudas de Altri. Non cuestionamos a pertinencia do SERGAS, o IGAPE, SOGAMA, a CRTVG, ou AUGAS DE GALICIA, pero a Fundación para a Dieta Atlántica? A dieta é fantástica, ninguén o discute, a cousa está en se precisa unha fundación ou valería con integrar as súas funcións nas consellerías existentes: “Fomentar o estudo, a investigación e difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar”. En que se plasma? Nunha web en castelán, por defecto, que contén 5 receitas, 5 artigos e varios enlaces. Como se financia? Misterio. U-los seus orzamentos? Misterio. Quen está no patronato? Digamos… pouca xente e case toda de figuración, xubilada ou caducada: ningún dos conselleiros vocais segue no cargo. Repito, que viva a dieta atlántica! Podemos seguir co Consorcio de Os Peares. Quen vai discutir a fermosura das súas paisaxes e a amabilidade das súas xentes? Etc, etc.