O hexemón económico que desde hai séculos nos menea como a faba na ola, está a experimentar a enésima reencarnación, a substitución do consumo privado como fonte de beneficios polos orzamentos das administracións. Na Idade Moderna o capitalismo replicaba a escala as feiras tradicionais, adaptouse ao comercio internacional derivado da navegación, á mecanización, o colonialismo, a electricidade, a taylorización, a globalización, as deslocalizacións, o neoliberalismo, o green new deal, etc. O capitalismo foi mutando ao ritmo dos cambios tecnolóxicos e sociais para manter os beneficios crecentes e asegurados, coidando de que non se note.
O modelo empresarial de hoxe é o casino, cuxo algoritmo asegura que a banca gañe e o risco sexa controlado. Os campións do antiintervencionismo amortecen os vaivéns do mercado grazas ao erario público, pola vía da subvención e a concesión. As empresas construtoras ou armamentistas viven dos contratos públicos, o ensino e a sanidade privadas viven dos concertos, as enerxéticas benefícianse das axudas a combustibeis ou electricidade, as inmobiliarias e fondos voitre das axudas ao aluguer ou a compra de vivenda, as automobilísticas das axudas á compra do coche eléctrico, a banca tira proveito da política de tipos e todas se benefician dos PERTES, o trato de favor con Facenda ou os paraísos fiscais. Se con iso non abonda, son rescatadas.
As liñas mestras do capitalismo no século XX encarnábanse na figura do emprendedor millonario, os logos das marcas ou a publicidade: Henry Ford, Onassis, Amancio Ortega ou os anuncios da Coca-Cola. Eran os tempos en que a interrelación entre a vida privada e a comunitaria das clases medias se centraba no consumismo como conquista social dos “anos dourados”, os da serie Mad Men. A publicidade enmarcaba e condicionaba a vida cultural e a información, tanto na praza pública coma nos medios, fose a televisión, a radio ou a prensa e revistas, unha publicidade omnipresente e de carácter comercial e competitivo. Isto, na prensa escrita, é pasado: a estratexia pedichona en nome do interese xeral inúndao todo.
A publicidade comercial mantense na televisión, en parte porque o prezo por colocar os spots se reducíu e en parte pola inercia de asociacións emocionais como a do anuncio de Freixenet, o da lotería do Nadal ou os perfumes de Santo Valentín, cunha marxe de especulación acada o 90%. O consumo de televisión mingüa e o público ao que se dirixen os anuncios é de maior idade. A nova primeira liña está na publicidade personalizada do móbil e nas influencers, de eficiencia debatíbel pero máis barata.
Se o espectador televisivo e o oínte radiofónico son domésticos, o lector en papel de xornais ou revistas de análise é social, resiste na academia, en oficinas e cafeterías, onde a disputa polo exemplar é encarnizada. As vendas en quioscos esboroan, en parte porque apenas quedan quioscos, as subscricións físicas rarean, a información das tiraxes desapareceu, substituída polo concepto máis lábil do volume de lectores, as subscricións online non despegan e a publicidade comercial está case ausente, o prezo do papel sobe…
Abride un xornal galego e veredes que o carácter competitivo se mantén, pero non entre empresas senón entre administracións. A Xunta, os concellos, as deputacións ou o goberno do estado enchen en ocasións seis ou oito páxinas completas, dependendo da urxencia electoral.
Fálase da morte da prensa, como da morte da novela, a do libro, a do autor, a do teatro ou a das salas de cinema, pero todos resisten e o revival dos xornais, ademais de elegante, non sería máis improbábel que o do vinilo ou o tabaco de liar. A prensa continúa a editarse e a débeda renegóciase sen problema. Como se explica? En parte pola precarización laboral e a redución de custos técnicos, en parte porque a prensa liberal aprendeu a pedir e, cando o carbón para a caldeira se esgotaba, apareceu un carboneiro novo: as administracións tomaron o relevo da publicidade comercial, ao grande.
Abride un xornal galego e veredes que o carácter competitivo se mantén, pero non entre empresas senón entre administracións. A Xunta, os concellos, as deputacións ou o goberno do estado enchen en ocasións seis ou oito páxinas completas, dependendo da urxencia electoral. A publicidade, motor criativo da arte do século XX, mutou agora contranatura: deseños visualmente anódidos e mensaxes elípticas que camuflan o anunciante. No sector fálase de non-anuncios, de favorecer a fluidez cognitiva e evitar a interrupción, quizais inflúe que o destinatario non é o lector senón o editor, a efectividade non se mide polo anuncio en si senón pola perspectiva amábel do resto de páxinas do xornal. Para que non se pense que é suborno, convén que non se note.
Sumádelle as axudas directas por múltiples conceptos ou a compra de exemplares para escolas ou eventos. Os fondos públicos marcan a diferenza entre a supervivencia ou o estrangulamento, sábeno os medios cativos que resisten a base de sacrificio dos seus equipos. As administracións manexan a billa e en contraprestación piden que os xornais non traben a man que lles dá de comer, mellor aínda se a lamben e abanean o rabo con fidelidade canina tras cada sesión alimenticia. O resultado é un ecosistema xornalístico intervido polas institucións, replicante da axenda gris dos mandatarios elevados a rock stars por obra e graza dos orzamentos públicos. Quen nos dera volver ao xornal como campo de batalla, á competencia a cara de can do capitalismo salvaxe. Pero claro, que editor “responsábel”, na defensa da cabeceira e do plantel, non vai agradecer e disimular as esmolas, veñan de onde veñan, e convivir co capitalismo pedichón? Parvos serían.





