O profesor da USC soa para o pregón do Apóstolo, apoiado por forocoches.com e o Instituto Juan de Mariana. Se non vivimos un furor pola ciencia política, a popularidade de Bastos ten outra orixe. Nas súas charlas válese de recursos retóricos eficaces e analoxías trucadas. Equipara o funcionamento do mercado clásico, nunha sociedade agrícola e artesá con intercambio de favores e feiras, á economía monopolística, global e financiarizada do presente. O concepto económico máis nefasto é a teoría do valor, que para el non depende dos custos nin do traballo senón que se fixa espontaneamente, con criterios intanxibeis, mesmo emocionais, entre comprador e vendedor. Como se verifica iso no prezo dos produtos farmacéuticos? Ou nos prezos dinámicos das plataformas dixitais? U-la forza negociadora do comprador?
Os argumentos e modelos da escola austríaca son máis verbais que matemáticos. O obxectivo é armar un relato sobre as desigualdades biolóxicas individuais que sirva de base para lexitimar as desigualdades económicas, de xénero, de dereitos políticos, raciais, nacionais, etc. As matemáticas constrinxen, son “dogmáticas”, a literatura préstase a ser moldeada en mans dun ferreiro experto. É o mazo da batalla cultural co que nos machacan os clubs neoliberais como a FAES informe tras informe.
A metáfora da feira para explicar unha economía de escala como o neoliberalismo acelerado é literatura, igual de eficaz que declararlle a guerra a unha potencia atómica con espadas toledanas ou demostrar a viabilidade do anarquismo co exemplo dos pigmeos, como fai. A hipertrofia das dimensións arrastra modificacións cualitativas irreversibeis, como os protolitos submetidos a sobrequecemento e presión alta se transforman en rocha metamórfica. A tradicional capacidade de axencia anúlase. Se na feira o individuo era quen de influír no devir das transacións, agora está a mercede da axencia monopolizada por Silicon Valley ou a City de Londres.
Bastos é un performer temático e camaleónico que adapta o repertorio de chistes con punch ao garito que o contrata, o auditorio de cada almorzo paleolibertario, a universidade privada ou o podcast de friki-falanxista con titulación de ADE.
Parte da popularidade de Bastos vén de saber presentar a complexidade económica coma unha novela picaresca enxebre de tipos que relean polo prezo do xato e bendicen o trato cun aperta de mans, neto de viño e ración de polbo, relato de David contra Goliat, o sentido común do paisano a ensinarlle catro cousas á ciencia económica a base de retranca. Fai brindes ao sol polo pequeno pero non explica como defenderse do grande coas regras deste.
O problema é que no mundo que coñecemos triunfa Goliat e a economía ten de científica a parte da contabilidade, o resto é información privilexiada, dominio ou especulación: isto convén sabelo pero non divulgalo. O obxectivo do gurú é facer pasar por ciencia ou sentido común as decisións políticas e empresariais que favorecen a quen detenta o poder de decisión e dispón da forza para impolo, non precisamente o paisano. Este é o labor que lle aplauden a Bastos nos foros neoliberais. O relato enxebre é o que, nun alarde de transversalidade, seduce en sectores nacionalistas, sumado a que, cando xoga na casa, pon a capa de independentista e/ou galego-portugués, unha disonancia romántico-carlista ou insurxencia ancien régime que disimula con habelencia alén do Padornelo.
Camaleóns e matrioskas
Bastos é un performer temático e camaleónico que adapta o repertorio de chistes con punch ao garito que o contrata, o auditorio de cada almorzo paleolibertario, a universidade privada ou o podcast de friki-falanxista con titulación de ADE. Como bo monologuista, emprega recursos de apoio ao texto: pausas dramáticas, preguntas socráticas, sorrisos cómplices, aceleróns expresivos, berros contidos, coloquialismos ou, last but not least, a marca da casa, o revoar de mans característico durante o cal semella que dun Bastos sae outro, e outro, coma nas matrioskas rusas, sen esquecer os detalles de vestiario deshabillé, camisa por fóra ou no da gravata desnivelado polo fragor discursivo. Nos foros madrileños de moreno-cabina, camisa de El Ganso e melena engominada, o acento galego revísteo de xenio silvestre que di verdades coma puños de maneira intuitiva, coma un Maradona de favela que aprendeu a xogar na rúa cun balón de trapo.
Deus nos aparte de confiar aos comediantes os mandos da cousa pública. Pregóns de festas, cantos queira.
Bastos apórtalles aos tecnócratas sen escrúpulos algo do que carecen, o mel para que non cuspamos a mediciña e traguemos o sapo. Mais o pack anarcocapitalista vén por xunto, os danos humanos para que o modelo macroeconómico cadre computan coma o monte de escoura ao pé dunha mina e Bastos sábeo: coa devastación do planeta, o supremacismo branco e machista, a competición psicoloxicamente destrutiva, a incompatibilidade de democracia e “liberdade”, a mercantilización da vida privada, os ataques á razón, as chiscadelas euxenistas, as motoserras e a Riviera en Gaza, flecos que o profesor canea con provocacións de chiste: “Odio os pobres! Non quero que quede ningún!” finxe indignarse.
Dado que o darwinismo social non ilusiona nin beneficia o conxunto da poboación, a alternativa é que funcione como ficción en forma de mitos e símbolos que conviden á resignación, deixalo en mans dun flautista de Hamelín, un narrador oral (o engado de Bastos desínchase por escrito) capaz de conseguir que os receptores se entreguen ao conto de fadas do emprendemento, o mérito, a liberdade, a valoración do traballo e o aforro ou un pasado comunal mítico. A realidade, como se sabe, é un caos sen xeito nin dereito. Na ficción, pola contra, todo encaixa. Deus nos aparte de confiar aos comediantes os mandos da cousa pública. Pregóns de festas, cantos queira.