Un malentendido popular e recorrente sostén que non hai nada máis incompatíbel que o artista e as institucións, a irreverencia anárquica fronte a oficialidade solemne e protocolaria. Esa percepción responde menos á realidade que a estereotipos, na práctica compleméntanse como a man e a luva.
As relacións con filántropos e promotores son unha caixa de sorpresas. Recibes unha chamada, convídante a tal sitio sen detalles da túa contribución e preguntas: “pero que teño que facer?” “Hai un par de ceas coa xente, unhas visitas e listo, con taxi na porta e unha compensación, creo que…-centos euros, paréceche? Se non, dimo e plantéxoo”. Calculas que é tanto coma os dereitos dalgún libro. “Pensamos en ti porque a xente te valora, para que a reunión teña empaque.” Isto é, trofeo pa-ra a foto co directivo e o logo da entidade financiadora.
Non é doado ceibarse de institucións e mecenas. Consellerías, deputacións, concellos e fundacións colonizan con subvencións o groso de concertos, ciclos, festivais, encontros ou espectáculos de escena, praxe que compromete a biodiversidade das programacións, compite con vantaxe fronte ás iniciativas independentes, infantiliza o público e fai uso partidista e clientelar da cultura, unha anomalía que temos asumida como a normalidade, coma se fose así en todas partes. Non hai xornadas, congreso, residencia ou premio que se libren do patrocinio. Hai premios con nome de empresa cuxa dotación económica asume a Xunta, publicidade corporativa co contribuínte de pagafantas.
Mirade unha presentación literaria ou entrega de premio nun Salón de Plenos. Na mesa aparecen máis cadeiras das precisas e, unha vez si e outra tamén, atopas ao teu carón un alcalde, conselleiro ou director xeral que che ceden a palabra para que fales ti primeiro, por favor!, es o protagonista. Eles pechan para lembrar que o acto forma parte dunha programación e un compromiso ambiciosos, remarcando o orgullo de promover os enxeños patrios e colaborar coa asociación cultural que convoca o acto, que rende pleitesía a quen lles permite seguir adiante co seu traballo de base. Ese acto é unha homenaxe a quen fala último, e ri mellor. A presenza das autoridades xustifícase para dar pé á redacción das crónicas: “O conselleiro de… non quixo perderse a…” Diante miña teño unha foto de prensa co seu pe correspondente: “O director xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse cos escritores que van participar na primeira quenda da residencia literaria de San Simón”. O político no centro, escoltado polos creadores, cuxos nomes non son nin mencionados. A vaquiña polo que vale.
A cerimonia oficial equivale ao rito, ten como misión vixiar e defender os límites, e así protexernos do que queda fóra dos límites, isto é, protexer os casteláns do que fica extramuros. Un rito precisa oficiantes, fetiches e axudantes. Cada discurso desprega un intercambio de “reverencias máximas coas que, na xerarquización do protocolo cortesán, se privilexia o mandarín”, Rafael Sánchez Ferlosio dixit. Isto no mellor dos casos, noutros convértese en palestra para dirimir as liortas entre as diferentes administracións contribuíntes e o artista vese envolto no fogo cruzado de dardos a destra e sinistra.
A farola
Téñenme entregado un premio con cea e cerámica de Sargadelos no que se permitiu o speech de todo quisque menos do premiado, nin para dar as grazas. Que vas facer, arrincarlle o micro das mans ás forzas vivas? Aquel premio entregoumo un coronel do exército retirado: Señor, si señor!! Total, xa podía ter falado e armado un discurso crítico ou irreverente, os asistentes estarían mastigando ou facendo scroll e nos medios amosarían imaxes cunha narración informando do esencial, a nómina de autoridades presentes. O teu discursiño esvaecería coma o aroma da carne asada no banquete.
Cada vez que chocas unha man, dispárase un flash. E que vas facer, negar o saúdo? Se unha multinacional petroleira che entrega un cheque de milleiros de euros, que vas facer? Collelo, lóxico, coma os diplomas de redacción da CocaCola. Sacas a foto e vaste, coma quen pon unha inxección na cacha e sobe os pantalóns, dentro de nada as molestias comezarán a desaparecer. Mellor que dediquen unha cantidade á cultura que a cousas peores, non si? A precariedade laboral que asola os traballos creativos ou cotizar para o retiro a salto de mata xustifícano case todo. Agora si que falo en serio. Que erga a man o escritor ou escritora, músico ou música que non se viu nunha tal. Se se viu, por favor que o conte. Aínda armabamos unha antoloxía xeitosa.
A proliferación e rendibilidade destes actos fai que o cabeza dun executivo non poida estar fisicamente presente en todas partes e saír en todas as fotos, malia que algúns caciques e populistas cortexen esa ubicuidade ata a extenuación con asesores que non só lles organizan a axenda senón que deseñan traslados e rutas optimizadas que fagan posíbel chegar a un número inverosímil de recunchos. Unha vez neles, o político escanea os rostros familiares, ponse en garda cos que non o son e fai gala dun sexto sentido, digno dun beagle, para uliscar a presenza de xornalistas e cámaras e ofrecer o perfil bo, choca un feixe de mans e descúlpase por non poder ficar ata o remate, co que lle apetecería! Para os eventos que o líder non dá cuberto, á mañá despacha o equipo de apóstolos sobre o territorio coma un exército de cans de fidelidade inquebrantábel e un mandato firme: “Mexade vós por min en cada farola”.





