Unicamente conta o saber vacilante. Iso é o que máis lles falta aos ordenadores: vacilación”. (Elías Canetti. Apontamentos 1992-1993)

Encetamos esta serie de crónicas indignados pola privatización de areas de goberno e ben común a favor do oligopolio tecnolóxico, alertando sobre o aumento da capacidade de extorsión e a dependencia a futuro inflixida polas administracións aos seus administrados. Agora o goberno dos EUA decidiu afrontar a regulación da IA nomeando un comité asesor en ciencia e tecnoloxía para o Padriño de Mar-a-Lago, presidido por investidores de Silicon Valley e integrado por representantes de Meta, Nvidia, Oracle, Google, Palantir ou Dell. As empresas a regular, causantes do que Cory Doctorow chama merdificación rampante, vanse encargar da regulación, a limpeza e a protección dos usuarios, todo queda na famiglia, o cartel da Casabranca.

*

O goberno de Albania vén de crear un ministerio que vixíe a limpeza dos contratos públicos no país máis corrupto de Europa. O cargo non o ocupa un algoritmo calquera, non pensedes nunha fórmula matemática con símbolos abstrusos, senón unha ministra virtual fermosísima ataviada co traxe tradicional. Chámase Diella (“sol” en albanés), emprega tecnoloxía de Microsoft e o código do algoritmo, como imaxinades e por motivos de seguridade nacional, é opaco. Insuperábel.

*

Os CEOs da IA son feirantes subidos no camión que, con micrófono ao pescozo, nos ofrecen o xogo de sabas de flanela de 1.50, sabas de Groenlandia, as que lle gustan a Trump.

Intelixencia Artificial é un termo de marketing, non unha tecnoloxía concreta senón unha heteroxeneidade de funcións xa existentes que se venden con esa etiqueta e, no caso dos Modelos de Linguaxe, disimula a condición informática baixo a interface dun chat.

Os CEO´s da IA son feirantes subidos no camión que, con micrófono ao pescozo, nos ofrecen o xogo de sabas de flanela de 1.50, sabas de Groenlandia, as que lle gustan a Trump. Polo mesmo prezo vai outro para cama de 90, máis un pacote de calcetíns de lá de ovella escocesa, máis un mantel lavábel sobre o que verte ketchup para demostralo. Collémolo de boas, estamos a fin de mes e tira a casa pola ventá: as sabas de 1.50, as de 90, o pacote de calcetíns e o mantel milagreiro, hoxe, a metade de prezo. Daríanos tamén o camión se non fose porque coa gañancia que vai sacar non lle dá para apañar un taxi. Un algoritmo infalíbel, sacánllelos das mans.

*

Semella contraintuitivo que os CEO´s de Silicon Valley sementen a alarma respecto da súa propia criatura: en dezaoito meses os empregos de colo branco van desaparecer, o perigo de que a IA liquide a humanidade sitúase entre o 10 e o 20%, imos pausar tal función porque está fóra de control. A alarma incrementa o hype e benefíciaos porque provoca parálise, renunciamos a actuar para evitalo e non falamos do que debemos falar: violacións de dereitos humanos e de propiedade intelectual, extorsión laboral, esgotamento de recursos, corrupción de reguladores, acumulación de poder, deskilling que descapitaliza as institucións e atrofia as capacidades das persoas, etc. Alarmados, entregámonos á derrota psicotrópica e o morbo apocalíptico do colapso planetario, fuximos en desbandada ou conformámonos con salvar o que se poida e resistir uns días no búnker con legumes e latas de sardiñas.

*

A IA privilexia a información recente, abundante e dixitalizada. Este modelo leva á invisibilización ou a un viés negativo do coñecemento distante, o non dixitalizado e o minoritario, desde as posicións críticas ata o saber popular sen acceso á tecnoloxía, pasando polas linguas de poucos falantes: unha reescritura subtil da memoria cultural que se apoia na opacidade e favorece a deriva autoritaria. Os usuarios non dispomos da información nin das ferramentas para cuestionar predicións elaboradas automaticamente a partir dun volume de información xigantesco. Conclusións que, ao seren adoptadas por unha máquina (na frase de Canetti “sen vacilación”), preséntanse como neutrais ou obxectivas.

A este desamparo contribúe a asimetría infraestrutural que se establece entre os usuarios e as corporacións. Enfrontámonos a un monopolio dos centros de datos, da capacidade de almacenamento na nube, dos chips, a extracción de enerxía eléctrica, terra, auga ou beneficios fiscais, a influencia ou extorsión sobre os gobernos, etc. Esta asimetría de infraestruturas e recursos replícase en asimetrías xeopolíticas que castigan as periferias.

*

A metade dos centros de datos en proxecto nos EUA van retrasados ou foron cancelados. Se non había un modelo de negocio críbel, máis alá dos contratos no ámbito militar e represivo, os investimentos eran circulares e simulados para manter a valoración bursátil ou parecía claro que non se dispoñía de enerxía abondo e esta era de combustíbeis fósiles, a máis poluínte pero a máis fiábel, agora resulta que tampouco dispoñen da capacidade industrial para fabricar e renovar periodicamente baterías, chips, cadros eléctricos, transformadores, que se importan de China. A tecnoloxía existe e pervivirá pero algúns dos grandes irán ao tacho, China tomará vantaxe e baixará o soufflé. Ninguén coce bos bolos á primeira, ata que perfila a receita e lle colle a medida ao forno.

Artigos relacionados: